|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A cuestión do Sahara deita luz sobre unha orde internacional que se segue a construír con base en principios de carácter imperialista e seguindo a lóxica do capital, principios e lóxica que manteñen a persistencia dun réxime como o marroquí, tan lonxe de calquera sentido democrático que se poida entender como tal. Os trinta anos que median desde a retirada española do Sahara até hoxe están marcados para o pobo saharauí pola ocupación e o sometemento que fixo e fai Marrocos (e Mauritania até o ano 1979) da ex colonia española. A devandita ocupación foi enfrontada con determinación polos saharauís nucleados en torno á dirección política e militar da Frente Polisario, na defensa da proclamada República Árabe Saharuí Democrática (RASD). Desde o ano 1991, o Polisario cesou na súa loita armada, como consecuencia do Plan de Paz proposto por Nacións Unidas. Mais a intervención da devaluada ONU no conflito saharuí está a ter como resultado o máis sonoro dos fracasos, por mor dos innumerábeis atrancos que leva poñendo o réxime marroquí, atrancos que violentan calquera posibilidade de resolución deste contencioso. Iso si, neste caso a potencia ocupante, Marrocos, parece que conta co visto e prace das potencias occidentais, e de aí resulta o lamentábel papel que xogan unha e outra vez os diferentes gobernos españois (sexan do PSOE ou do PP). É obvio que detrás disto agóchanse claros intereses de tipo económico e comercial, en beneficio das elites capitalistas do Estado español. E ante iso, cousas como ‘a libre determinación dos pobos’ ou os ‘dereitos humanos’ non teñen cabida. A delegación galega desprazada ao Sahara volve á casa sen acadar o seu obxectivo de coñecer de primeira man a situación de padecemento do pobo saharauí (os campos de refuxiados como o do Tinduf, a represión a todos os niveis que exerce Marrocos...). En troca, os seus membros si puideron comprobar como o reino alauí persiste na obstaculización de calquera intento de que a chamada comunidade internacional se informe do conflito, co fin de dobregar a vontade colonizadora de Marrocos. Sería ben que o acontecido estes días se traduza nunha serie de actuacións e movementos políticos que obriguen a modificar o papel do actual Goberno español en torno á cuestión saharauí, nunha dirección que só pode ter como norte a autodeterminación do Sahara. Todo un pobo agarda paciente e ansiosamente esa solución a un conflito que xa dura demasiado.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/09/2005 |