|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Unión Comarcal da CIG de Compostela amosou o seu apoio ao traballo desenvolvido nos últimos catro anos. Un traballo condicionado, tal e como se recolle no Informe de Xestión, polo contexto político. Por iso o propio Informe estabelece dous períodos: o primeiro, co PP nos gobernos central e galego, e un segundo, co PSOE en Madrid e o PP en Galiza. O informe de xestión non esquece, loxicamente, as fundamentais aportacións da CIG para que se dera o cambio de goberno en Galiza. A respecto dese primeiro período, destácase a resposta da Unión Comarcal de Compostela fronte aos ataques á clase traballadora. Ataques que se traducen en “precariedade laboral, temporalidade no emprego, flexibilidade horaria, limitación dos incrementos salariais, privatización dos servizos públicos e centralización da negociación colectiva”. Esta redución de dereitos dos traballadores mereceu como resposta, cun importantísimo seguimento no caso de Compostela, a convocatoria dunha primeira Folga Xeral galega o pasado 15 de xuño de 2001 e unha segunda Folga Xeral o 20 de xuño de 2002. Pero dese período, dado o contexto político, a CIG de Compostela tamén destaca a importancia que tivo a súa participación nas mobilizacións convocadas contra a guerra de Iraq e, sobre todo, a súa implicación na Plataforma cidadá “Nunca Máis”. Malia ser este primeiro período valorado de forma negativa, desde a Unión Comarcal de Compostela, polas posicións defendidas polo que fora Goberno Aznar, tampouco se fai unha valoración positiva da actuación do PSOE tras da súa chegada ao goberno en Madrid. Neste sentido sinálase no Informe de Xestión que “neste último ano vimos como desde o Goberno do PSOE, contando en moitos casos coa deixación, cando non aprobación, do Goberno da Xunta do PP, se continuou a desmantelar o noso tecido industrial, co práctico peche das antigas factorías navais de Astano e Bazán; como o salario mínimo perde cada vez máis o seu papel referencial; como entre o Goberno e UGT e CCOO se está a falar de abaratar os despedimentos; como cada ano seguen a morrer ducias de traballadores e traballadoras por mor duns accidentes laborais provocados pola voracidade económica das empresas; como se segue a consolidar a política represiva e criminalizadora contra os traballadores e os seus representantes sindicais”. A respecto deste tema, lembrouse como no último ano, só en Santiago, membros da CIG tiveron peticións de penas de cadea por defenderen os dereitos dos traballadores. No seu percorrido por estes últimos catro anos, o Informe tamén recolle os innumerábeis conflitos nos que participou a CIG, desde a defensa dos postos de traballo en Maperlán; as folgas de Urbaser ou CESPA; as mobilizacións en MACONSI e TRAPSA; o papel da CIG na difícil negociación do convenio Estatal da Seguridade Privada; na CRTVG; na gardería TEIRABOA; en Correos; en XADE; no Banco Pastor; no Ensino; na Área Pública; na Sanidade Pública e Privada e outras moitas. A nivel organizativo, o informe destaca o importante incremento de afiliación que se produciu nestes últimos catro anos, próximo ao 25%. Incremento que ten favorecido unha mellor estruturación e organización da central, pero que “absorbe cada vez máis do noso traballo sindical diario, o que nos está a levar en moitas ocasións a dar resposta ao problema acuciante inmediato”. Por iso, para dar resposta ao conxunto dos retos que a CIG da UC de Compostela se ten marcado, apóstase de cara ao futuro por “estruturar e organizar perfectamente o traballo e as funcións dos compañeiros e compañeiras de cara a optimizar recursos e dinamizar o traballo sindical” e pular por unha maior implicación do conxunto da afiliación no traballo sindical. En todo caso, a UC da CIG de Compostela valora moi positivamente o incremento da capacidade mobilizadora da central, como quedou constatado tanto nas mobilizacións convocadas a nivel comarcal, como nas convocadas a nivel nacional. “A CIG non é, nin pode ser, unha central sindical que se quede só no nome, sen o traballo diario, sen reivindicación, sen a mobilización e sen a nosa análise da realidade, pois deixariamos de existir como CIG; xa que sen traballo, sen reivindicación, sen mobilización e sen os nosos principios nacionalistas e de clase, nin as nosas alternativas, nin a nosa práctica serían as mesmas”. Con esta afirmación, o recén reelecto secretario comarcal, Anxo Noceda, resumía os principios e o modelo sindical da CIG, na súa intervención de clausura, e ratificaba a aposta da Comarca de Compostela por manter esa forma de facer sindicalismo que a diferenza das centrais sindicais estatais. Noceda fixo un repaso polos retos cos que se terá que enfrontar a CIG nos vindeiros anos, derivados dun modelo económico neoliberal que basea os seus beneficios e a súa propia existencia na redución, cando non simple anulación, de dereitos da clase traballadora. O secretario comarcal da CIG demandou, ademais, un Marco Galego de Relacións Laborais e reiterou o compromiso da CIG na defensa dunha reforma do actual marco xurídico, que recoñeza a Galiza como nación, ao igual que a defensa da CIG do dereito de autodeterminación.
Alén diso, informou sobre a Declaración Institucional asinada tamén por CCOO, UGT, patronal e goberno, na que a CIG pulará por conseguir acordos concretos de cara a garantir a creación de emprego de calidade. O secretario xeral da CIG tamén fixo referencia ao debate que se está a dar sobre o Estatuto de Autonomía. Debate que considera que non pode limitarse ao ámbito institucional e no que deben entrar as organizacións sociais. A este respecto, informou que a CIG está elaborando unha serie de propostas convencida de que máis alá do debate puramente ideolóxico, para a clase traballadora galega é fundamental conseguir plenas competencias en materias como economía, políticas sociais e emprego. Antes de rematar a III Asemblea Comarcal, os delegados aprobaron toda unha serie de proposta de resolución relacionadas con conflitos abertos na comarca e outros de ámbito nacional, ademais de facer un chamamento a participar na manifestación convocada pola Plataforma Cidadá “Nunca Máis”. Anxo Noceda, secretario comarcal, |
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2005 |
|||||||||||||
|