|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A espectacularidade do devandito operativo (ordenado desde ese tribunal de excepción denominado “Audiencia Nacional”) contrasta coa debilidade xurídica das imputacións feitas aos detidos, aos que ademais lles foi negada a presunción de inocencia desde o circo mediático -e político- que se montou ao seu redor. A case totalidade dos medios de comunicación, cunha falta de rigor e de profesionalidade só imputábel a unha evidente mala fe, inzaron as súas páxinas de titulares vergoñantes, que poñían o dedo acusador sobre os dez independentistas detidos, a organización na que militan (organización non declarada ilegal no actual e escasamente democrático ordenamento xurídico do Estado español) e sobre a súa propia ideoloxía independentista, tentando máis unha vez atacar un ideario político. A sombra do “terrorismo” viña a reaparecer nos medios de comunicación de Galiza como recurso para a criminalización do discrepante. E sabido é que a perversa ecuación “nacionalismo=terrorismo” lles oferece a algúns, faltos de escrúpulos, un rédito político-electoral igualmente perverso. En consonancia coa distorsión mediática, voceiros recoñecidos do PSOE e o PP tamén se aprestaban ao aplauso á disparatada montaxe nacida na Audiencia Nacional, condenando os mozos detidos desde o máis puro apriorismo ideolóxico. Nesa dirección, o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo, destapou o seu particular tarro das esencias cunhas escandalosas declaracións en que non só se congratulaba da actuacións das forzas da orde, senón que xa presumía a culpabilidade dos detidos. Pola súa banda, Fraga Iribarne tivo a ocorrencia de relacionar o acontecido co debate aberto en torno ao Estatut catalán. Fronte a eles, o nacionalismo político mantivo a sensatez, criticando o desenvolvemento do operativo e pedindo garantías legais para os detidos, cuestións estas que levou ao Parlamento español en forma de pregunta parlamentaria. Foron tamén moitos os militantes nacionalistas que expresaron a súa solidariedade coas persoas detidas e denunciaron o carácter puramente político da denominada “Operación Castiñeira”. Apenas dos días despois das detencións, e tras o seu paso por dependencias da Audiencia Nacional, os dez independentistas recuperaron a súa liberdade, sen que contra a eles se formulasen cargos no devandito órgano xudicial español. Algunha desa prensa acusadora fala non sen razón do “ridículo” da actuación da Audiencia Nacional. Deberían estender a crítica ao seu propio proceder e ao de determinados representantes políticos. A “Operación Castiñeira” resultou un monumental desatino, polo que infelizmente ninguén vai ter que responder, ou iso parece. A democracia de baixa intensidade segue o seu curso.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/11/2005 |
||||
|