|
Actualidade CIG-Comunicación-
O convenio, asinado a principios de 2003, con vixencia até finais de 2004, fixaba en 19 céntimos a cantidade a pagar, por quilómetro realizado, aos carteiros rurais. Ese convenio, que no propio texto recollía que era improrrogábel, foi prorrogado de forma irregular sen sufrir revisión algunha, malia a CIG demandar que se estabelecera un sistema periódico de revisión destes conceptos, que non foi aceptado. O incremento dos prezos dos carburantes empeorou as condicións salariais dos carteiros rurais, que xa no ano 2004 remitiron numerosos escritos á dirección da empresa en demanda de que se procedera a unha urxente revisión das súas remuneracións. A CIG, a petición de moitos compañeiros que estaban nesta situación, remitiu un escrito á dirección de Correos en Madrid, o pasado mes de setembro, anunciando a inminente convocatoria de mobilizacións se non se negociaba este aspecto e a recollida de sinaturas para reclamar o diálogo por parte da empresa. Máis de 1.000 sinaturas de traballadores da entidade foron remitidas tamén á dirección, co silencio como única resposta. Diante desta situación, José Blanco Gómez, secretario nacional de CIG-Correos explica que a única saída que quedaba era acordar un calendario de folgas, porque “Correos ten uns beneficios de miles de euros anuais e está sufragando o custo da explotación do negocio co que se aforra en pagarlles aos traballadores”. A primeira xornada de folga será o próximo 31 de outubro. No mes de novembro, se segue sen haber resposta, están previstas outras dúas xornadas, para os días 28 e 29, e xa en decembro, unha semana completa. De manterse o silencio por parte da empresa, ampliaríanse os paros. |
|||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2005 |
|||||||
|