| Actualidade Vigo, 23 de agosto de 2005 Fronte á Casa do Concello de Xinzo, o mércores 24 de agosto Concentración de solidariedade cos traballadores da folga da recollida do lixo da Mancomunidade da Limia
A CIG fixo pública unha invitación a todos os delegados/as, afiliados/as e simpatizantes do sindicato de traballadores/as para que acudan ás 11:30 da mañá do mércores 24 de agosto á concentración organizada desde a Unión Local da CIG de Verín en solidariedade cos traballadores/as en folga da Mancomunidade de Concellos da Limia. Aínda que estas datas de agosto son moi complicadas para este tipo de actos, para Anxo García da CIG de Verín “a gravidade deste conflicto, que enfronta ao noso sindicato e a 10 traballadores en folga contra toda a maquinaria do PP de Ourense (7 alcaldes do PP coa inestimábel axuda que lles presta o de Rairiz da Veiga: Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio), fai que non teñamos máis remedio que apelar a solidariedade sindical e obreira”, polo cal o sindicalista recada a axuda de delegados/as, afiliados/as e simpatizantes “para contribuír a erosionar as posturas fascistoides deste persoal”. Neste senso, o 19 de agosto, Anxo García difundía aos medios de comunicación o seguinte comunicado, do que nos facemos eco: «Diante das reiteradas denuncias, por escrito e con publicidade, do presidente da Mancomunidade de Concellos da Limia, José Joaquín Puga, e o seu soporte na institución, o alcalde de Rairiz da Veiga, Xosé Xaquín Rodríguez, acusando ao Comité de Folga dos traballadores/as da Mancomunidade e á Confederación Intersindical Galega do incumprimento duns “pretendidos e inexistentes servizos mínimos” chegou a hora de demostrar o tipo de artes das que se valen estes señores para xustificar o inxustificábel. A folga de traballadores/as deu comezo o día 12 de agosto de 2005, estando preavisada desde o 1 de agosto. 2º. O Tribunal Constitucional, na súa Sentenza 51/1986 de 24 de abril, estabeleceu que a decisión gobernativa (neste caso do presidente da Mancomunidade) sobre servizos mínimos ten que ser comunicada preceptivamente, como garantía, aos representantes dos traballadores con carácter previo á súa aplicación. 3º. O Servizo de Correos de Xinzo de Limia só abre ao público en horario de mañá. 4º. O día 17 de agosto de 2005 ás 13:51 horas, cinco días despois do inicio da folga, a Mancomunidade deposita no Servizo de Correos de Xinzo, para envío ao Comité de Folga, un burofax dirixido a comunicar uns “supostos servizos mínimos”. 5º. O Servizo de Correos, por medio de aviso repartido ao medio día do 18 de agosto, indica a un membro do Comité de Folga que debe pasar polas dependencias postais de Xinzo de Limia a recoller un burofax. 6º. O día 19 de agosto (sobre as 08:40 horas) o Servizo de Correo entrega ao Comité de Folga o “suposto Decreto de Servizos Mínimos” para a Folga da Mancomunidade. Este é o momento legal, oficial e real no que o Comité de Folga ten coñecemento da existencia dun decreto deste tipo (que con todo é absolutamente ilegal e, no seu momento se demostrará). Tiñan pasado dende o inicio da folga 8 días. 7º. Pois ben, o presidente da Mancomunidade e o alcalde de Rairiz da Veiga, xa denunciaran, o 17 de agosto, no Xulgado de Xinzo e declararan a varias emisoras de radio e á prensa escrita (publicándose na escrita o 18/08/2005) que a CIG incumprira os servizos mínimos ese mesmo día 17/08/2005, tanto as 07:00 horas da mañá como as 13:00 do medio día: a) “A CIG incumpre os servizos mínimos da folga” (La Región, 18/08/2005); b) “Os piquetes no día 17 de agosto impediron o cumprimento dos servizos mínimos decretados pola folga” (La Voz de Galicia, 18/08/2005); c) “Juan José Puga aclara que ao decidilos (servizos mínimos) incluíase aínda o nome e apelidos dos operarios que asumirían esa tarefa, pero que as 07:00 horas, os sindicalistas impediron cos seus coches particulares que saísen os camións. Actitude que repetiron ás 13:00 horas, cando acompañados polo alcalde de Rairiz voltaran tentar cumprir os servizos mínimos” (La Voz de Galicia, 18/08/2005). 8º. Así, coa secuencia de feitos relatada, só queda manifestar, como di o refrán, que se pesca antes a un "mentirán" que a un coxo. (...) Con todo, na CIG sabemos que o único camiño para a solución da folga ten que iniciarse no diálogo, na constitución dunha mesa de encontro, na cesión de todos os implicados nas súas posicións, no respecto aos dereitos dos demais e na procura do arranxo do problema de 40.000 veciños que non teñen por que padecer a curtidade e os erros de quen os goberna, e por ese motivo, reiteramos a posibilidade de sentarnos a falar». |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/08/2005 |