|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Só a voz do sindicalismo (nomeadamente, do sindicalismo nacionalista) creba o silencio, e vai máis alá das repetidas condolencias e laios, reclamando solucións a un problema estrutural en si mesmo que cómpre abordar de xeito urxente con medidas concretas tendentes ao ‘risco cero’ nos accidentes no traballo. O epicentro da sinistralidade no traballo hai que o situar na alta precariedade laboral que soporta o mercado laboral galego, é dicir, que soportamos os traballadores e traballadoras. Contratos lixo, xornadas laborais que se alongan innecesariamente, eventualidade no posto de traballo, inaplicación da lexislación laboral en vigor... son o pan de cada día para a clase traballadora galega. As consecuencias estámolas a ver día si, día tamén, cunhas cifras de accidentes (algúns co resultado de morte) que son absolutamente intolerábeis. Será necesaria a mobilización activa da clase traballadora para situar nun primeirísimo plano das preocupacións tanto dos gobernos implicados, como da patronal, como da propia sociedade a sinistralidade laboral. Unicamente a partir de aí, de facer comprender a gravidade do problema, vai ser factíbel abordalo coa profundidade que require, indo ás verdadeiras raíces da sinistralidade no traballo. Reducir significativamente o número de accidentes laborais e evitar mortes ou doenzas graves asociadas á sinistralidade laboral é hoxe unha tarefa urxente no mundo do traballo. Ninguén pode quedar á marxe de propor medidas e achegar solucións ao problema. O sindicalismo nacionalista xa deu un paso á fronte pondo en marcha unha campaña nacional nesa dirección. Outros deberían mover ficha, pero xa.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/08/2005 |