Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 12 de agosto de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Aquel mozo chamado Moncho Reboiras

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


A achega de Moncho Reboiras ao renacente nacionalismo galego dos 70 viuse truncada pola súa temperá morte a mans da sanguinaria policía franquista un tráxico 12 de agosto de 1975 na cidade de Ferrol, cando só era un mozo de apenas 25 anos (...) Trinta anos despois do seu pasamento, a súa figura agrándase enormemente.



  Moncho Reboiras, clic para aumentar
Moncho Reboiras simboliza tamén toda unha xeración militante, marcada polo ideario da emancipación nacional de Galiza e a loita pola xustiza social, nunha abafante atmosfera de represión das liberdades.
 
A loita política contra a ditadura franquista no noso país tivo en Ramón Reboiras Noia (“Moncho Reboiras”) un exemplo de compromiso revolucionario e entrega militante. Compromiso coa liberación nacional e social da nación galega e das súas clases populares e entrega ao proxecto político do partido vangarda chamado a liderar a loita pola transformación de Galiza naquela convulsa década dos 70, a Unión do Pobo Galego, partido do que el era un dos cadros máis destacados.

A achega de Reboiras ao renacente nacionalismo galego viuse truncada pola súa temperá morte a mans da sanguinaria policía franquista un tráxico 12 de agosto de 1975 na cidade de Ferrol, cando só era un mozo de apenas 25 anos. Así e todo, puido desenvolver un inxente traballo político en varias frontes, comezando polo activismo cultural e lingüístico desde a chamada “Frente Cultural” e seguindo pola difícil tarefa de comezar a organizar o sindicalismo nacionalista. E xa finalmente entregado ao combate clandestino nos estertores finais do totalitarismo franquista, combate no que perdeu a vida en loita desigual contra as forzas da orde da ditadura.

Moncho Reboiras simboliza tamén toda unha xeración militante, marcada polo ideario da emancipación nacional de Galiza e a loita pola xustiza social, nunha abafante atmosfera de represión das liberdades. Se hoxe o nacionalismo galego é o que é, e se Galiza a pesar de todo tamén é, ninguén debería esquecer o contributo xeneroso de todos e cada un deses homes e mulleres que soñaban unha patria ceibe nun mundo onde no que deben caber todos os mundos.

Trinta anos despois do seu pasamento, a figura de Reboiras agrándase enormemente. Na memoria do nacionalismo, e se cadra un día tamén na memoria do pobo galego, latexa sempre viva a súa pegada, a pegada dese home irrepetíbel que foi Moncho Reboiras.


Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/08/2005
cig.informatica