|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Na chamada Cidade da Cultura lévanse gastados máis de 300 millóns de euros, o que vén a triplicar o xa disparatado orzamento inicial, disparatado para unha infraestrutura cultural innecesaria en Galiza (e máis innecesaria aínda en Compostela) da que non se preveron no seu momento os contidos e sobre a que non se realizou polo anterior Goberno ningún proxecto que fose máis aló da súa estrutura arquitectónica no compostelán monte Gaiás. Isto é algo sobre o que, desde o cambio de Goberno na Xunta, se veñen pronunciando organismos, entidades, asociacións e particulares todos eles vinculados ao espectro cultural galego, o cal é boa cousa, xa que mesmo se están a apuntar diferentes ideas sobre a Cidade da Cultura algunhas aproveitábeis para o inmediato futuro. O que si choca é que moitas desas voces antes -coa Xunta en mans do PP- optasen polo silencio, cando non polo aplauso ao escandaloso proxecto. Así e todo, a reflexión máis importante ao fío da Cidade da Cultura tería que vir marcada por un debate que vaia máis alá deste asunto en si, o que non quita desde logo que se teña que abordar como prioritario todo o relacionado coa devandita Cidade da Cultura. De feito, non se pode obviar que os primeiros orzamentos do novo Goberno galego, os previstos para 2006, destinan boa parte dos investimentos en materia cultural con esta finalidade. De aí que, como decisión política, sexa irreprochábel a anunciada pola Consellaría, de suspensión temporal das obras da Cidade da Cultura, e iso que non deixan de existir voces como a do rexedor compostelán pondo en tea de xuízo, con probada mala fe e por simple ‘ombiguismo’, a devandita decisión. Aínda que se sinala como principal problema do deseño feito polo PP da Cidade da Cultura a súa máis que perceptíbel falta de dotación de contidos, o máis sensato pasaría ao meu ver por unha redefinición estratéxica do proxecto, que obviamente teña en conta o impacto económico xerado pero, sobre todo, que o rendibilice socialmente como proxecto cultural. E para iso seguro que non han faltar azos nos axentes culturais galegos para contribuíren a esa redifinición estratéxica, da que eles teñen que ser partícipes e de xeito activo. De non ser así, a Administración galega colleitaría un sonoro fracaso e o nacionalismo tería que o xestionar dobremente; por unha banda, pola súa responsabilidade nesta área do Goberno galego e, pola outra, pola perda dunha boa oportunidade para que a nosa cultura poida poñer proa ao futuro. Abondando nisto, hai que se decatar de que a cuestión cultural en Galiza ten que ser vista como algo non menor, tanto polos poderes públicos como polos propios axentes sociais que actúan neste eido e polo conxunto da sociedade galega. O carácter diferencial de Galiza -as súas fondas raíces identitarias- ten na especificidade da nosa cultura un dos seus signos máis visíbeis. E o certo é que esta formulación hoxe en día apenas admite discusión. A nación galega distínguese, entre outros trazos, por unha cultura propia, forxada por moitas xeracións de galegos e galegas que a souberon crear, conservar, transmitir, desenvolver, enriquecer e avivecer. En tantos momentos históricos, contra vento e maré, e lonxe dos ditados das elites políticas, relixiosas, económicas e tamén culturais da época. Agora ben, neste período histórico é perfectamente avaliábel e constatábel a falta de centralidade da cultura no noso país, falta de centralidade aínda maior se se pensa que o proxecto de asimilación españolista é excluínte das absurdamente denominadas “culturas periféricas” do actual Estado español. Por tal motivo, aínda cobra maior importancia o desenvolvemento dun proxecto cultural propio, autóctono, non sometido e deslindado das liñas estratéxicas do proxecto cultural español, que só busca minimizarnos e finalmente engulirnos. Velaí o reto (que é un dos grandes retos no horizonte do nacionalismo): erguer ese proxecto cultural propio, que ademais debe partir dunha concepción radicalmente diferente á dominante. A nosa aposta debe ser unha cultura democrática, participativa, activa e creativa. E nese obxectivo hai que saber combinar as forzas sociais do nacionalismo coa súa presenza institucional, e incorporar a meirande parte posíbel de axentes culturais de Galiza dos diferentes ámbitos e sectores.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/10/2005 |
||||
|