Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 30 de setembro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Cousas de Europa e da lingua de noso

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


No informe sobre a Carta europea das linguas do Consello de Europa, de xeito velado, estase a facer unha crítica á política lingüística española, algo do que case nunca se fala e que porén é unha arma ardorosamente empregada polas elites españolistas para a uniformización e asimilación lingüística e cultura das nacións hoxe existentes no Estado español.



  Letra G, clic para aumentar
A política lingüística española existe e consume inxentes recursos económicos dos orzamentos estatais. É certo que esta política lingüística de promoción do español se manexa habilmente desde os resortes do poder, de xeito que pareza que as únicas políticas lingüísticas que existen son as que se fan desde os valedores das linguas galega, vasca e catalá, o que permite crear un estado de opinión moi amplo na cidadanía do Estado contraria aos idiomas propios de Galiza, Euscadi e Catalunha e, consecuentemente, ao seu proceso normalizador.
 
Semana de contraste no referido á consideración do galego nas institucións europeas. A cara poñíaa un informe do Consello de Europa acerca do grao de cumprimento por parte do Estado español da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, informe que, entre outras cousas, viña a demandar unha medida como a inmersión lingüística no noso idioma para os ensinos infantil, primario e secudario. A cruz viña da man da enquisa “Os europeos e as linguas” do chamado Eurobarómetro, na que o galego era simplemente ignorado e borrado do mapa, o cal é máis que rechamante para unha lingua con máis de mil anos ás súas costas e que na Europa do medievo gozaba de prestixio internacional.

Dos contidos do informe do Consello de Europa (que daba a razón á denuncia de diversas organzacións sociais galegas) chama poderosamente a atención que nun ámbito como o do ensino o que se propugne polo devandito ente sobarde as medidas normalizadoras contidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado no seu día polo Parlamento galego -co consenso das tres forzas políticas con representación nesta Cámara-. E isto é bo xa que sinala un camiño, o do galego como lingua vehicular do ensino, que até o de agora era unha demanda apenas compartida polos sectores máis conscienciados da causa galega. Con tal motivo, a nova Administración galega non debería implementar o Plan de Normalización sen atender a esta suxestión do Comité de Expertos do Consello de Europa.

Pero máis alá do que se conclúe no informe, con medidas máis ou menos puntuais e conxunturais, interesa tamén sinalar que, desde esa institución supraestatal chamada Consello de Europa, de xeito velado, está a facerse unha crítica á política lingüística española, algo do que case nunca se fala e que porén é unha arma ardorosamente empregada polas elites españolistas para a uniformización e asimilación lingüística e cultura das nacións hoxe existentes no Estado español.

A política lingüística española existe e consume inxentes recursos económicos dos orzamentos estatais. É certo que esta política lingüística de promoción do español se manexa habilmente desde os resortes do poder, de xeito que pareza que as únicas políticas lingüísticas que existen son as que se fan desde os valedores das linguas galega, vasca e catalá, o que permite crear un estado de opinión moi amplo na cidadanía do Estado contraria aos idiomas propios de Galiza, Euscadi e Catalunha e, consecuentemente, ao seu proceso normalizador.

Con respecto ao propio ordenamento lingüístico europeo, o informe do Consello de Europa desvela unha realidade que os construtores da Europa do século XXI teiman en ocultar: a existencia e vitalidade de linguas que, aínda carecendo de estado propio, son habituais para moitas cidadás e cidadáns europeos. Que o proxecto de Tratado Constitucional europeo obviase a existencia de todos e cada un dos idiomas de pobos e comunidades lingüísticas europeas sen estado, é síntoma inequívoco dese intento vil de violentar os dereitos lingüísticos de moitos de nós. De persistir esa tentativa de marxinación de linguas, pobos e culturas, acentuarase aínda máis o xorne anti-democrático da nova Europa, cuestionada unha e mil veces na súa arquitectura actual polo seu carácter anti-social e pola súa subordinación aos intereses do capital.

Cando dicimos que outra Europa é posíbel (e urxente e necesaria) tamén estamos a pensar en cousas como a garantía de podermos exercer con plenitude os nosos dereitos lingüísticos como galegos e galegas. De aí que as novas contraditorias que recibimos esta semana desde o corazón institucional da Unión Europea deben alimentar as nosas ansias e devezos por avanzarmos no proceso de normalización da nosa lingua nacional, o galego, nunha tesitura nada doada como a que temos pero que debemos ser quen de subverter, polo ben da diversidade de linguas e culturas a escala planetaria.


Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/09/2005
cig.informatica