Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 4 de novembro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
O Estatuto catalán, a soidade do PP e nós

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Negar a consideración de Galiza como nación, como fai o PP, é tan ridículo como negar a chuvia. Outra cousa é o alcance xurídico que esta realidade obxectiva ten ou debería ter nun futuro. Nese terreo é no que serían lóxicas e entendíbeis as discrepancias.



  Estatut catalán, clic para aumentar
Outra volta o PP quedou só na votación, neste caso no Congreso dos Deputados, xa que o resto dos grupos presentes na cámara apoiaron co seu voto a admisión a trámite para a súa discusión do texto articulado do novo Estatut. Tamén así o fixeron os dous representantes do nacionalismo galego, que salientaron que o devandito texto defina Catalunya como nación e que fale do Estado español como unha entidade inequivocamente plurinacional.
 
O novo Estatut catalán deu este mércores un novo paso no seu percorrido legal coa súa chegada ao Parlamento español. Previamente viña avalado polo apoio do 90% do Parlament (cámara de representantes catalá), nun pacto que contou coa anuencia de todas as forzas políticas con representación no parlamento autonómico catalán. Todas agás o desorientado PP, á fronte do cal está un aínda máis desorientado Josep Piqué, que foi ministro aznarista.

Outra volta o PP quedou só na votación, neste caso no Congreso dos Deputados, xa que o resto dos grupos presentes na cámara apoiaron co seu voto a admisión a trámite para a súa discusión do texto articulado do novo Estatut. Tamén así o fixeron os dous representantes do nacionalismo galego, que salientaron que o devandito texto defina Catalunya como nación e que fale do Estado español como unha entidade inequivocamente plurinacional.

O que agora resulte de aquí en diante non deixa de ser unha incógnita, xa que o partido maioritario na cámara baixa, o PSOE -que goberna no Estado- vén manifestando actitudes moi contraditorias a respecto do Estatut. Mesmo moitos dos seus líderes veñen amosando publicamente o seu rexeitamento de fondo ao texto catalán; entre estes, un lugar de honra meréceo o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, que nun xesto de intolerancia chegou a afirmar que a lectura do Estatut lle producía “urticaria”. Postura esta que é plenamente coincidente coas posicións oficiais do PP, nunha auténtica deriva anti-democrática que incluso alenta irresponsabelmente a xenofobia contra o pobo catalán.

Tampouco non deixa de ser curiosa a postura dos dirixentes do maltreito PP en Galiza, xa que unha das súas voces autorizadas pedía que a discusión do Estatuto catalán chegase á Cámara galega. E digo curiosa a postura, por non dicir que é tamén hipócrita, pois non se pode esquecer que o PP, e o seu aínda presidente Manuel Fraga, non deixan de facer declaracións negando a posibilidade dun novo Estatuto para Galiza.

Xa na anterior lexislatura, na que posuía unha ampla maioría, o PP non foi quen de abordar o inicio dos traballos lexislativos que permitisen un anovado texto estatutario para Galiza. E agora, ademais de afondar niso, xa ameazan con nin sequera sentar a falar sobre o tema se, ao igual que no articulado catalán, no novo Estatuto galego se plasma a consideración de Galiza como nación. Dito sexa de paso, negar esta consideración de Galiza como nación sería tan ridículo como negar a chuvia. Outra cousa é o alcance xurídico que esta realidade obxectiva ten ou debería ter nun futuro. Nese terreo é no que serían lóxicas e entendíbeis as discrepancias. Incluso aí é onde se tería que ver a maduración política do PSOE, desde o seu xacobinismo tradicional.

Vai ser só cuestión de tempo, e de non moito tempo, vermos como se vai resolvendo isto, é dicir, de que xeito se vai expresar xurídica e politicamente a Galiza do futuro inmediato. E cómpre non ficar á marxe.


Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2005.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/11/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta