|
Actualidade CIG-Comunicación-
Suso Seixo valora positivamente a intención do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, de encetar un cambio total nas políticas sociais, superando así a concepción que tiña o goberno do Partido Popular “cara a facer políticas sociais e non políticas de subvencións a determinada xente ou de favorecer a privatización de determinados servizos cun criterio claramente clientelar, pero sen atender á necesidade de dotar de servizos á poboación, para mellorar as súas condicións de vida e favorecer, ao tempo, a creación de emprego”. Ademais, o secretario xeral da CIG considera que sería un avance para dinamizar estas políticas a creación dun Instituto Galego de Servizos Sociais, tal e como anunciou na xuntanza Anxo Quintana. Seixo explicou na súa comparecencia diante dos medios de comunicación a importancia que para a CIG ten que se parta da necesidade de mellorar as ratios de servizos sociais, que no caso galego están moi por debaixo a respecto do estado e da UE. Unha mellora que, ao seu entender, debe atender á necesidade de mellorar as condicións de vida da poboación en xeral e das persoas ás que máis afecta este déficit de servizos, nomeadamente as mulleres. Déficit “que as obriga a facer dobre xornada laboral” e que dificulta a súa inserción laboral. Nese sentido, Suso Seixo incidiu nas demandas que ten feito a CIG de “crear unha rede de servizos sociais para que poda haber unha conciliación da vida laboral e a vida familiar, facilitar a incorporación da muller ao traballo e facilitar mesmo a creación de emprego con todo o que ten que ver con incrementar a rede de garderías, crear centros de día, de atención a persoas maiores e centros de atención a persoas dependentes, tanto con minusvalías físicas como psíquicas”. Na xuntanza, Quintana propuxo mudar a forma de participación institucional das centrais sindicais que hai na actualidade, herdado do anterior executivo. Diste xeito, o vicepresidente da Xunta comprometeuse a que os organismos actuais, que teñen moi pouca funcionalidade, sexan substituídos por organismos de participación social. A proposta foi ben acollida pola CIG e o propio secretario xeral, Suso Seixo, destacou a necesidade de que estes organismos “sexan bastante máis operativos do que son os actuais”. |
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2005 |
|||||||||||
|