|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os traballadores de Correos pechados na Oficina Principal de Santiago denuncian as medidas de presión aplicadas pola dirección de Correos que, lonxe de tratar de acabar co conflito pola vía da negociación, pretende empregar mecanismos pouco éticos para provocar que remate o peche. Diste xeito, denuncian que para utilizar o baño, tanto os compañeiros como as compañeiras pechadas, teñen que ir acompañados, até a porta, por un garda de seguridade. Só se lles permitiron usar as duchas no fin de semana, tamén acompañados até a porta polos gardas de seguridade, e desde o sábado ás 14:00 horas intentaron impedir que lles proporcionaran comida, aínda que finalmente conseguírona á noite do sábado e do domingo. Ademais, quedan sen calefacción polas noites e desde Correos non enviaron sequera unha visita do servizo médico da propia entidade. Os traballadores pechados lembran que fronte esta actitude eles están actuando de forma absolutamente pacífica e que non están perturbando, co peche, ningún dos servizos de Correos que se realizan nesa oficina. Alén diso, salientan a comprensión amosada polos usuarios e o apoio recibido polos compañeiros, que están chamando desde todos os puntos de Galiza para animalos a continuar co peche. Do mesmo xeito, agradecen as visitas institucionais e de representantes da CIG e o apoio recibido polos delegados deste sindicato, que se concentraron diante da entidade para amosar a súa solidariedade. Desde a sección de Correos da CIG lembran que as súas demandas son de xustiza e que con este peche o que pretenden é que desde a dirección os escoiten e senten a negociar. Así, reiteran que cobran 19 céntimos por quilómetro realizado, segundo quedou acordado no convenio asinado a finais de 2003. Un convenio, que no propio texto recollía que era improrrogábel e que foi prorrogado de forma irregular sen sufrir revisión algunha, malia a CIG demandar que se estabelecera un sistema periódico de revisión destes conceptos, que non foi aceptado. O incremento dos prezos dos carburantes ten empeorado as condicións salariais dos carteiros rurais, que xa no ano 2004 remitiron numerosos escritos á dirección da empresa en demanda de que se procedera a unha urxente revisión das súas remuneracións. Porén, malia as mobilizacións realizadas até o de agora, desde a dirección de Correos continúa o mutismo. Por iso, continuarán co peche e anuncian novas convocatorias de folga para tratar de mudar esta precaria situación. |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/11/2005 |
||||||||||||||||||
|