|
Actualidade CIG-Comunicación-
Diversos representantes de ‘Nunca Máis’ debullaron en rolda de prensa as razóns desta nova mobilización, que vén cadrar do día en que se fan os tres anos da catástrofe provocada polo petroleiro ‘Prestige’, que verteu ao mar máis de 60.000 toneladas de fuel, provocando un impacto ecolóxico, económico, social e humano do que o noso país aínda non se recuperou. Para os representantes da plataforma, que agrupa uns 400 colectivos sociais galegos, a convocatoria de manifestación deste ano, e as propias reivindicacións de ‘Nunca Máis’, non difiren substancialmente das da anterior mobilización, en novembro de 2004, aínda que recoñecen que a mudanza no escenario político (co cambio de goberno na Xunta de Galiza) é un elemento novo a considerar. Os responsábeis de ‘Nunca Máis’ sinalaron que no momento actual queren poñer o acento na necesidade da prevención deste tipo de catástrofes ambientais, xa que o nivel de risco que soporta o litoral galego segue a ser moi alto, ante o paso anual de máis de 13.000 buques con mercadorías perigosas diante das nosas costas. Buques que en moitos casos están en pésimas condicións para a navegación, o que se agrava nunha zona onde a meteoroloxía é adversa bastante meses do ano. Ademais diso, desde ‘Nunca Máis’ insístese en que non se pode pasar páxina da cuestión Prestige, posto que as súas consecuencias non están nin moito menos superadas. En tal sentido, cómpre ter presente que a afectación das pesquerías é importante -como se sinala desde o propio sector-, cunhas perdas produtivas e económicas que xa fan patentes campaña tras campaña desde a maré negra. A plataforma cidadá entende que se está diante dun bo momento para reactivar a presión social sobre os poderes públicos, para que estes asuman sen dilación na súa axenda o que ‘Nunca Máis’ denominou “paquete Prestige”, é dicir, o conxunto de medidas necesarias para paliar as consecuencias da última maré negra e para previr eficazmente novas catástrofes.
|
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
![]() |
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/11/2005 |
|||||||||||
|