|
Actualidade / Artigo XIII Encontro Galego de Relacions Laborais: Perspectivas,
resultados e consecuencias do diálogo social Bautista Vega Tato-
Estes feitos levaron a un medre do desemprego e da precariedade laboral sen precedentes na nosa historia. Sendo hoxe a problemática fundamental que se lle presenta á clase traballadora galega o desemprego, a precariedade laboral e os problemas que destes dous factores se derivan; emigración, avellentamento da poboación, baixos salarios, altos índices de sinistralidade laboral, etc. Os niveis de desemprego, precariedade ou pobreza existentes no noso País debuxan un panorama laboral con graves consecuencias sociais e económicas, que non son máis altas debido a que nos últimos anos se está a incrementar de forma significativa o fenómeno da emigración cara outras partes do Estado ou da Unión Europea, aínda así estamos por riba da media do Estado en desemprego, precariedade, pobreza ou mesmo sinistralidade laboral. A taxa de ocupación sitúase no 2004 en Galiza no 46,8% fronte ao 49,9% estatal. Pero non só a taxa de emprego é baixa, senón que o emprego que se crea é precario: ao redor do 35% dos asalariados teñen emprego temporal, 5 puntos por riba do nivel do Estado. O 92% dos novos contratos son temporais. En canto á renda por persoa, estamos tamén por debaixo do Estado. O panorama exposto non é máis que o reflexo do fracaso das políticas neoliberais, dunhas políticas alleas aos intereses de Galiza, aplicadas polos gobernos galego e central. A idea de igualdade abstracta non dá máis de si. As imperfectas reformas pactadas, sen o asenso da CIG, no 1997, que reducen os custos por despedimento nos contratos indefinidos, o plan de crecemento e emprego da Xunta de 1998 co único beneficio tanxíbel dun reparto económico para Formación, a reforma imposta do 2002, cunha importante merma das indemnizacións por despedimento improcedente, mediante a supresión práctica do salario de tramitación, e tamén os incentivos económicos destinados á contratación indefinida mediante as técnicas de bonificación das cotas á Seguridade Social, a redución da cotización por desemprego, e os incentivos á conversión de contratos temporais en fixos, foron todas elas medidas xurdidas presuntamente de diálogo social que non remediaron o problema da temporalidade, nin depararon beneficio algún na diminución do emprego en precario. Inxustamente só repercutiron na conta de beneficios empresariais. Para a CIG, o diálogo social ten que pasar do abstracto ao concreto, tendo como obxectivo a redución da temporalidade e da precariedade. Para o cal deben tomarse medidas a varios niveis. O actual marco xurídico-político limita a nosa “capacidade de obra” como nación. Somos partidarios da súa transformación a fin de que Galiza conte con plenas competencias e capacidade de decisión en todas as materia. Coidamos imprescindíbel acadar a plena autonomía financeira de Galiza. A planificación económica, hoxe competencia reservada en exclusiva ao Estado debe exercela o goberno galego. Reclamar as transferencias das competencias en materia de lexislación laboral que nos permita ter plena capacidade á hora de decidir o contido e as características das relacións e das condicións laborais en Galiza. Consideramos necesario impulsar unha política
fiscal expansiva, que permita redistribuír a renda a través de impostos directos e progresivos, e
fundamentalmente para aumentar o nivel de emprego e diminuír as diferenzas sociais que imperan na sociedade. Pór en práctica mecanismos que permitan que se reinvistan os excedentes económicos e o aforro no País. Creación dun Instituto Galego de Crédito. Un banco público que permita apoiar as políticas económicas impulsadas polo goberno galego. Dedicar a investimentos reais unha contía equivalente ao 5% do PIB para efectivizar a creación do emprego necesario co fin de rematar coa emigración e as altas taxas de paro. Pechar os ciclos produtivos e promover un desenvolvemento autocentrado, apostando pola calidade dos produtos. Paralizar a política de privatizacións das empresas públicas e de servizos básicos (sanidade, ensino, asistencia social e administración pública). Potenciar as infraestruturas por ser un elemento fundamental para o desenvolvemento, buscando a gratuidade das autoestradas. Creación dun salario social ou salario de inserción laboral, como unha medida solidaria, de integración laboral e social, así como de redistribución da renda. Entendemos que esta medida potenciaría o consumo. O mercado interno e o emprego. Eliminación das ETTs e das axencias privadas de colocación. Supresión das horas extra. Derrogar toda a normativa que non coloque a contratación temporal nas estreitas marxes da máis ríxida causalidade. Penalización na contratación temporal, maior aportación na cota empresarial para o desemprego. Creación do Instituto Galego de Emprego
e Formación e transferencia a Galiza da formación Continua, Inspección de Traballo e políticas
pasivas de emprego. Actuacións que faciliten a integración das persoas inmigrantes e retornadas na sociedade. Dotación orzamentaria para a posta en marcha e funcionamento do Observatorio Galego de Inmigración e Loita contra o racismo e a xenofobia. Aumento de centros públicos para fogares infantís, residencias e centros de día para maiores, creación de centros públicos para minusválidos físicios ou psíquicos, así como as axudas necesarias para a súa integración social e laboral. Dotación orzamentaria para aplicación da lei de igualdade en materia de conciliación da vida laboral e familiar. A creación dunha boa rede de servizos sociais a parte de ser unha fonte de creación de emprego, é unha vía para a integración da muller no mercado laboral. As cifras de sinistralidade e mortes no traballo en Galiza son sinxelamente escandalosas e obrígannos a tomar medidas sen dilación para o cal propoñemos: 1. Creación dunha Dirección xeral de Saúde Laboral dependente da consellaría de Traballo. 2. Creación do instituto galego de Seguridade e Saúde Laboral como organismo autónomo de representación paritaria, con personalidade xurídica e orzamentos propios. 3. Posta en marcha do servizo de Fiscais para as inciativas penais recollidas na Lei e rigorosidade na aplicación da mesma, nos aspectos de neglixencia e responsabilidade empresarial. 1. A modificación da Lei de Creación do Consello Galego de Relacións Laborais. 2. Potenciar convenios galegos desde o Consello, así como a constitución dunha Comisión Galega de Convenios Colectivos. 3. Modificación da Lei de Creación do Consello Económico e Social de Galiza. 4. Impulsar unha Lei de participación Institucional dos Interlocutores Sociais, que garantise a presenza dos sindicatos representativos en todo o organismo que a teñan prevista, no conxunto das administracións públicas en Galiza. Dignificación das subvencións públicas á actividade sindical. Regularizar as indemnizacións pola participación nos múltiples organismos da administración autonómica, buscando sempre a equidade e a transparencia. É aquí moitas das medidas que propón a CIG para que o diálogo sexa algo máis que unha declaración de intencións, que en anteriores ocasións tense convertido en papel mollado, frustrando unhas expectativas que hoxe están xeradas nos cidadáns de Galiza, por mor do cambio político que se ten producido na nosa nación. A partir de agora deben constituírse as comisións de traballo que impliquen a todas as consellarías e departamentos da Administración que teñan competencias para dar solucións as demandas prantexadas. Propoñemos logo, pasar da política abstracta aos feitos concretos. Procuremos entre todas as partes que a igualdade, como o vento, nos chegue a todos os homes e mulleres da Terra. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2005 |
||||
|