|
Actualidade CIG-Comunicación-
O presidente da Mancomunidade da Limia e alcalde de Os Blancos (Ourense), José Juan Puga Quintas, asinaba, o pasado 18 de xullo, o convenio polo que se acordaba un incremento salarial de 15 euros cos traballadores da mancomunidade. Porén, no pleno onde debía ratificarse, o propio Puga propuxo que se votara en contra. Tras varios intentos por retomar as negociacións, os alcaldes da zona, maioritariamente do PP, rexeitaron sentarse a dialogar, o que provocou que finalmente se optara por convocar esta folga. “Queremos expresar o noso desacougo máis fondo por ter que chegar a unha situación como esta”, afirma o representante da CIG, Anxo García Torres, quen engade que “nos vemos na obriga de convocar esta folga para que quen asinou o convenio o respecte e non sexa, precisamente, o primeiro en incumprilo”. García Torres lembra ademais que “esta non é a primeira vez que nos atopamos cunha situación como esta”. Os traballadores da mancomunidade de municipios da Limia -23- demandan un incremento salarial de 15 euros mensuais, a equiparación das tres categorías profesionais, a sinatura do convenio colectivo e a negociación dunha relación de postos de traballo.
Para o representante da CIG, tras da negativa dos alcaldes do PP de sentarse a negociar e provocar que se chegue á convocatoria de folga agóchase a intención de disolver a mancomunidade para así “poder desentenderse dos 1.300.000 euros que lle deben”. Tal é así, que algúns alcaldes xa teñen anunciado que apoiarán a súa disolución se os traballadores van á folga. A CIG xa anunciou que estudiará a posibilidade de demandar aos alcaldes que están facendo estas declaracións. A Confederación Intersindical Galega da comarca tense dirixido tanto aos veciños, para explicarlles a situación e solicitar a súa comprensión e apoio, como aos propios alcaldes da mancomunidade. No escrito dirixido aos rexedores municipais, a CIG advirte que a “folga é un dereito dos traballadores constitucionalmente protexido” e lémbralles que está “absolutamente prohibida” a substitución de traballadores folguistas “tanto por traballadores alleos á empresa como por voluntarios alleos a empresa, como por traballadores da empresa que non estean en folga pero fagan outras funcións, como por contratas externas”. Anxo García Torres denuncia tamén a decisión, de “dubidosa legalidade”, de duplicar o salario de Froilán Pallín Seco, porque “nos estraña a relación contractual de alguén, sen alta na seguridade social, cunha retribución a base de dietas e cun obxecto consistente na impartición de formación aos traballadores da institución”. A CIG non entende como é posíbel que se lle deneguen aos traballadores 15 euros ao mes mentres que a outras persoas que prestan servizos para a mancomunidade se lles duplica o salario. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/08/2005 |