|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A “Europa fortaleza”, xurdida de tratados como o de Schengen, blíndase con represión ante a fame do mundo, antes os millares e millares de africanos que procuran no vello continente só un anaco diso que chamamos futuro. A “Europa fortaleza” precisa de “países tapón”: o reino de Marrocos e o tamén reino de España cumpren á perfección ese papel. Ambos mobilizan policías e exércitos para deter a longa marcha dorida dos aínda aspirantes a inmigrantes. Por se iso fose pouco, a última decisión das autoridades españolas foi erguer un muro en forma de aramado na zona lindeira con Marrocos, separando Norte-Sur, vida-morte. Saiban os defensores da Europa do capital, da Europa neoliberal que pretendía un estatus de presunta lexitimidade (por medio do Tratado Constitucional europeo agora en suspenso por vontade popular, non das elites económicas e políticas), que a traxedia acontecida estes días en Ceuta, e tamén en Melilla, é froito cultivado polas súas mans. Dos seus dedos avarentos, da súa insaciábel cobiza, tamén saen os disparos que acabaron hoxe con cinco vidas, e que todos os días condenan a millóns de persoas no mundo á fame e á desesperación.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/09/2005 |