|
Actualidade CIG-Comunicación-
O Informe de Xestión, que foi aprobado por unanimidade, parte da análise da situación económica e sociolaboral da comarca de A Coruña, na que se vén operando, nos últimos anos, un lento proceso de transformación económica caracterizado polo grande peso do sector servizos; a debilidade do sector industrial; a perda de peso da actividade pesqueira e marisqueira; a brutal emigración, que ten afectado, sobre todo, á Costa da Morte e o grave retroceso do sector primario, nomeadamente das explotacións con produción de leite e carne. Neste contexto, o informe destaca que a taxa de actividade na comarca é do 51% fronte ao 54,2% de Galiza; a taxa de ocupación é do 46% (6 puntos por debaixo da media europea) e a taxa de paro do arredor do 12,5%. Alén diso, é especialmente preocupante que o 35% da contratación é temporal, sendo no téxtil e no sector dos servizos onde se acadan os índices de precariedade máis altos. E por se isto non fose dabondo, os salarios están un 15% por baixo da media do Estado, igual que as pensións, situadas nun 12% por debaixo da media.
Como resposta a esta situación adversa, o Informe de Xestión salienta a actividade sindical da CIG, afirmando que “fomos quen de ir dando respostas” e alternativas, que se traduciron no desenvolvemento de campañas nacionais e comarcais contra a precariedade, contra os acordos de contención salarial asinados por UGT, CCOO e a patronal, en plataformas reivindicativas na negociación colectiva e na presentación dun plano de industrialización e Emprego Digno na comarca, que non foi apoiado por CCOO nin UGT. Alén diso, lémbranse as mobilizacións nas folgas xerais, as campañas contra as mutuas, contra a represión sindical, contra o peche de empresas, contra a sinistralidade laboral e os accidentes mortais. Canto ás actuacións sindicais máis específicas, saliéntanse os casos de empresas como Viriato, Leyma, J.Taboada, o convenio de Artes Gráficas, Repsol-Petróleo, Ferroatlántica de Cee, mariñeiros e mariscadores do Porto Exterior, Arriva, Anodizados de Sabón, e un longo etcétera.
O Informe reserva un espazo específico ao alcalde de A Coruña, Paco Vázquez. Así lémbrase a campaña por un verdadeiro Consello Social e pola Defensa da Participación Cidadá e o Pluralismo, no ano 2004. Unha campaña organizada tras da aprobación -polo PSOE, con Paco Vázquez á frente e co apoio do PP- dun Regulamento de Participación Cidadá “antidemocrático, sectario, negador do pluralismo sindical, político e social e anulador da participación dos cidadáns”.
O incremento de afiliación nestes últimos catro anos tamén merece un trato específico no Informe de Xestión, acadándose un incremento do 29,10%. Así destácase que a central sindical conta nestes momentos cuns “índices de afiliación históricos”, matizando que “deberemos, para o futuro dar resposta á grande rotación de afiliación que existe” e fai un chamamento ás federacións para que se impliquen máis neste labor. Canto ás eleccións sindicais, malia tirarse dos resultados un incremento, sinálase que “a valoración non pode ser positiva” porque o medre foi moderado. En todo caso, débese ter en conta que non se celebraron eleccións no mar, porque de ter sido así, a CIG pasaría a ser a primeira forza sindical na comarca.
O Informe de Xestión da Executiva Comarcal saínte non se limita a facer un percorrido polo traballo realizado nos últimos catro anos, senón que tamén adianta as liñas de actuación nas que debe facer fincapé a CIG na comarca de A Coruña para reforzarse e reforzar así ao conxunto da central. Neste sentido, sublíñase a necesidade de “pór todos os esforzos e medios para unha acción sindical que verifique o lema do IV Congreso da CIG: Organización e loita: afortalar a loita, garantir os dereitos e liberdades”. Para iso, pártese de que “somos unha organización cunha capacidade e cun potencial máis importante do que pensamos, polo que debemos procurar ter cada vez máis unha práctica que incida na vida política e social da nosa comarca e de Galiza”. Do mesmo xeito recóllese o compromiso de loitar polo emprego digno. Para conseguilo, pularase por un plano de Emprego digno e pola Industrialización para a comarca; a loita polas infraestruturas e as comunicacións na nosa comarca; a importancia da negociación colectiva, partindo da defensa da CIG dun modelo alternativo de negociación; o compromiso por facer un sindicalismo verdadeiramente participativo e definir medidas concretas coas que actuar para acadar melloras reais nas condicións de traballo, entre outras.
Na súa intervención no acto de clausura do IV Congreso da CIG da Unión Comarcal de A Coruña, o recén reelixido secretario comarcal destacou as importantes expectativas abertas co novo goberno da Xunta, advertindo que a CIG non pode ficar pasiva senón que “estamos obrigados a agudizar e afinar máis e mellor os nosos métodos, os nosos obxectivos concretos, a nosa posta a punto organizativa, porque a nosa práctica sindical ten catro anos por diante nos que debemos demostrar e materializar coa nosa acción sindical que as transformacións da realidade actual son posíbeis”. Para Paulo Carril, os tempos de cambio que vivimos “non poden quedar só no aparente, deben ser certos en promover distintas políticas económicas e laborais, deben ser verdadeiros para fomentar un desenvolvemento económico en Galiza asentado na defensa e potenciamento dos nosos sectores produtivos, o potenciamento do noso tecido industrial, deben ser reais para abandonarmos dunha vez os primeiros postos no desemprego, na emigración, na precariedade, na sinistralidade laboral, nos miserentos salarios 15% inferiores á media do estado”. O secretario comarcal de A Coruña considera que os cambios deben ser palpábeis tamén na solución dos índices de contratación indefinida, os incumprimentos pola patronal das medidas de seguridade que causan mortais accidentes laborais, no deterioro e desgaleguización do ensino público, na descapitalización da Sanidade ou na privatización dos servizos públicos... A respecto da Declaración Institucional recentemente asinada, Carril afirma que “debemos traballar porque de todo isto se tomen efectivas e concretas medidas” e non pode converterse en “simple propaganda” ou reprodución mimética do “inútil e fracasado diálogo social como o que se practica en Madrid a diario polas centrais sindicais españolas coa patronal e co Goberno”, como están facendo na actualidade, preparando unha próxima reforma nefasta para a clase traballadora.
Para Paulo Carril, a loita por acadar mellores condicións de traballo e de vida pasan por unha reforma do Estatuto de Autonomía galego, xa que “o actual marco xurídico-político ten demostrado o seu fracaso para un futuro de dignidade para a clase traballadora galega”. Carril entende que a clase traballadora galega xógase moito neste asunto porque “o noso benestar e a nosa calidade de vida pasan de forma irreversíbel polo recoñecemento de Galiza como nación, pola reforma do prexudicial e discriminatorio sistema de financiamento de Galiza, por termos competencias para a planificación económica e fiscal, por poder actuar con capacidade plena en materia de emprego e precariedade, en política industrial...”. |
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/11/2005 |
||||||
|