|
Actualidade CIG-Comunicación-
A folga afectou a unha grande parte do rural galego, ademais da gran maioría dos polígonos industriais, que están servidos por carteiros rurais. Os afectados acudiron á concentración nacional, diante da oficina principal de Correos en Santiago de Compostela, acompañados polo novo medio de transporte deseñado para aforrar custos, un burriño coas sacas de reparto incluídas. Esa é, ao entender dos afectados, a alternativa que queda se Correos non escoita as súas demandas. Esta é a primeira das xornadas de folga convocadas. Se no mes de novembro se segue sen haber resposta, están previstas outras dúas xornadas, para os días 28 e 29 e xa en decembro, unha semana completa. De manterse o silencio por parte da empresa, ampliaríanse os paros. Os carteiros rurais convocaron a folga para exixir de Correos o aumento do prezo por quilómetro até que absorba a suba real dos carburantes e a súa actualización, segundo os custos do carburante; a negociación de Correos coas compañías de seguros para a creación dun seguro de grupo que abarate os custos do seguro do vehículo e que Correos negocie coas empresas de venda de automóbiles condicións especiais para abaratar a compra dos vehículos para o persoal que os utilice para prestar o servizo. O colectivo de carteiros rurais ten a obriga de aportar vehículo propio para realizar os repartos. Correos págalles por quilómetro 19 céntimos. O convenio, asinado a principios de 2003, con vixencia até finais de 2004, fixaba estas condicións, pero no propio texto recollía que era improrrogábel. Aínda así, foi prorrogado de forma irregular sen sufrir revisión algunha, malia a CIG demandar que se estabelecera un sistema periódico de revisión destes conceptos, que non foi aceptado. O incremento dos prezos dos carburantes empeorou as condicións salariais dos carteiros rurais, que xa no ano 2004 remitiron numerosos escritos á dirección da empresa en demanda de que se procedera a unha urxente revisión das súas remuneracións. A CIG, a petición de moitos compañeiros que estaban nesta situación, remitiu un escrito á dirección de Correos en Madrid, o pasado mes de setembro, anunciando a inminente convocatoria de mobilizacións se non se negociaba este aspecto e a recollida de sinaturas para reclamar o diálogo por parte da empresa. Máis de 1.000 sinaturas de traballadores da entidade foron remitidas tamén á dirección, co silencio como única resposta. Diante desta situación, José Blanco Gómez, secretario nacional de CIG-Correos explica que a única saída que quedaba era acordar un calendario de folgas, porque “Correos ten uns beneficios de miles de euros anuais e está sufragando o custo da explotación do negocio co que se aforra en pagarlles aos traballadores”. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2005 |
|||||||||
|