|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os arredor de 500 delegados da CIG que participaban na Xornada Técnica sobre A Protección no Traballo e o Emprego de Calidade, fixeron un alto a mediodía para desprazarse até a Oficina Principal de Correos e concentrarse, alí diante, en apoio aos carteiros rurais que permanecen pechados nesa sede desde o luns 14 de novembro. No decurso da concentración, Xosé Blanco, secretario nacional de CIG-Correos, anunciou que seguirán pechados mentres non haxa unha solución ao conflito. O secretario nacional de Correos lembrou que o conflito débese, fundamentalmente, a que os carteiros rurais deben aportar o seu propio vehículo e reciben a cambio unha cantidade por quilómetro recorrido, que non se revisa desde 2003, malia o incremento do prezo dos combustíbeis. Blanco lembrou tamén que no propio convenio, asinado por CCOO, UGT e CSIC, estabelécese unha cláusula na que se di que anualmente se revisaría esa cantidade. “Até o día de hoxe non houbo revisión de ningún tipo e estes compañeiros están poñendo dos seus petos unha cantidade para poder desempeñar o seu traballo”, engadindo que “a situación é moi crítica, hai carteiros que están a aportando entre 100 e 200 euros mensuais para o combustíbel”. Para Blanco é preocupante que, alén de non ter habido revisión algunha, esta non estea prevista até que se negocie o próximo convenio, probabelmente de cara a finais do ano 2006 ou principios de 2007. “Isto é totalmente inxusto e non podemos aturar que Correos teña uns beneficios de miles de millóns de pesetas a conta dos traballadores. Están explotando aos compañeiros do rural”. Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quixo deixar constancia da solidariedade da CIG, que estará manifestando o seu apoio “alí onde haxa un afiliado con problemas laborais”. O secretario xeral da CIG sinalou ademais que “estamos de novo diante dunha inxustiza, ao ver como un servizo público, que alén de ser de baixa calidade, por riba téñeno que facer os propios traballadores/as a conta do seu peto”. Seixo afirmou que “isto non o podemos permitir, temos que exixir ter servizos públicos de calidade e que os traballadores e traballadoras o fagan nunhas condicións minimamente dignas”.
CCOO emitira un comunicado de prensa, coincidindo coa folga dos carteiros rurais, dando conta dunha suposta escasa repercusión da folga. A este respecto, Seixo manifestou que “este é un conflito que ten apoio nos carteiros afectados e a política que fai CCOO de apoiar á patronal e ao goberno non lle vai saír ben, porque o que vai vencer é a verdade e a coherencia que ten a CIG en apoio a estes compañeiros/as”. |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2005 |
||||||||||||||||||
|