|
Actualidade CIG-Comunicación-
A loita contra o imperialismo do pobo venezolano, co seu presidente Hugo Chávez á fronte, non pasa desapercibida. Así o constataron as centos de persoas que se achegaron o domingo á Praza do Obradoiro para solidarizarse co proceso revolucionario que vive a República Bolivariana de Venezuela. E é que para o mundo globalizado no que vivimos é revolucionario defender a soberanía política e económica; facilitar o acceso á terra dos desposuídos acabando co latifundismo; fomentar o cooperativismo para promover un cambio estrutural no propio modelo económico-empresarial; recuperar o control sobre a produción de petróleo; alfabetizar a poboación; garantir atención sanitaria ou recoñecer os dereitos indíxenas. Por mencionar só algunhas das máis rechamantes transformacións das moitas que se están a producir en Venezuela. Transformacións que teñen provocado a adhesión do pobo venezolano ao novo goberno encabezado por Chávez e a oposición feroz do poder económico dentro e fora do país latinoamericano.
Coreaban os concentrados e as concentradas na Praza do Obradoiro á espera da chegada de Chávez: “Alerta, alerta, alerta que camiña a espada de Bolívar por America Latina”. E iso é precisamente o que teme o imperialismo, que o exemplo se espalle por toda América Latina, como pouco a pouco se vai constatando nas alianzas que desde Venezuela se promoven co resto dos países do cono Sur. Algo semellante ao que ocorreu coa proposta do ALCA -unha Alianza de libre comercio á medida de Estados Unidos pensada exclusivamente para favorecer os seus intereses económicos mentres mantén a submisión de toda latinoamerica- que foi paralizada grazas á oposición conxunta destes países liderada desde Caracas.
E por fin chegou Hugo Chávez ao Obradoiro. Un Chávez sorrinte, como non podía ser menos, logo de ter conseguido que no Cumio Iberoamericano de Salamanca, de onde chegaba con retraso sobre a hora prevista, se aprobara un pronunciamento contra o bloqueo de Estados Unidos á illa. Algo que se presumía complicado, e que de feito o sería, se en Venezuela non se tivera revivido o espírito de Bolívar. Na recepción a Chávez, a CIG contou cunha representación especialmente numerosa. Alí estaba o secretario xeral, Suso Seixo, a secretaria confederal de Organización, Consuelo Martínez e o presidente do Comité de Empresa dos Estaleiros Freire, Víctor García. Xunto a eles, Fermín Paz Lamigueiro, na súa condición de secretario xeral adxunto da Unión Internacional de Sindicatos de Traballadores de Enerxía, Metal, Química, Petróleo e Industrias Afíns e membro do Consello de Administración da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía”; Esther Rivas Tarela, da Asociación de Mariscadoras de Cabo de Cruz e, polo Sindicato Labrego Galego, Carme Freire. Un comité de recepción co que estivo conversando brevemente, dado o retraso acumulado, sobre sindicalismo e tamén sobre enerxía. Tema este de especial interese para Venezuela e para o propio Chávez, quen xustamente acaba de anunciar o interese do seu goberno por buscar alternativas enerxéticas para sortear a crise provocada pola alza dos prezos do crudo. Unha crise da que non se salva sequera un país teoricamente privilexiado, pola súa condición de produtor.
E Venezuela medra mal que lle pese ao sistema e a pesar dos intentos do capitalismo por frear a consolidación do proceso revolucionario. De feito, no ano 2004 experimentou un crecemento económico do 17% e no primeiro semestre deste ano, a economía petroleira medrou preto dun 5% e a non petroleira un 10%. Un currículo incuestionábel co que chegaba Chávez a Galiza para reforzar a súa oferta de relacións económicas e de facilitar investimentos empresariais no país caribeño para seguir garantindo estes avances. |
|||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/10/2005 |
|||||||||||||||
|