Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 12 de agosto de 2005

Moncho Reboiras, 30 anos despois
 

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel-

Actualidade GalizaCIG


Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras xunto con outros dous compañeiros, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era acribillado a tiros. Un deles na caluga. Van xa 30 anos desde aquel asasinato. O artigo que reproducimos lembra a súa figura, que fica xa na memoria colectiva.




Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras, trinta anos despois
Vida e compromiso


  Moncho Reboiras, clic para aumentar
Moncho, membro do comité central da UPG e do seu comité executivo, sabía que era preciso artellar noutros puntos da xeografía galega pequenas estruturas de obreiros (xermes sindicais) e simpatizantes e militantes nacionalistas. Así se convén a nivel partidario asumindo Reboiras, xunto a outros compañeiros e compañeiras, unha responsabilidade crucial. Un traballo que cristalizará na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975. Moncho, sen dúbida, era un militante que ficaba na vangarda.
 
“Non enterran cadavres, enterran semente” (Daniel Castelao).



Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, Dodro, no seo dunha familia popular. Alá medrará a cabalo entre o agro e o mar. Estuda como a maior parte dos nenos da zona na escola unitaria de Imo. Eran os tempos nos que o agromar, outravolta, do sentimento nacional da Galiza, aínda que na clandestinidade, estaba a se reorganizar logo da queda que suporía o golpe militar-reaccionario do 1936.

En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, Ramón Reboiras marcha cos pais e o seu irmán, un ano máis novo ca el, a Vigo cara 1959. Os seus proxenitores botarán a andar o Bar Noia “viños e comidas. Café expres” na barriada popular de Teis, convertido, froito da industrialización e o medre da cidade olívica, nunha sorte de cidade dormitorio. Neste contexto eminentemente proletario, no que sobrevive a realidade labrega, o mozo Ramón observa e padece a opresión de clase. Polo Bar Noia pasaban ducias de obreiros diariamente. Os irmáns Reboiras, que axudan á nai a levar o negocio familiar, confróntanse coa realidade do mundo fabril. A isto súmaselle o feito do pai ter que embarcar en petroleiros e mercantes noruegueses para mellorar a economía familiar.

Moncho era un mozo responsábel, un estudante aplicado, deportista, moi observador e, desde cedo, irá tomando unha crecente preocupación e compromiso coa realidade que o circunda.

Neste tempo chegan a Vigo as novas dos conflitos de Castrelo de Miño (1965), e doutras loitas populares. Nestes movementos populares de resistencia e loita comezará a estar presente unha nova organización nacionalista que viña de nacer, a Unión do Povo Galego (UPG). E chegan tamén as informacións do paro obreiro dunha hora que se efectivizará na empresa Barreras pola mellora das condicións laborais dos operarios, así como máis tarde sábese dos conflitos na Universidade compostelá.

  Moncho Reboiras, clic para aumentar
“Galiza, un mes de represión”, número especial da revista “Terra e tempo”, voceiro da Unión do Pobo Galego, correspondente a marzo de 1972.
 
Nesta altura os irmáns Reboiras compatibilizan o traballo no bar familiar cos seus estudos en diversas academias de Teis. Será na segunda metade da década dos sesenta cando chegue para Moncho a organización no seu bairro de adopción. Será no marco da Asociación O Castro, logo do contacto co xesuíta Xaime Seixas Subirá. Co padre Seixas participará, ao igual que moitos outros mozos, nos exercicios espirituais e o movemento polas misas en galego por todo o país. Nesta altura Moncho, terá unha consciencia nacional e de clase conformada e que engordaba día a día. Unha vez tomada esa consciencia tocaba trasladala a outros mozos cos que tiña trato. Nesta orde de cousas, tras o traballo no Castro virá o traballo na Asociación Cultural de Vigo.

Corre o ano 1969 e Moncho intégrase na UPG entendendo que era hora da organización política, estrito senso, e de canalizar a súa acción no marco desta organización nacionalista e de esquerda. Desenvolve un forte e efectivo proselitismo co grupo de rapaces do seu bairro mais tamén entre os contactos que foi facendo co Padre Seixas.

En paralelo, estuda na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. Aquí botará a andar a publicación Des...tornillo, para aguilloar na consciencia dos compañeiros de aulas. Polas súas boas cualificacións obterá unha bolsa e comezará a súa vida laboral en Barreras. Coñecendo en maior medida a realidade laboral e a explotación de clase.

Por outra banda o traballo no que se achaba mergullado Moncho Reboiras tamén, ao pouco, derivaría na denominada Fronte Cultural, (antecedente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG)).

Chega o 1972 e acentuase a represión sobre a clase traballadora galega. En Ferrol por impacto de bala morren os traballadores Amador Rei e Daniel Niebla. Feito que daría lugar ao “10 de marzal. Día dos obreiros heroicos”, antecedente do que hoxe coñecemos como Día da Clase Obreira Galega. Moncho desde a UPG está na coordinación dun dosier, de grande interese, no que se expuñan e denunciaban os feitos. Aliás, neste tempo é de grande importancia a súa relación con destacados integrantes do grupo Organización Obreira, tentando, mesmo, a súa inclusión na Fronte Obreira da UPG.

Polo seu compromiso coas mobilizacións Moncho é expedientado e expulsado de Barreras. De esta empresa marchará a Álvarez, tamén en Vigo, e ao pouco, xa sen vinculación cos estudos rematados, sen bolsa, marchará para A Coruña. Moncho, membro do comité central da UPG e do seu comité executivo, sabía que era preciso artellar noutros puntos da xeografía galega pequenas estruturas de obreiros (xermes sindicais) e simpatizantes e militantes nacionalistas. Así se convén a nivel partidario asumindo Reboiras, xunto a outros compañeiros e compañeiras, unha responsabilidade crucial. Un traballo que cristalizará na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975. Moncho, sen dúbida, era un militante que ficaba na vangarda.

Neste senso e tras decidir a UPG aprofundar en ‘formas de loita máis avanzadas’ (sic), Reboiras participa da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da ‘expropiación’ de material para dotar de infraestrutura ao nacionalismo na altura, de cara a súa acción política; aportando medios necesarios dos que carecía o ‘aparello de propaganda’ da devandita organización.

Os corpos represivos da ditadura franquista sabían das accións e dotes organizativas de Moncho. Así foi que atopándose en Ferrol, a policía cerca a vivenda na que se achaba Reboiras con dous camaradas á tardiña do 11 de agosto. Na madrugada do 12 de agosto axentes da Brigada Político Social, xunto a máis de 300 axentes da policía armada, rodean o domicilio onde estaban os tres militantes da UPG.

Moncho, diante deste contexto, centra nel a atención da policía para deixar paso libre aos seus dous camaradas, que así lograrían fuxir, pasando el a outro edificio a través dunha claraboia. Xa ao pé do portal destoutro edificio, na rúa da Terra, Moncho era acribillado a tiros, un deles na caluga, segundo información médico.

Co asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia o nacionalismo entra nunha fase de reestruturación forzosa diante da situación de desmantelamento e de forte represión que estaba a padecer. Virá un novo contexto, o da mal entendida e mal explicada “reforma” e “transición” política. Mais isto é outro tema. En todo caso o certo é que Moncho Reboiras fica na nosa memoria colectiva como exemplo modélico de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.


Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). É especialista na Historia do nacionalismo galego na II República. Xerente da Fundación Alexandre Bóveda (FAB). Director de Murguia, Revista Galega de Historia. Ten publicado diversos artigos sobre esta temática, entre os que destacan os relativos aos mozos Ultreyas e ás Mocedades Galeguistas; ponente en distintos seminarios e congresos. Autor dos libros A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (FAB, Pontevedra, 2002) e Álvaro de las Casas. Biografía, Documentos e Epistolario (Galaxia, Vigo, 2004). Ten colaborado en diversas publicacións como Terra e Tempo, A Trabe de Ouro e Grial.


[Artigo enviado a galizacig.com polo autor, 11/08/2005]

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/08/2005
cig.informatica