Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 25 de novembro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Ecos dunha revolta en Francia

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Mentres as políticas neoliberais e o voraz capitalismo sigan o seu curso no vello continente, a marxinación e a exclusión social van formar parte do día a día dos segmento sociais máis depauperados, que aínda por riba levarán o seu estigma da súa orixe africana, latinoamericana, asiática ou do leste.



  Coche queimado, clic para aumentar
A raíz de todo o acontecido está pois na comprensíbel falta de expectativas e de futuro que ten a xente nova que habita zonas suburbiais das grandes capitais galas, xente nova que está a ser golpeada polo desemprego e a carestía da vivenda, e tamén por estaren condenados permanentemente a un rol de cidadáns de segunda.
 
As últimas semanas os arrabaldes de París viron emerxer unha revolta social, que axiña se estendeu por diversas cidades francesas e mesmo europeas. Revolta que é expresión e manifestación dunha situación de exclusión social que, aínda que larvada, existía e existe en Francia e en case todos os países dese espazo do primeiro mundo que se chama Europa.

Esta situación de exclusión social agudizouse nas dúas últimas décadas, cando as políticas máis ferozmente neoliberais irromperon con forza nas axendas dos partidos que veñen exercendo o Goberno en Francia, máis acentuadas nas forzas políticas da dereita, pero que tamén están presentes no sector dominante da socialdemocracia francesa.

A perda de dereitos da clase traballadora e a baixa na calidade do emprego, xuntamente coa diminución do gasto en políticas sociais forman parte do abano de razóns que deron finalmente nunha explosión social violenta, que tanto o poder político como boa parte dos medios de comunicación se aprestaron a demonizar. A súa única preocupación era e é poñer fin aos incidentes, no nome dunha proclamada “seguridade”. Non se asume que situacións coma estas se producen e desenvolven pola manifesta desigualdade social existente na sociedade francesa. Nin moito menos, que só un cambio de rumbo nas políticas a aplicar, a medio e longo prazo, é garantía de que aqueles tres principios que animaron a revolución burguesa en Francia de finais do século XVIII, ‘Liberté, Égalité, Fraternité’.

Máis perverso aínda é o obxectivo da dereita gobernante en Francia (asumindo o discurso da extrema dereita ‘lepenista’) de vincular o fenómeno migratorio cos disturbios que abrollaron na periferia parisina. Os centos de mozos e mozas que se botaron á rúa para dar saída á súa carraxe e ao seu desacougo ante uns poderes que os marxinan fixérono como denuncia dese estado de cousas, máis alá da súa procedencia ou a de seus pais, pois a maioría teñen como nacionalidade a francesa case desde o seu nacemento.

A raíz de todo o acontecido está pois na comprensíbel falta de expectativas e de futuro que ten a xente nova que habita zonas suburbiais das grandes capitais galas, xente nova que está a ser golpeada polo desemprego e a carestía da vivenda, e tamén por estaren condenados permanentemente a un rol de cidadáns de segunda. Alén diso, a crecente xenofobia que parece querer instalarse en Europa (alimentada desde os poderes e case asumida polos sectores sociais máis conformistas) é un chanzo máis nesa escada cara a ningures pola que están condenados a subir ducias de millares de mozos e mozas no noso continente.

Pasados xa bastantes días desde o seu inicio, a revolta parece apagarse, mais só en canto á escenificación dun descontento. Mentres as políticas neoliberais e o voraz capitalismo sigan o seu curso no vello continente, a marxinación e a exclusión social van formar parte do día a día dos segmentos sociais máis depauperados, que aínda por riba levarán o seu estigma da súa orixe africana, latinoamericana, asiática ou do leste. E isto convén non o esquecer, mesmo cando as revoltas veñen marcadas pola espontaneidade máis absoluta, como agora aconteceu en Francia. As que veñan mañá serán así de espontáneas ou non. Quen sabe. E a receita agora dada, a simple represión (policía, estado de enmerxencia, expulsión de inmigrantes sen nacionalidade...), se cadra dificilmente sirva na mesma medida.


Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2005.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta