ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 5 de outubro de 2005

Foi asinado por CCOO, UGT, CSIF e SPA co goberno do PSOE en Madrid
A área pública da CIG rexeita o acordo de retribucións de empregados/as públicos/as para 2006

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Representantes Federacións Área Pública CIG, clic para aumentar
As Federacións da Área Pública da CIG demandan un incremento salarial, con carácter xeral igual ao IPC real interanual, que se pode cuantificar como mínimo nun 4%; a recuperación do poder adquisitivo, para o que propoñen un incremento plurianual do 3%, con reparto lineal; que se inclúa a cláusula de revisión salarial; a xornada de 35 horas e un compromiso real para acabar coa precariedade e as privatizacións dos servizos públicos.
 
Os representantes das Federacións da Área Pública da CIG manifestaron o seu rexeitamento ao Acordo sobre retribucións para 2006. Demandan a urxente convocatoria da Mesa Xeral de Negociación da Xunta, solicitarán entrevistas cos grupos parlamentarios e convocarán unha concentración o 9 de novembro ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno en A Coruña.

As Federacións da Área Pública da CIG (Administración Pública, Ensino e Saúde) entenden que este acordo, asinado por CCOO, UGT, CSIF e SPA co Goberno socialista na Mesa Xeral de Negociación do pasado 28 de xullo en Madrid, segue a afondar na perda de poder adquisitivo, xa que só recoñece un incremento do 2% máis o 1,05% para o Complemento de Destino nas Pagas extras, cando o IPC interanual está nestes momentos no 3,7%.

A CIG denuncia que os sindicatos estatais veñen de aceptar, segundo recolle o texto do acordo, que non se contemple a cláusula de revisión salarial, nin a recuperación do poder adquisitivo, nin a xornada de 35 horas, ademais de manter os planos privados de pensións.

Pola contra, as Federacións da Área Pública da CIG demandan un incremento salarial, con carácter xeral igual ao IPC real interanual, que se pode cuantificar como mínimo nun 4%; a recuperación do poder adquisitivo, para o que propoñen un incremento plurianual do 3%, con reparto lineal; que se inclúa a cláusula de revisión salarial; a xornada de 35 horas e un compromiso real para acabar coa precariedade e as privatizacións dos servizos públicos.

Ao tempo, denuncian que a proposta non foi negociada na Mesa Xeral, sendo presentada verbalmente na mesma mesa sen ningunha marxe para negociar. Habitualmente sempre había unha segunda convocatoria no mes de setembro para dar marxe ás organizacións con presenza na Mesa Xeral para que presentaran as súas propostas.

Para as Federacións da Área Pública da CIG con este acordo incúmprese o programa electoral do PSOE, no que se comprometía a recuperar o poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos.

A fin de amosar o rexeitamento a este acordo, as Federacións da Área Pública da CIG convocan unha concentración de Delegados e Delegadas para o próximo mércores, día 9 de novembro, ás 11:30 horas, diante da Delegación de Goberno de A Coruña, en demanda destas reivindicacións.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2005
cig.informatica