Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 11 de novembro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Unha vez máis á rúa con ‘Nunca Máis’

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Aínda co novo escenario político, ‘Nunca Máis’ asume un papel protagónico na mobilización social convocando esta manifestación do día 13 de novembro, instaurado xa como un auténtico Día da Dignidade. Manifestación que debe servir igualmente para pór de manifesto que o traballo desenvolvido pola Plataforma durante estes seus tres anos de existencia, cos seus altos e baixos e coas súas dificultades, tamén rendeu os seus froitos.



  Nunca Máis, clic para aumentar
Nunca Máis, clic para aumentar
Tal como reza o manifesto de convocatoria da manifestación elaborado por ‘Nunca Máis’, o obxectivo básico da devandita mobilización é reclamar “o compromiso inequívoco das administracións, do novo Goberno” para facer fronte e solucionar as cuestións aínda pendentes no referido ao Prestige, cuestións que pasan pola recuperación económica dos sectores afectados, pola rexeneración dos ecosistemas danados e pola prevención eficaz de novos accidentes e catástrofes.
 
‘Nunca Máis’ volve saír á rúa este 13 de novembro de 2005. Tres anos despois de que o Prestige chegase ás costas galegas coa súa carga letal (77.000 toneladas de fuel, das cales máis de 60.000 foron vertidas ás augas), a plataforma cidadá realiza un novo chamamento á mobilización, desta volta baixo o clarificador lema de “Evitemos outro Prestige’.

Cando os ecos da maré negra do Prestige non están nin moito menos apagados, fóra que xa non exista o balbordo mediático arredor deste asunto, ‘Nunca Máis’ pon o acento na prevención deste tipo de catástrofes, como mellor argumento para mobilizar unha vez máis ao pobo galego en defensa das nosas costas e do noso mar.

Na avaliación feita por ‘Nunca Máis’, avaliación que no seu momento mesmo se chegou a levar a un foro como o Parlamento do Hórreo (cando a Comisión de Investigación do Prestige aberta no seu día na devandita cámara), a situación a día de hoxe segue a ter trazos preocupantes. Se por unha banda aínda non foron abordadas na súa amplitude as consecuencias derivadas da maré negra do Prestige, pola outra banda tampouco non están desenvolvidas as actuacións de carácter preventivo que contribúan nin a reducir o altísimo risco de accidentes marítimos que existe fronte ás nosas costas, nin a paliar, en caso de accidentes, os seus efectos inmediatos (medios de protección e de loita contra a contaminación mariña).

Fronte á mobilización habida á agora un ano, e que congregou a case 50.000 persoas en Compostela baixo o lema “Seguimos a exixir solucións e xustiza”, hai que salientar que o escenario político en Galiza mudou radicalmente. A perda de apoios electorais do PP e do seu aínda presidente Fraga provocou que a maioría absoluta en que se sustentaba o seu goberno fose substituída por unha nova maioría que deu lugar ao actual goberno bipartito da Xunta BNG-PSOE. Nin que dicir ten que este cambio político asenta os seus alicerces nas diferentes mobilizacións sociais que viviu Galiza desde o ano 2001, e entre estas (dúas folgas xerais, mobilizacións no ensino contra a LOU e a LOCE...) as protagonizadas por ‘Nunca Máis’ foron dunha vital transcendencia.

Aínda así, co novo escenario político, ‘Nunca Máis’ asume un papel protagónico na mobilización social convocando esta manifestación do día 13 de novembro, instaurado xa como un auténtico Día da Dignidade. Manifestación que debe servir igualmente para pór de manifesto que o traballo desenvolvido pola Plataforma durante estes seus tres anos de existencia, cos seus altos e baixos e coas súas dificultades, tamén rendeu os seus froitos, e boa parte do acadado neste tempo (axudas aos afectados, avances na lexislación internacional en materia de seguridade marítima, etc) foi grazas ao impulso de ‘Nunca Máis’, sen baixar a garda e mesmo enfrontando os duros ataques que chegaban desde o poder político na época do PP día si, día tamén.

Con todo, tal como reza o manifesto de convocatoria da manifestación elaborado por ‘Nunca Máis’, o obxectivo básico da devandita mobilización é reclamar “o compromiso inequívoco das administracións, do novo Goberno” para facer fronte e solucionar as cuestións aínda pendentes no referido ao Prestige, cuestións que pasan pola recuperación económica dos sectores afectados, pola rexeneración dos ecosistemas danados e pola prevención eficaz de novos accidentes e catástrofes.


Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2005.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta