|
Actualidade CIG-Comunicación-
Mentres, por exemplo, a Voz de Galicia fala duns centos, o Faro de Vigo de 1.500, o Atlántico Diario eleva a 3.000 persoas as que acudiron ao acto de protesta, cifra esta última que coincide coa valoración que fan os dirixentes do sindicato convocante. Durante todo o percorrido non deixou de chover. Na mobilización participou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, así como varios membros máis da Executiva Confederal (Consuelo Martínez, Antolín Alcántara e Manuel Mera), o secretario da Federación do Metal, Miguel Malvido, da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, e os secretarios das comarcas de Pontevedra, Rafael Iglesias, e Vigo, Xerardo Abraldes. Houbo ademais unha numerosa representación do BNG (Francisco Jorquera, Ana Pontón, Bieito Lobeira, Olaia Fernández Davila, Carme da Silva), así como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o de Moaña, Xosé Manuel Millán. Entre as consignas que se berraron durante a marcha podemos salientar as seguintes: “Espinosa escoita a flota está en loita”, “Queremos traballar e non emigrar”, “Non máis desguaces, non máis redución”, “Vivimos do mar e non imos calar”. Despois de percorrer varias rúas desta populosa vila (16.488 habitantes no núcleo no ano 2004) a manifestación rematou de novo na alameda, onde un mariñeiro da flota leu un manifesto enviado polos tripulantes que se atopan en alta mar. No comunicado a flota incidiu en que: “Como todos nos temíamos, no intre en que a nosa administración amarrounos de pes e mans, condenándonos a traballar (por chamarlle dalgunha maneira) nunha zona irrisoria, de que íamos a ter moitos problemas e dificultades, pero penso que aínda nos quedamos curtos. Seguramente xa coñezades como está a situación eiqui na zona, nestes momentos, e pensamos que pode ser un bo momento para que dunha vez por todas se nos aclaren moitas dúbidas que temos, e que para unha vez por todas se nos teña en consideración e se nos respecte comezando polos políticos...”. Deseguido Xavier Aboi, responsábel do sector de Mar na FGAMT, fixo unha intervención na que destacou: “Consideramos que a industria extractiva é o elemento que inicia unha serie de actividades que se verán afectadas polo que suceda no mar, é inevitábel que se vexan afectadas as industrias conserveiras, as elaboradoras, os estaleiros, as industrias auxiliares, as provedoras de servizos e materiais, etc”. A continuación fixo unha serie de propostas para dar saídas ao sector. Por último agradeceu a asistencia ao acto e lembrou próximas reunións coa Administración e dos afectados para analizar outras medidas de presión se fixera falla. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2005 |
||||||||||||
|