ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 31 de agosto de 2005

Folga do Lixo na Limia: A Mancomunidade fai unha proposta provocativa
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: Folga lixo Mancomunidade da Limia, clic para aumentar
Foto CIG: Folga lixo Mancomunidade da Limia, clic para aumentar
Na concentración do mércores 24 de agosto na entrada da Casa do Concello de Xinzo da Limia, portaban a pancarta os traballadores en folga da Mancomunidade de Concellos da Limia, arroupados por responsables da Unión Local da CIG de Verín e o secretario xeral do sindicato, Suso Seixo. Nesta concentración anunciouse a prórroga da declaración de folga durante 20 días máis, desde o 1 de setembro ao 20 de setembro, “para o caso de que os responsables da Mancomunidade segan a facer deixazón de funcións e ouvidos xordos as demandas dos obreiros”.
 
No marco da folga do lixo, a reunión do martes 30 de agosto convocada por José Juan Puga Quintas, presidente da Mancomunidade de Concellos da Limia, resultou, segundo valorou o Comité de Folga, “unha nova tomadura de pelo”, xa que as propostas de servizos mínimos foron superiores ás que xa suspendera o xulgado de Ourense. Para a CIG, este proceder amosa que non se quere arranxar o conflito.

Reproducimos a continuación o comunicado de prensa emitido pola CIG de Verín.


O Xulgado Contencioso-administrativo de Ourense suspendeu cautelarmente os servizos mínimos decretados o pasado día 19 de agosto por José Juan Puga Quintas, ao considerar que o número de 6 traballadores designados constituía unha cantidade desproporcionada e, xa que logo, tais servizos non eran esenciais para Comunidade, senón que, máis ben, eran servizos ordinarios.

Pois ben, hoxe, para sorpresa da Confederación Intersindical Galega (CIG), do Comité de Folga e imaxinamos que de toda a cidadanía, José Juan Puga, obviando a resolución xudicial de suspensión cautelar, propuxo a esta central sindical e aos traballadores a realización duns servizos, por el chamados “mínimos”, nun número de 8 traballadores/as designados. É dicir, se o anterior decreto foi suspendido por desproporcionado, a proposta actual (superior en 2 traballadores) constitúe unha auténtica burla á cidadanía, desprezo as decisións xudiciais e unha evidente intención de non querer arranxar o conflito.

Se onte os políticos da Limia non responderon ao chamamento desta central sindical para arranxar unha folga que está a afectar aos veciños da comarca enteira, hoxe búrlanse de todos tentando pasar por riba das decisión xudiciais. O Comité de Folga da Mancomunidade de Concellos da Limia e a CIG manifestamos a nosa absoluta repulsa á tomadura de pelo que os dirixentes da Mancomunidade veñen realizando desde que comezara a folga, aos traballadores/as e veciños/as da comarca da Limia.

O Partido Popular, gobernante na Mancomunidade e, concretamente, José Juan Puga, non teñen a máis mínima intención de arranxar un problema que eles mesmos crearon, porque sinxelamente son uns “incapaces”.

Así, diante da inacción da Mancomunidade, da burla permanente cara á cidadanía e do desprezo ás decisións xudiciais, a Confederación Intersindical Galega e o Comité de Folga imos rexistrar, durante a tarde de hoxe, unha proposta de servizos esenciais para a comunidade. Unha proposta dirixida á Mancomunidade de Concellos, á Subdelegación do Goberno, á Consellaría de Traballo, de cara a autorregular estes servizos, para que a cidadanía non teña que seguir a agardar por unha decisión que a Mancomunidade non quere tomar.

Os traballadores/as, exercendo as nosas responsabilidades como cidadáns, vémonos na obriga de propor a autorregulación (por primeira vez nun conflito laboral) dos servizos esenciais para a comunidade, posto que a Administración fai deixazón de funcións e semella que ten interese en non resolver os problemas.

Daquela, e sen renunciar as accións xudiciais emprendidas, como xesto de boa vontade cos veciños da Limia, e no exercicio das nosas responsabilidades cidadáns, o Comité de Folga e a CIG propomos o establecemento dos seguintes servizos esenciais, en réxime de autorregulación e de acordo cos principios de motivación, proporcionalidade, imparcialidade e legalidade:

Servizos Nº traballadores total Proposta de autorregulación Máxima xornada diaria Máxima xornada semanal
Servizos administrativos

2

1

25%

25%

Servizos sociais

7

1

25%

25%

Recollida do lixo

9

2 (1 condutor e 1 pión)

25%

25%

Máquinas desbrozadoras

3

1

25%

25%

Criterios para o desenvolvemento da prestación de servizos esenciais:

a) Os traballadores/as designados para cubrir os servizos mínimos efectuarán este traballo de xeito rotatorio, por semanas.

b) Tal e como estabelece a lei, queda prohibida a mobilidade funcional entre servizos.

c) A bordo de cada camión do lixo só poderán ir 1 condutor e 1 pión, como número máximo total de traballadores.

A maiores, temos que manifestar, que se a Mancomunidade segue a desgobernar e a pasar dos problemas dos seus veciños e traballadores/as, nós mesmos estudaremos, no caso de non recibir unha resposta inmediata, a posta en marcha destes servizos.


Xinzo da Limia, 30 de agosto do 2005.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/08/2005
cig.informatica