ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 30 de outubro de 2005

Convocada folga en Correos para o día 31 de outubro
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Reparto de correo, clic para aumentar
O incremento dos prezos dos carburantes empeorou as condicións salariais dos carteiros rurais, que xa no ano 2004 remitiron numerosos escritos á dirección da empresa en demanda de que se procedera a unha urxente revisión das súas remuneracións.
 
CIG-Correos vén de presentar a convocatoria de folga para o próximo día 31 de outubro en demanda da actualización inmediata por suplido de aportación de vehículo, segundo custo real e revisábel atendendo aos incrementos dos prezos dos carburantes, o mantemento, os seguros, o prezo de compra...

Os carteiros rurais teñen a obriga de aportar vehículo propio para realizar os repartos. Correos págalles por quilómetro 19 céntimos. Coa suba dos prezos dos combustíbeis esa cantidade é insuficiente, polo que desde hai meses demandan un incremento. Diante da falta de resposta da dirección, veñen de convocar un calendario de mobilizacións que comeza o próximo 31 de outubro cunha xornada de folga.

O convenio, asinado a principios de 2003, con vixencia até finais de 2004, fixaba en 19 céntimos a cantidade a pagar, por quilómetro realizado, aos carteiros rurais. Ese convenio, que no propio texto recollía que era improrrogábel, foi prorrogado de forma irregular sen sufrir revisión algunha, malia a CIG demandar que se estabelecera un sistema periódico de revisión destes conceptos, que non foi aceptado.

O incremento dos prezos dos carburantes empeorou as condicións salariais dos carteiros rurais, que xa no ano 2004 remitiron numerosos escritos á dirección da empresa en demanda de que se procedera a unha urxente revisión das súas remuneracións.

A CIG, a petición de moitos compañeiros que estaban nesta situación, remitiu un escrito á dirección de Correos en Madrid, o pasado mes de setembro, anunciando a inminente convocatoria de mobilizacións se non se negociaba este aspecto e a recollida de sinaturas para reclamar o diálogo por parte da empresa.

Máis de 1.000 sinaturas de traballadores da entidade foron remitidas tamén á dirección, co silencio como única resposta. Diante desta situación, José Blanco Gómez, Secretario Nacional de CIG-Correos explica que a única saída que quedaba era acordar un calendario de folgas, porque “Correos ten uns beneficios de miles de euros anuais e está sufragando o custo da explotación do negocio co que se aforra en pagarlles aso traballadores”.

A primeira xornada de folga será o próximo 31 de outubro. No mes de novembro, se segue sen haber resposta, están previstas outras dúas xornadas, para os días 28 e 29 e xa en decembro, unha semana completa. De manterse o silencio por parte da empresa, ampliaríanse os paros.

 
 
Informacións relacionadas
13/10/2005 Será a primeira dun calendario de mobilizacións que a CIG convoca en solitario cos traballadores
Folga en Correos de carteiros rurais o 31 de outubro
19/09/2005 Comezarían folgas de varios días a partir de outubro se non se actualizan os suplidos por aportación de vehículos
CIG-Correos anuncia mobilizacións se non se atenden as súas demandas
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta