ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 19 de setembro de 2005

Comezarían folgas de varios días a partir de outubro se non se actualizan os suplidos por aportación de vehículos
CIG-Correos anuncia mobilizacións se non se atenden as súas demandas

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Correos, clic para aumentar
A non actualización dos suplidos por aportación de vehículo supón para os traballadores afectados unha merma do seu poder adquisitivo que vai do 10% ao 20% dependendo dos quilómetros que teña que percorrer para facer a súa zona de reparto. (Foto: Letreiro da sucursal de Correos na rúa Purificación Saavedra, en Teis-Vigo. ©Fernando Pol).
 
CIG-Correos vén de remitir unha carta ao presidente de Correos exixíndolle que se adapten os suplidos por aportación de vehículos aos tempos actuais, de acordo cos custos reais que teñen que soportar hoxe en día os traballadores. De non mediar resposta advirte que se porán en marcha mobilizacións.

Os traballadores de Correos veñen de pór en marcha unha serie de medidas para obrigar á Dirección a que se lles incrementen e actualicen os suplidos por aportación de vehículos propios no reparto da zona rural, para compensar as brutais subidas dos prezos dos carburantes e os grandes incrementos dos custos dos seguros, do mantemento e mesmo do prezo de compra dos vehículos, antes de verse forzados a iniciar un proceso de folga.

Miguel Ramundo, delegado de CIG-Correos en A Coruña explica que “os incrementos do custo dos carburantes, seguros, mantemento e vehículos, non se viu acompañada pola actualización dos suplidos que Correos abona aos seus traballadores, que están obrigados a pór vehículos propios (automóbil, motocicleta ou ciclomotor) para realizar o reparto diario na zona rural e mesmo nos arredores dos pobos e grandes cidades”.

A non actualización dos suplidos por aportación de vehículo supón para os traballadores afectados unha merma do seu poder adquisitivo que vai do 10% ao 20% dependendo dos quilómetros que teña que percorrer para facer a súa zona de reparto.

Estes suplidos levan conxelados preto de 10 anos, período no que só os que aportan automóbil viron un pequeno incremento de catro pesetas por quilómetro xa no ano 1999.

Esta situación afecta a preto de 1.200 postos de traballo de toda Galiza, uns 364 na provincia de A Coruña, o que significa que prexudica a máis de 2.400 traballadores en Galiza, uns 700 na provincia de A Coruña, tendo en conta tanto aos traballadores fixos como a aqueles que lles fan as substitucións por algún motivo, que así mesmo están obrigados a aportar vehículos propios.

Desde CIG-Correos subliñan o elevado número de habitantes das zonas rurais en Galiza e que nos arredores dos pobos e das grande cidades están os polígonos industriais, que son os pulmóns de abastecemento das mesmas. “Todas estas zonas están servidas por repartidores, carteiros e carteiras, cun salario que raia o ridículo e que agora Correos pretende que soporten con cargo ao seu mísero soldo o custo e o gasto que lles supón o ter que aportar vehículos propios”, explica Miguel Ramundo, delegado de CIG-Correos en A Coruña.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/09/2005
cig.informatica