Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 14 de outubro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
12 de outubro: O alcalde, a bandeira e a nación

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


A izada da súper bandeira de España na Coruña é tamén o xeito que ten o alcalde coruñés de tomar posición no debate aberto da configuración actual do Estado español, posición que o sitúa a anos luz de calquera pensamento de esquerdas e que coincide no esencial coa dereita española, cada vez máis empeñada en volver á caverna.



  Izada de bandeira española, clic para aumentar
O acto en si, absurdo e provocador, proxecta a sombra dun personaxe, Francisco Vázquez, intolerante e filofascista, que nutre o seu pensamento e a súa actuación dunha mítica máis próxima da España imperial que da constitucional, que tan ardentemente di defender.
 
Acábase de escribir un novo capítulo da cruzada españolista, que ten no alcalde da cidade da Coruña, Francisco Vázquez, un dos seus primeiros defensores. Cruzada españolista que non é senón exhaltación dun reseso españolismo exacerbado, máis ligado a unha expresión de corte fundamentalista que a unha ideoloxía propiamente dita.

Aproveitando unha conmemoración tan ridícula como vergoñante (o 12 de outubro, “Festa Nacional de España”, lembra a chegada de Cristovo Colón a América, que abriu as portas a un auténtico xenicidio no continente), o alcalde coruñés decidiu pendurar un bandeirón de España seica de 25 metros na súa cidade, que tamén é a cidade de todos os coruñeses e coruñesas. Aproveitou tamén a data para unha das súas arengas de alto contido inflamábel, e escasos recursos expresivos, dito sexa de paso.

O acto en si, absurdo e provocador, proxecta a sombra dun personaxe, Francisco Vázquez, intolerante e filofascista, que nutre o seu pensamento e a súa actuación dunha mítica máis próxima da España imperial que da constitucional, que tan ardentemente di defender.

A izada da súper bandeira de España na Coruña é tamén o xeito que ten o alcalde coruñés de tomar posición no debate aberto da configuración actual do Estado español, posición que o sitúa a anos luz de calquera pensamento de esquerdas e que mesmo o afasta da que parece ser a postura dominante no seu propio partido. Isto último con reservas, xa que non son poucas as voces, apocalípticas e ameazadoras, que no PSOE se alzan contra o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español. Voces estas que coinciden no esencial coa dereita española, cada vez máis empeñada en volver á caverna, baixo os axexantes designios de José María Aznar.

Do ‘Estatut’ catalán Vázquez xa deu a súa opinión. Fíxoo con esa ironía finxida que o caracteriza. A lectura do Preámbulo do ‘Estatut’ seica xa lle produciu tal urticaria que non continuou. Do futuro Estatuto galego xa adiantou, por boca do seu correlixionario Méndez Romeu -actual conselleiro de Presidencia da Xunta-, que non vai incluír o termo ‘nación’, xa que a única que eles contemplan é a española.

Nesa clave, na do debate territorial do Estado español, é na que hai que situar o último que non derradeiro xesto de Francisco Vázquez, marcando posición (a súa é manter inalterado o actual ‘statuo quo’ por máis antidemocrático que este sexa) e, ao mesmo tempo, tentando provocar ao nacionalismo, hoxe en Galiza con responsabilidades de Goberno compartidas co seu propio partido, o PSOE, tan lastrado por personaxes como o rexedor herculino.


Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2005.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2005
cig.informatica


 

Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta