ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 3 de outubro de 2005

Dous dos traballadores despedidos inician unha folga de fame
Os traballadores da empresa de transportes Arriva comezan folga indefinida

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Despacho de Arriva na Estación de Autobuses de Ferrol, clic para aumentar
Os dous traballadores despedidos de Arriva SA comezarán unha folga de fame o mércores día 5 de outubro ás 11 da mañá, un nunha caravana na Estación de Autobuses de Ferrol e outra en A Coruña. (Foto: Despacho de billetes de Arriva na Estación de Autobuses de Ferrol. ©galizacig.com).
 
O luns 3 de outubro comezou a folga indefinida en Arriva SA, logo de dous meses de paros intermitentes tras dos que a empresa non aceptou sequera sentar a negociar. Ademais, dous dos traballadores despedidos comezan o mércores 5 unha folga de fame. Sindicatos e traballadores demandan o readmisión dos traballadores e que a empresa abra vías de diálogo.

Os dous traballadores despedidos de Arriva SA comezarán unha folga de fame o mércores día 5 de outubro ás 11 da mañá, un nunha caravana na Estación de Autobuses de Ferrol e outra en A Coruña. O acordo adoptouse por unanimidade na asemblea celebrada polos delegados das catro organizacións sindicais con representación na empresa.

Os representantes dos traballadores de Arriva acordaron tamén realizar peches e concentracións nas Consellarías de Traballo e na Dirección Xeral de Transportes, que depende da Consellaría de Ordenación do Territorio, e o reparto de panfletos para manter informados aos usuarios e dar a coñecer estas medidas.

Segundo Xesús María Pastoriza, responsábel da sección de Transporte da FGMAT-CIG, “a empresa mantén unha actitude realmente irresponsábel porque é a primeira vez que se convoca unha folga e a empresa se nega a ter unha mesa negociadora”.

Pastoriza entende que a empresa está xogando a presentar publicamente a imaxe de que “si quere negociar, pero pon dúas condicións que sabe que son inasumíbeis para os traballadores: unha que se levante a folga e outra que se renuncie a demandar a readmisión dos dous despedidos”.

Os tres traballadores -un deles chegou a un acordo económico coa empresa- foron despedidos o día 13 de agosto de 2005. As mobilizacións comezaron o día 12 de setembro con folga intermitente, a primeira semana dous días (12 e 13 de setembro), na seguinte tres días (21, 22 e 23 de setembro), na seguinte catro (27, 28, 29 e 30) e desde o 3 de outubro indefinida.

En todas estas xornadas de folga a participación dos traballadores foi do 100%, agás os servizos mínimos, que funcionaron con normalidade.

As organizacións sindicais convocantes agardan unha reacción por parte da empresa, pero sobre todo por parte da Administración, para que desde a Dirección Xeral de Transportes -que é a dona das liñas- se medie no conflito. “Non pode permitir a unha empresa (Transportes) abocar esta situación a unha folga sen solución, sen posibilidades de saída e de rendición absoluta da outra parte, que é o que busca Arriva”, explica Pastoriza.

O representante da CIG considera que a pretensión de Arriva é sentarse a negociar cando os traballadores non aturen máis a situación e, entre mentres, están durante dous, tres, catro ou cinco meses os usuarios sen servizo e iso non lle importa”.

Pastoriza matiza que por parte dos traballadores houbo sempre disposición a un diálogo sen impor condicións previas e que están á espera de que se lles diga día, lugar e hora para saber onde ten que ser esa xuntanza.

A folga afecta ás liñas de A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Costa da Morte, Ribeira e Ourense capital.

 
 
Informacións relacionadas
22/09/2005 O seguimento foi do 100% agás os servizos mínimos
Reanúdase a folga na empresa de transporte Arriva Noroeste SL
23/07/2005 A FGAMT demanda do bipartito que non se autorice a segregación das liñas de Arriva
21/07/2005 Adebeda aos traballadores a paga extra e as dietas
CIG-Transportes de A Coruña advirte do perigo de desmantelamento de Arriva
20/06/2005 Os problemas son maiores na empresa Arriva Noroeste
A FGAMT denuncia que o plan de transporte metropolitano na comarca de A Coruña é propaganda
10/05/2005 A patronal imposibilita o acordo para evitar a folga de transporte de A Coruña a partir do 16 de maio
15/01/2005 Xa se perderon 85 postos de traballo ao non substituír aos prexubilados
Convocada nova folga en Transportes Arriva para os días 14 e 15 de febreiro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2005
cig.informatica