|
Actualidade CIG-Comunicación-
O Informe de Xestión presentado pola Executiva comarcal saínte, na IV Asemblea comarcal de Vigo foi respaldado polo 82,9% dos compromisarios/as asistentes. Nel cualifícase o período de catro anos que remataba coa celebración da Asemblea como o das “máis grandes mobilizacións sociais recordadas na historia da nosa comarca, así como pola celebración de dúas folgas xerais, nas que a nosa central sindical, a CIG, desempeñou un papel protagonista”. Mobilizacións que foron consecuencia “dun traballo sindical constante”, a pesar das adversas condicións “derivadas da maioría absoluta do Partido Popular no goberno central e na Xunta de Galiza, que coa súa política neoliberal e antiobreira atacou frontalmente a nosa clase en xeral e a nosa organización en particular”. Pero non foi adverso unicamente o contexto político. Tamén a situación sociolaboral da comarca deixa uns datos preocupantes, cunha taxa de desemprego situada nun 13%, superior á media estatal e á nacional e cun forte incremento da precariedade. Un panorama que complicou a acción sindical, máis aínda pola posición da patronal, “se cabe máis belixerante que en anos anteriores” coa CIG, mesmo con despedimentos e ameazas a candidatos e candidatas nas eleccións sindicais.
Este panorama obrigou á central sindical “a desenvolver un intenso traballo e a adoptar novas medidas de loita coa fin de garantir os dereitos e liberdades dos traballadores e traballadoras” e que se traduciu en mobilizacións laborais en Sintel, Nor Rubber, Avigán, Macofrei, Montaxes Sur de Vigo, Froiz, Indusal, Vitaldent, Dimar, Megaplast, Plaidesa, Citroën, Povisa, Astra-Zéneca e outras moitas. Xunto a isto, desenvolvéronse campañas como a do NON á Constitución Europea, contra a precariedade laboral, contra a guerra de Iraq, coa participación en Nunca Máis pola crise do Prestige ou coa implicación en diversas organizacións sociais, como a Plataforma en Defensa da Ría, nas protestas contra a LOU, contra a LOSGA, na Asociación Viguesa para a Memoria Histórica do 36, con asociacións de veciños, en defensa dun novo trazado para a chamada “Autovía da morte”, contra a Lei de Estranxeiría, pola supresión das peaxes da Autoestrada do Atlántico...
Un dos aspectos máis importantes da acción sindical destacados no informe de xestión é o referido a Saúde Laboral. Así sublíñase que os accidentes, “lonxe de reducirse, increméntanse, debido a factores como a precariedade, a falta de formación, a rotación no posto de traballo, ás interminábeis xornadas laborais”. Os sectores máis castigados pola sinistralidade laboral foron, neste período, o naval e a construción, nos que houbo unha grande capacidade de reacción, cun importante papel protagonista da CIG, con mobilizacións dos traballadores do Naval que pararon o sector cada vez que se daba un accidente laboral con resultado de morte, ao igual que na construción. Ambos sectores acabaron por convocar unha folga os días 2 e 3 do pasado mes de xuño, mesmo coa ocupación da CEP, o que provocou que tres compañeiros da CIG estean denunciados ante os tribunais.
O medre de afiliación nestes últimos catro anos situouse nun 18,07% “se falamos de fichas activas” e nun 33,7% “se falamos de afiliación por cota ou fórmula”. Con estes datos a CIG sitúase, na comarca de Vigo, como primeira central sindical en afiliación. Ademais, do informe tírase que a 31 de decembro de 2003, a CIG tiña 1.478 representantes, o que viña sendo o 33,2% da representación sindical na comarca. Uns datos que teñen mellorado a data de hoxe chegando a 1.592 delegados e delegadas, que representan xa o 33,8% da representación. Este incremento explícase por “unha planificación acertada, unha boa coordinación da comisión electoral e un traballo constante das estruturas sindicais, xunto co brillante papel dos compañeiros responsábeis da OPR (Oficina Provincial de Rexistro)”.
O 87,1% das/os compromisarias/os apoiaron a candidatura de Xerardo Abraldes, que saíu reelixido como secretario comarcal. Na súa intervención de clausura, Abraldes apostou por seguir consolidando a CIG como primeira forza sindical na comarca de Vigo e mesmo incrementar a súa representatividade até chegar ao 35%, acadar os 1.800 delegados/as nas próximas eleccións sindicais e conseguir unha afiliación de 18.000 traballadores/as, para o que afirmou, “non haberá ningún problema, de continuar a este ritmo de crecemento que levamos”. Porén, no que máis fincapé fixo foi na importancia da negociación colectiva, insistindo en que é “a mellor ferramenta que temos para acabar coa explotación”. Neste sentido, comprometeuse a reforzar o modelo de negociación colectiva polo que aposta a CIG, “cada vez máis combativo e máis participativo para que non se converta nunha cuestión rutineira, senón nunha forza que aproveitemos para chegar mellor aos traballadores e fortalecer a nosa organización sindical”. Á importancia da negociación colectiva tamén se referiu Consuelo Martínez, secretaria confederal de Organización, quen interveu no acto de clausura da IV Asemblea en representación da Executiva Confederal. A secretaria confederal de Organización salientou a importancia de que se constitúan as seccións sindicais e que participen activamente nos procesos de negociación colectiva, xa que “son as que poden conseguir unha negociación colectiva participativa, non á marxe dos traballadores/as e asemblearia, onde todos os afectados pola negociación dese convenio podan dar a súa opinión”. Consuelo Martínez advertiu ademais, que a negociación colectiva para o 2006 será “moi dura” para a CIG, cunha patronal que “non nos vai regalar nada” e cuns sindicatos estatais “completamente entregados á patronal”. Diante deste panorama, a secretaria de Organización afirmou que “só se temos representación sindical poderemos negociar convenios e só se a CIG negocia convenios podemos garantir que sexan transparentes e defendan realmente as necesidades dos traballadores”. De aí que sexan tamén tan importantes os resultados das próximas eleccións sindicais.
Tanto Xerardo Abraldes como Consuelo Martínez destacaron a relevancia que terá para reforzar a acción sindical da CIG a constitución da Caixa de Resistencia. A secretaria de Organización, en referencia ao seu valor como ferramenta sindical, para que “ningún traballador, ningunha traballadora, teña que abandonar a loita por non poder resistir economicamente. Poderannos vencer por outra cousas, pero non porque non teñamos para levar cartos á casa para poder sobrevivir dignamente”. O recén reelecto secretario comarcal, fixo referencia ao pulo que a Caixa de Resistencia vai dar á acción sindical e a posibilidade de favorecer o achegamento de máis compañeiros e compañeiras, pero sobre todo polo salto organizativo que supón canto a favorecer a solidariedade e o apoio mutuo na clase traballadora, algo que para Abraldes é sinal de identidade da CIG. Como secretario comarcal de Vigo, Abraldes tamén destacou na súa intervención o papel fundamental que ten esta comarca para o conxunto da organización sindical afirmando que “fomos, somos e temos que seguir sendo o motor e a vangarda da nosa organización”. En todo caso apostou por fuxir de visións “minifundistas” e contribuír a construír unha CIG “forte, grande e plural”, un proxecto “estratéxico que vai ter moito que dicir no futuro do noso país”.
Canto á conformación da Executiva Comarcal concorreron tres candidaturas, encabezadas por Xerardo Abraldes, que obtivo 171 votos e 7 membros; por Elvira Iglesias, que obtivo 31 votos e un membro e a encabezada por Anxo González Ferreira, que tamén obtivo 31 votos e un membro. Deste xeito a nova executiva Comarcal queda conformada por: Xerardo Abraldes Fernández, Canto á elección de membros para o Consello Confederal, tamén concorreron tres candidaturas. A encabezada por Xerardo Abraldes obtivo 173 votos e 10 membros; a de Manuel Domínguez Pereira, 29 votos obtivo 1 membro e a encabezada por Fernando Acuña Rúa, 30 votos e dous membros. Con estes resultados a comarca de Vigo queda representada
no Consello Confederal por |
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/11/2005 |
|||||||||||||||
|