|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Mais boa parte da patronal funciona deste xeito, tamén aquí. A golpe de carta á casa e a xente para a rúa. Que máis ten! Cantos destes empresarios e empresarias serían quen de pasar unha simple proba de corrección no trato cos seus empregados e empregadas? Cantos non avogan pola ‘lei da selva’ no espazo laboral? Contratos fraudulentos, baixos salarios, disposición case absoluta do tempo do traballador e, a ser posíbel, despedimento libre... Non por fea a realidade pode ou debe ser ocultada. Que traballadores teñan que recorrer a unha folga de fame como instrumento de protesta e mobilización soamente é entendíbel nun escenario en que a parte empresarial se volve inflexíbel nos seus posicionamentos. Nun escenario en que calquera vía de diálogo é dinamitada pola simple imposición do criterio patronal. O caso da empresa Arriva nestes momentos exemplifica ben ás claras esta actitude empresarial. Malia a chamada á folga das centrais sindicais presentes na empresa -cun seguimento esmagador por parte dos traballadores-, Arriva aínda non accedeu a sequera estabelecer un diálogo para encarreirar a solución do conflito, solución que de entrada para os traballadores pasa inescusabelmente pola reincorporación dos dous compañeiros despedidos. Estes, un na Coruña e outro en Ferrol, espantan a incerteza e o desacougo (que son tamén a incerteza e o desacougo da súa xente) optando por unha decisión valente e arriscada, a folga de fame. Valente por se tratar dun xesto de auténtica coherencia e dignidade persoal. Arriscada porque fisicamente implica un gran desgaste, que tamén afecta animicamente. De aí a necesidade dun respaldo social a esta folga de fame, respaldo que desde o sindicalismo nacionalista é inequívoco. Hai veces que na vida dun traballador son necesarias, case imprescindíbeis, accións de forza coma esta, que lle deben amosar á patronal o ánimo de non se dobregar ante os seus caprichos por máis poderosa que esta sexa ou se crea. Esta é unha desas veces. E a nosa solidariedade hoxe ten nestes dous traballadores do transporte o seu destinatario.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2005 |
|||||||
|