ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 8 de novembro de 2005

Asínase a Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galiza
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Diálogo social en Galiza, clic para aumentar
No acto da sinatura estiveron presentes, ademais do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os secretarios xerais de CCOO e UGT, o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, o conselleiro de Traballo e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
 
O pasado sábado día 5 de novembro asinábase no Hostal dos Reis Católicos de Compostela a Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galiza. Unha Declaración da que Suso Seixo, secretario xeral da CIG, destacou os aspectos positivos, matizando que “non serviría de nada facer un acto destas características, creando importantes expectativas na nosa sociedade a respecto dese problema -o emprego- se isto agora non se concreta con medidas operativas, e activas nese sentido”.

No acto da sinatura estiveron presentes, ademais do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os secretarios xerais de CCOO e UGT, o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, o conselleiro de Traballo e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Ademais, entre os convidados ao acto institucional de sinatura da Declaración, estaban, en representación da CIG, a secretaria confederal de Organización, Chelo Martínez; o secretario confederal de Saúde Laboral e Negociación Colectiva, Antolín Alcántara; o secretario confederal de Emprego, Manuel Currás Meira; o secretario confederal de Relacións Institucionais, Bautista Vega e a secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais, Elvira Patiño.

  Diálogo social en Galiza, clic para aumentar
Diálogo social en Galiza, clic para aumentar
O secretario xeral da CIG relacionou o desemprego e a precariedade existente cos altos índices de sinistralidade laboral, polo que fixo un chamamento á reflexión sobre “as políticas de carácter neoliberal, as políticas dependentes e o modelo produtivo polo que se optou, baseado fundamentalmente nos baixos salarios e na precariedade laboral”, que ao seu entender son parte dun “modelo esgotado”.
Diálogo social en Galiza, clic para aumentar
Ademais, entre os convidados ao acto institucional de sinatura da Declaración, estaban, en representación da CIG, a secretaria confederal de Organización, Chelo Martínez; o secretario confederal de Saúde Laboral e Negociación Colectiva, Antolín Alcántara; o secretario confederal de Emprego, Manuel Currás Meira; o secretario confederal de Relacións Institucionais, Bautista Vega e a secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais, Elvira Patiño.
Diálogo social en Galiza, clic para aumentar
Abondando nas graves consecuencias do desemprego e da precariedade, o secretario xeral da CIG lamentou que “Galiza se vexa abocada a afrontar de novo a lacra da emigración, con miles de mozos e mozas galegas que teñen que marcharse para facer a súa vida en outras partes do Estado”. (Fotos: ©galizacig.com 05/11/2005).
 
Na súa intervención, Suso Seixo valorou positivamente “a aposta en común por parte dos asinantes respecto da necesidade de afrontar solucións e alternativas a un dos problemas máis importantes que temos na sociedade galega, o problema do emprego” e destacou que no propio contido da declaración recóllense “toda unha serie de materias que levarán consigo políticas transversais que afectan a diferentes consellarías, nas cales pretenden afrontarse as alternativas do emprego en diferentes aspectos, tanto na necesidade de crear postos de traballo, como na necesidade de crear postos de traballo de calidade”.

Necesidades estas que se constatan no propio documento ao coincidiren, tanto os asinantes como organismos como o Consello Galego de Relacións Laborais ou o Consello Económico e Social, “sobre a difícil situación sociolaboral en Galiza”. Situación que, lembrou, queda patente nos informes que se veñen facendo públicos nos últimos anos, dos que se tira que en materia de desemprego e de precariedade, Galiza está nuns índices moi por riba do que é a media do estado.


O problema da emigración

Abondando nas graves consecuencias do desemprego e da precariedade, o secretario xeral da CIG lamentou que “Galiza se vexa abocada a afrontar de novo a lacra da emigración, con miles de mozos e mozas galegas que teñen que marcharse para facer a súa vida en outras partes do Estado, contribuíndo co seu esforzo ao crecemento desas outras partes ou nacións do Estado, cando non o poden facer no seu propio país”. Unha situación que obriga a esta nova vaga migratoria a aceptar “baixos salarios, situacións de baixas pensións de cara ao futuro, en moitos casos das persoas que están sometidas a estes índices de precariedade laboral”.

Ademais, o secretario xeral da CIG relacionou o desemprego e a precariedade existente cos altos índices de sinistralidade laboral, polo que fixo un chamamento á reflexión sobre “as políticas de carácter neoliberal, as políticas dependentes e o modelo produtivo polo que se optou, baseado fundamentalmente nos baixos salarios e na precariedade laboral”, que ao seu entender son parte dun “modelo esgotado”.

Diste xeito, propuxo ás outras organizacións asinantes “afrontar alternativas que modifiquen esta situación de forma importante e substancial”.

En todo caso, o secretario xeral da CIG tamén quixo deixar constancia do que para el constitúe “un feito xa en si mesmo importante, que é que por parte de quen goberna, por parte do goberno galego, se asuma que a problemática do emprego está aí, e que hai que buscarlle solución”.

Así lembrou que co goberno anterior isto non foi posíbel, pola súa obstinación “permanente de vendernos unha sociedade idílica”, que provocou que nunca se quixera afrontar “nin dar a importancia que ten para o desenvolvemento económico do noso país, para a capacidade produtiva do noso país, para a calidade de vida dos nosos cidadáns, da nosa clase traballadora, pois nunca se quixo asumir que o tema da precariedade, que o tema do desemprego, os altos índices que existían en Galiza estaba converténdose xa nun problema estrutural que exixía un esforzo importante por parte da Administración á hora de facer políticas diferentes ás que se facían e poder cambiar esta situación”.


  Diálogo Social en Galiza, clic para descargar o vídeo
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 3'47'', espacio en disco: 19.166.912 bytes [18,2 Mb]). Realización: César Caramés.
 
Da teoría á práctica

En todo caso, o secretario xeral da CIG afirmou a necesidade de que finalmente se leve á práctica a Declaración Institucional, considerando que “non serviría de nada facer un acto das características do que facemos hoxe aquí, levantar importantes expectativas na nosa sociedade, a respecto dese problema, se isto agora non se concreta con medidas operativas, e activas nese sentido”.

Por iso, advertiu do longo traballo que queda por facer nas mesas que se van constituír “nas que se van tratar materias diversas, tanto as referidas a I+D, a infraestruturas, a potenciamento dos nosos sectores produtivos, a facer unha boa cobertura de servizos sociais, do punto de vista, non só dunha mellora da calidade de vida senón tamén como unha fonte importante de emprego, facilitar a incorporación da muller ao traballo nunhas condicións dignas, é dicir, cantidade de materias que se van pór enriba da mesa”.

Suso Seixo rematou a súa intervención pedindo que “todos os que participamos nesas mesas o fagamos con ilusión, con seriedade e con rigor para conseguir que o que até o de agora non se fixo, que é tomar en serio a problemática do emprego e as consecuencias de enorme importancia que teñen para o noso país, que realmente se faga e saiamos con éxito dese traballo”.



Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia

O diálogo social constitúese nun dos alicerces fundamentais para construír e consolidar unha sociedade máis desenvolvida, con emprego estable e seguro, de benestar social e de cohesión do propio territorio.

Como expresión da vontade compartida de fortalecer o diálogo social, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia, o S.N. de CCOO de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG) conveñen en subscribir a presente Declaración, que supón a posta en marcha dun proceso de negociación que sitúe Galicia na vangarda do desenvolvemento económico e social.

Mediante este marco de diálogo estable preténdense determinar as medidas que garantan a súa sustentabilidade económica, melloren a competitividade e a produtividade, reduzan os niveis de temporalidade na relación laboral xerando emprego estable e de calidade e favorezan a cohesión social.

Incídese, deste xeito, nas liñas de diagnose e análise enmarcadas nos informes de contido sociolaboral emitidos para o efecto polo Consello Galego de Relacións Laborais e mais o Consello Económico e Social de Galicia, ambos os dous, organismos de participación institucional dos axentes económicos e sociais galegos.

Así, o proceso convencional que hoxe botamos a andar non se concibe a si mesmo como un mecanismo de carácter ocasional, senón como un xeito estable de camiñar con vocación de futuro inmediato, a medio e longo prazo, para que neste tempo Galicia rexistre uns indicadores aceptables de convivencia e de cohesión social, e no cal a temporalidade, o desemprego e a sinistralidade laboral se axusten a parámetros medios en correspondencia coa Unión Europea.

Consonte esta idea común, conciben o proceso de diálogo social como un conxunto de actuacións concretas que incidan naqueles ámbitos da vida das galegas e dos galegos que demandan cambios inmediatos para o desenvolvemento do marco galego de relacións laborais que determina o espazo de protección ao mundo do traballo, con emprego estable sen precariedade; a igualdade entre homes e mulleres; a mellora das relacións laborais; unha formación permanente e eficaz; o crecemento da economía e do tecido produtivo; a mellora do sector primario; a política industrial e de innovación; o benestar e mais a cohesión social; a mellora permanente das infraestruturas, o medio ambiente e as políticas sectoriais; a revitalización das institucións laborais, o reforzamento da participación institucional e da negociación colectiva; demandas, estas, que constitúen o obxectivo do diálogo social.

Así mesmo, os asinantes manifestan o firme compromiso de que o sector público desempeñe un papel activo ao servizo da consecución do crecemento económico e o desenvolvemento sustentable.

A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais acordarán os contidos do diálogo social na Administración pública galega cos obxectivos de reforzar os dereitos de participación e de negociación colectiva, a dignificación e profesionalización das empregadas e empregados públicos e das súas condicións laborais, e fomentar a estabilidade laboral reducindo as altas taxas de temporalidade no emprego público, todo o cal redundará na mellora da calidade dos servizos públicos.

Este compendio de materias, obxectivo de debate común e consenso, conformarán un acordo polo emprego estable, a cohesión social, a produtividade e a competitividade en Galicia.

Con esta finalidade, acordan a creación dunha Mesa Xeral, co máximo nivel de representación, composta polo presidente da Xunta de Galicia, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os secretarios xerais das tres organizacións sindicais galegas máis representativas, a UGT-Galicia, o S.N. de CCOO de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Esta Mesa Xeral, ademais de asumir e facer pública esta declaración institucional, será a competente para formalizar os acordos froito do proceso negociador.

Complementando o anterior foro participativo, e a distinto nivel de representación, constituirase unha Mesa de coordinación da negociación, integrada polas consellarías con competencias materiais e as representacións empresariais e sindicais correspondentes. Esta Comisión establecerá o calendario, o método de traballo e a composición das mesas de traballo sectoriais.

Para desenvolver os compromisos e obxectivos que hoxe se asumen nesta Declaración, constituiranse diferentes mesas de traballo, co número e coas materias obxecto de negociación que as propias partes decidan, pero que, entre outras, se centrarán nas seguintes liñas estratéxicas:

  • políticas de emprego e formación,
  • políticas de prevención e saúde laboral,
  • marco galego de participación institucional e de relacións laborais,
  • políticas de desenvolvemento económico, industrial, do sector primario, do sector servizos e de sostemento medioambiental,
  • políticas de infraestruturas e cohesión territorial,
  • políticas activas de I+D+i e da sociedade do coñecemento,
  • políticas sociais, de cohesión social e de igualdade entre homes e mulleres.


Pola Xunta de Galiza,
o presidente, Emilio Pérez Touriño,
o conselleiro de Traballo, Ricardo Jacinto Varela Sánchez.

Pola CEG,
o presidente, Antonio Fontenla Ramil.

Pola UGT-Galiza,
o secretario xeral, José Antonio Gómez Gómez.

Polo S.N. de CCOO de Galiza,
o secretario xeral, Xan María Castro Paz.

Pola CIG,
o secretario xeral, Xesús Seixo Fernández.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/11/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta