|
Actualidade CIG-Comunicación-
Fermín Paz Lamigueiro, o até o de agora secretario nacional da Federación de Químicas e Enerxía daba o relevo neste IV Congreso a Abelardo Landeira, que foi elixido por unanimidade como novo secretario nacional. O labor desenvolvido por Paz Lamigueiro foi recoñecido, non só polos delegados/as asistentes ao Congreso, que o agasallaron cun longo aplauso, senón mesmo polas delegacións convidadas, que quixeron deixar constancia do bo traballo realizado polo secretario nacional saínte nas súas intervencións. Ese recoñecemento foi tamén manifestado polo novo secretario nacional, Abelardo Landeira. Na súa intervención de clausura agradeceu á executiva saínte o traballo realizado, así como o labor desenvolvido polos membros que cesaron na executiva, nomeadamente a Fermín Paz, ao que desexou “que viva a satisfacción do traballo ben executado que deixa como herdanza na Federación e que acade obxectivos parellos na súa nova etapa como membro da Executiva Nacional da CIG”. Landeira destacou, ademais, do traballo da anterior Executiva, a boa administración de recursos financeiros e gabouse da independencia económica tanto da Federación como da Confederación. A respecto das teses debatidas no decurso do Congreso subliñou que “non todos os sindicatos somos iguais” salientando que “nós non imos mudar as prioridades sindicais e non o faremos porque somos sabedores da existencia da loita de clases. Nunca imos aceptar a máxima do sindicalismo estatal, de que este sistema é o mellor dos posíbeis e, polo tanto, non hai que trocalo”. Para Landeira, de acordo co recollido no documento “é o sindicalismo reformista que está en crise; na medida que as contradicións se agudicen as bases sindicais destas organizacións decataranse de que hai xa tempo que deixaron de seren prioritarias nos seus sindicatos”.
O novo secretario nacional tamén subliñou a importancia da Negociación Colectiva. Por iso, comprometeuse a achegala aos traballadores e traballadoras, fomentando a participación directa. “O proceso de agresión á clase traballadora demanda do sindicalismo nacionalista este compromiso”, afirmou, engadindo que “os convenios de empresa son por proximidade e participación directa dos traballadores o noso campo natural de traballo, xa que obrigan máis á participación dos traballadores e traballadoras”. A este respecto, nas teses, partindo tamén de que a Negociación Colectiva é o eixo clave da acción sindical, establécese a obrigatoriedade de xuntas internas da Federación para programar e elaborar estratexias cara ás diferentes negociacións colectivas; a necesidade de debater sobre a necesidade de participar ou non nos diferentes convenios de ámbito estatal e demandar a creación dun gabinete técnico, xurídico e económico a nivel confederal para o apoio a Negociación Colectiva. Todo isto, tendo e conta a relevancia que ten a acción sindical neste eido de cara a acadar avances en representatividade nas eleccións sindicais.
Pero onde foi máis incisivo o recén electo secretario nacional foi no significado da máxima “Afortalar a loita”, parte do lema do IV Congreso Nacional da Confederación. Sobre isto, Landeira precisou que quere dicir “ser unha organización máis forte, mellor estruturada, que fomenta a participación como fórmula para desenvolver a nosa potencialidade”. Un lema que para Landeira implica tamén, que “debemos dotarnos de mellores medios e actuar en clave de clase e de nación”; defender “un proxecto dirixido á maioría social e, polo tanto, con contidos en materia sociolaboral nun Marco Galego de Relacións Laborais”. Seguindo esta liña discursiva, o secretario nacional de Químicas explicou o que significa a outra parte do lema do IV Congreso da CIG “Garantir os dereitos”, que segundo el, exixe manter “unha negociación colectiva alternativa, loitar pola igualdade de xénero, contra a precariedade, polo emprego de calidade, polas políticas sociais e os servizos públicos”. E a segunda parte: “Garantir os dereitos e as liberdades”, como forma de demandar que se respecten “os nosos dereitos individuais e colectivos”. Un lema que no seu conxunto sintetiza, ao seu entender “o noso compromiso histórico de loita polos dereitos da clase obreira, da nosa nación e de todas as patrias do mundo”.
Outro dos aspectos aos que deu especial relevancia na súa intervención Abelardo Landeira foi o de Saúde Laboral e o medio Ambiente no Traballo, para quen seguen a ser a precariedade laboral e as condicións de traballo os factores que están provocando accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
Fermín Paz foi o encargado de presentar as teses congresuais, a modo de informe de xestión, que foron aprobadas por unanimidade polo Congreso. Un informe que alén de recoller o traballo da federación presenta unha pormenorizada análise da situación socio-económica e laboral actual, ademais do compromiso da defensa dun proxecto nacional.
O compromiso da defensa dun proxecto nacional, asumiuse mesmo desde o lema escollido para o IV Congreso da Federación: “Avanzar no desenvolvemento nacional”. Un lema ao que fai referencia o propio informe co que se expresa o eixo sobre “o que debe xirar a nosa acción sindical en Galiza”. Unha acción sindical comprometida coa necesidade de incrementar a toma de consciencia “da nosa identidade como clase e como pobo”. Dise xeito, a federación aposta, na actual conxuntura do país e dentro do marco da reforma estatutaria anunciada polo goberno galego, “por que a CIG participe no proceso desde a súa independencia, exixindo a transferencia de competencias exclusivas para potenciar o Marco Galego de relacións Laborais”. Neste sentido demándase a transferencia das políticas pasivas de ocupación, inspección de traballo, formación continua, fondo de garantía salarial, xestión dos permisos de traballo a inmigrantes e emigrantes e a transferencia das funcións da Seguridade Social. Xunto a isto, establécese o compromiso da federación coa reforma do actual marco xurídico-político do estado español, co obxectivo de que Galiza acade o recoñecemento de nación con autonomía financeira, capacidade de planificación económica e da política fiscal; competencias económicas e da política fiscal; competencias plenas en materia de emprego para a loita contra a precariedade e a marxinación e un instituto galego con competencias en materia de emprego e formación. Ademais, demándase que o Parlamento galego teña competencias lexislativas en materia laboral e de Seguridade Social, favorecer a negociación colectiva no ámbito galego, introducindo no Estatuto dos Traballadores a prevalencia dos convenios galegos sobre os estatais; regulamentar a participación dos traballadores e traballadoras en todas as relacións do traballo e medios necesarios para as organizacións sindicais, así como facilitar espazos nos medios públicos de comunicación en todo o relativo ao mundo do traballo.
O informe amosa a satisfacción polos resultados acadados nas eleccións sindicais, precisando que, a pesar diso, “temos que afirmar que o poder ou a hexemonía política e sindical é españolista”. Nese sentido, sinálase que a ofensiva do actual españolismo no campo sindical ten como obxectivo “deixarnos con espazos de representatividade cada vez máis pequenos cunha proxección a curto-medio prazo de marxinar a nosa alternativa sindical en canto a “utilidade” para os traballadores e traballadoras”, para acadar un “marco estatal único cunha práctica sindical de pacto e de acordo social permanente, negador da loita de clases e cun bipartidismo político e sindical consolidados”. Para enfrontarse a esta dinámica, a Federación asumiu o compromiso de elaborar un documento co proxecto específico de chegar ao 34% de representatividade, a fin de situarse como primeira forza no seu ámbito; encetar un debate a nivel nacional e comarcal do proxecto de campaña de eleccións sindicais, baseado no marco galego e na democratización do sindicalismo e fixar un marco estábel de relación e contactos en que se concreten os apoios electorais en cada centro de traballo onde a Federación non ten representación ou é moi feble.
Sobre a necesidade de fusionar estruturas federativas, o Congreso aprobou ademais a resolución de facultar á nova Executiva Nacional para iniciar as conversas e as negociacións con outras federacións para que, antes do 31 de decembro de 2006, “decidamos sobre unha proposta de nova Federación que terá que ser aprobada previamente pola Dirección Nacional e que obrigatoriamente se ten que someter á decisión dina dun Congreso Extraordinario”, tal e como está previsto nos Estatutos.
O Informe recolle as medidas necesarias para dar resposta axeitada ás necesidades organizativas. A Federación de Químicas atópase coa necesidade de incorporar máis cadros a responsabilidades de dirección, desde as seccións sindicais até a Dirección Nacional e a incrementar o número de seccións sindicais nas empresas, ademais de afrontar o impacto da perda de emprego nas grandes empresas. A respecto deste último punto, sinálase a necesidade de facer un seguimento dos problemas da afiliación, asociados á perda de afiliación en sectores ou subsectores en regresión ou desmantelados. Ademais, sublíñase a necesidade de defender por todos os medios a representatividade; visitar os centros de traballo con afiliación e novas empresas ou polígonos industriais e formar aos delegados/as.
Dentro da súa autonomía de funcionamento, a Federación de Químicas e Enerxía reafirmou as súas posicións, aliñamentos e afiliación (UIS-TEMQPIA) (FSM), Organización dos Sindicatos dos Países do Mediterráneo, Asociación Dereito á Enerxía e adianta nas súas teses que “logo de coñecer os resultados destes procesos, así como a posición da Confederación e das organizacións internacionais ás que pertencemos, decidirá ao respecto”. En todo caso, manifesta a súa intención de intensificar as relacións bilaterais que mantén coas federacións homoxéneas dos sindicatos nacionalistas de Euskal Herria, Catalunya e Canarias, coa Intersindical portuguesa (CGTP-IN), coa CGT francesa, coa CTA da Arxentina, coa PIT-CNT de Uruguai, coa UTIER de Porto Rico, coa UNT de Venezuela, co STEIN de Rusia e coas correntes de sindicatos e organizacións que a nivel mundial comparten a loita de clases e o dereito de autodeterminación dos pobos. As teses tamén poñen de manifesto o contraditorio chamamento á unidade de CIOSL-CMT, “tanto na análise que o sustenta, como nos vetos que na práctica impón a determinadas organizacións sindicais”. Ademais anúnciase a intención de participar no Congreso da FSM, como membro da UIS-TMQPIA, “desexando que as súas resolucións permitan dar resposta ás exixencias sindicais actuais, tanto no plano político como no sectorial e organizativo”.
Máis alá da problemática específica galega, as teses presentadas no Congreso de Químicas e Enerxía presentan unha análise exhaustiva da situación internacional. Así, respecto da explotación de recursos estratéxicos, a perspectiva mundial afirman “non pode ser máis preocupante, tanto para as condicións de vida dos seres humanos como para os procesos industriais”. A este respecto lémbrase que en diversas análises publicadas, sitúase a máxima de produción enerxética no ano 2025, cun consumo triplicado nese ano respecto do ano 1970, “polo que cómpre considerar un colapso enerxético, de non producir variacións moi importantes nos parámetros de produción e/ou consumo”. Este colapso, segundo esta análise, daría nunha recesión xeral que provocaría a necesidade dunha política estabilizadora para baixar os impostos do petróleo, cando siga subindo o cru. De seguido, advirten que a industria petroquímica, a industria do automóbil e o turismo “sufrirán os efectos depresivos da diminución da cantidade e o conseguinte incremento dos prezos”. Finalmente, levaría a un racionamento do mercado, en canto os prezos sigan subindo, a economía é inflacionaria , polo que todos os sectores da produción estarán afectados.
Como alternativa para solucionar esta crise enerxética aparece a enerxía nuclear, á que a CIG se opón frontalmente, e moito máis a que se intente “metela pola porta de atrás”, no Estado español, en “mesas de diálogo”. Lamentabelmente, indican que no sector sindical xa conta co apoio do secretario xeral de CCOO, “que coma sempre é dos primeiros en comprometer a súa organización en calquera reforma proposta desde o sistema capitalista e para o sistema”. Malia este crítico panorama, considérase que o sistema capitalista está e crise, “entre outras cousas porque está baseado na espoliación irracional dos recursos, na inxustiza e na opresión”. Por iso enténdese que a orde mundial establecida entra en contradición con calquera outro que pretenda un desenvolvemento nacional ou supranacional, baseado nunha reorientación profunda da explotación dos recursos enerxéticos ligado a un sistema económico e social diferente. Neste contexto, considérase necesario que Galiza aproveite a súa posición en materia da produción enerxética e das reservas de auga, exixindo a transferencia da xestión sobre estes recursos e aproveitalos no seu desenvolvemento económico e social. A Federación de Químicas e Enerxía tamén se posiciona en contra das privatizacións, deslocalizacións e a libre circulación de capitais promovida polos ideólogos do neoliberalismo para satisfacer as necesidades do sistema capitalista.
Os resultados do Congreso cárgannos de responsabilidade á nova Executiva, por iso é un reto ilusiónante que imos acometer con forza. Un saúdo cordial ás delegadas e delegados ao congreso. Agradezo a presenza das delegacións internacionais que nos honran coa súa compaña nesta nova etapa que emprendemos na Federación de Químicas, Enerxía, Minería e Artes Gráficas da Confederación Intersindical Galega. Quero agradecer á Executiva saínte o traballo realizado. Traballo que nos permitiu relegar a un segundo plano ao sindicalismo estatal e poñernos os primeiros para enfrontar as vindeiras eleccións sindicais desde un posto de saída moi vantaxoso. Por iso, agradezo tamén aos que cesan na Executiva o traballo desenrolado, entre eles ao secretario nacional saínte; Fermín Paz Lamigueiro, desexándolle que viva a satisfacción do traballo ben executado que deixa coma herdanza na Federación e que acade obxectivos parellos na súa nova etapa como membro da Executiva Nacional da CIG. Quero salientar que a Executiva saínte realizou unha boa administración dos recursos financeiros, tal e como quedou reflectido ao longo do Congreso. Nesta nova etapa imos continuar polo camiño xa marcado, convencidos de que non estamos sobrados de recursos financeiros. Pero do que si debemos estar orgullosos é da nosa independencia económica tanto na Federación como na Confederación somos unha Central Sindical que se mantén financeiramente dos recursos aportados pola afiliación dos que un 15% van ir a sustentar unha nova ferramenta para desenvolver moito mellor a nosa acción sindical, estou a falar da creación dunha caixa de resistencia. Compre remarcar unha breve síntese sobre as teses e propostas (dende a consideración de que xa foron obxecto de debate no congreso).Afirmamos: Non todos os sindicatos somos iguais, isto é certo, non o somos. Nós dende a CIG imos levar á practica o noso xeito de facer sindicalismo. Nós non imos mudar as prioridades sindicais e non o faremos porque somos sabedores da existencia da loita de clases. Nunca imos aceptar a máxima, do sindicalismo estatal de que este sistema é o mellor dos posibles e polo tanto non hai que trocalo senón instalarse nel. Na CIG non somos, nin imos ser parte do sistema, nós queremos transformalo para o que precisamos fortalecer, non esquecer e potenciar a capacidade de cambio real e transformación socio-política da clase obreira. É o sindicalismo reformista quen está en crise; na medida que as contradicións se agudicen as bases sindicais destas organizacións decataranse de que hai xa tempo que deixaron de seren prioritarias nos seus sindicatos. Como dicimos nunha das resolucións deste 4º congreso: A pesares de tódalas dificultades, en moitos países e cada día en máis, a clase traballadora pode contar con organizacións que enfrontamos a loita do día a día desde a convición de que a lóxica do desenvolvemento social está presidida pola loita de clases. Debemos acercar a Negociación Colectiva e os Convenios ás traballadoras e ós traballadores, debemos fomentar a súa participación directa. O proceso de agresión á clase traballadora demanda do sindicalismo nacionalista este compromiso. Os Convenios de Empresa son por proximidade e participación directa dos traballadores o noso campo natural de traballo, xa que obrigan máis á participación dos traballadores e das traballadoras. Os Convenios de Empresa obteñen resultados xeralmente positivos sobre os de ámbito estatal. Non só pola mellora das condicións económicas e laborais, tamén porque as decisións tómanse nos Centros de Traballo sen permitir a desmobilización e o asinamento de acordos regresivos para os nosos intereses. AFORTALAR A LOITA quere dicir que precisamos ser unha organización máis forte, mellor estruturada, que fomenta a participación como fórmula para desenvolver a nosa potencialidade. AFORTALAR A LOITA significa que debemos dotarnos de mellores medios e actuar en clave de clase e de nación. AFORTALAR A LOITA na defensa dun proxecto nacional de Galiza, dirixido á maioría social e polo tanto con contidos en materia sociolaboral nun Marco Galego de Relacións Laborais. GARANTIR OS DEREITOS esixe dunha negociación colectiva alternativa; esixe loitar pola igualdade de xénero, contra a precariedade, polo emprego de calidade, polas políticas sociais e os servizos públicos. GARANTIR OS DEREITOS E AS LIBERDADES é demandar que se respecten os nosos dereitos individuais e colectivos; supón que a liberdade é un concepto aplicábel aos cidadáns e cidadás pero tamén aos pobos, porque unha nación sen dereito a exercer a súa soberanía como Galiza non se pode considerar libre. Así o expresabamos na CIG no Documento Base sobre o marco político e a acción sindical: AFORTALAR A LOITA, GARANTIR OS DEREITOS E LIBERDADES sintetiza o noso compromiso histórico de loita polos dereitos da clase obreira, da nosa nación e de todas as patrias do mundo, que se concretou nas propostas de resolución no pasado 4º Congreso da Confederación Intersindical Galega. É obrigado lembrar que a esta nova Executiva Nacional da Federación de Químicas e Enerxía, se incorporan catro novos membros aos que dou a benvida. Entre todos temos a responsabilidade de continuar o traballo sen demoras, e dun xeito sinxelo vou propoñer cales son os eixes sobre os que traballaremos: 1. Propoñer fórmulas para corrixir os desequilibrios territoriais da Federación. Debemos prestar apoio ás Comarcas que temos máis debilitadas, temos Comarcas que están a sufrir o impacto da perda de emprego. 2. Temos que implicar a toda a Federación na importancia que teñen as visitas aos centros de traballo con afiliación. Sen esquecer as visitas ás novas empresas ou aos polígonos industriais con posibilidades de afiliación. 3. Hai que formar delegados sindicais. Moitas traballadoras e traballadores afirman que se sindican á CIG porque consideran que os nosos cadros están mellor formados. 4. Temos necesidade de incorporación de máis cadros a responsabilidades de dirección, dende as seccións sindicais ata a dirección nacional. Hai que incrementar o número de seccións sindicais nas empresas. 5. Debemos defender, poñendo tódolos medios, a nosa representatividade, para que o que somos non poida ser ignorado ou ninguneado. 6. Esta nova Executiva iniciará as conversas e negociacións con outras Federacións para que, antes do 31 de Decembro do vindeiro ano, decidamos sobre unha proposta de nova Federación que terá que ser aprobada primeiro pola Dirección Nacional e que obrigatoriamente imos someter á decisión final dun Congreso Extraordinario. 7. Intensificaremos as relacións bilaterais que mantemos actualmente coas Federacións homoxéneas dos sindicatos nacionalistas de Euskal Herria, Catalunya e Canarias, tamén o faremos ca Federación de Sindicatos de Traballadores das Industrias Eléctricas de Portugal da Intersindical Portuguesa e ca Federación de Minas e Enerxía da CGT francesa. Continuaremos cooperando internacionalmente coa CTA arxentina, coa PIT-CNT uruguaia, coa UTIER de Puerto Rico, coa UNT venezolana, co STEIN de Rusia, coa CGT francesa, coa Intersindical Portuguesa (CGTP-IN), e cos sindicatos e organizacións sociais que mundialmente comparten a loita de clases e o dereito de autodeterminación dos pobos. 8. No eido internacional a nosa Federación vai continuar mantendo posicionamentos xa manifestados, a afiliación á Federación Sindical Mundial (FSM), e á UIS-TEMQPIA (da que a Secretaria Xeral Adxunta está nas mans da nosa Federación). A cooperación sindical internacional é a expresión natural e consecuencia lóxica do internacionalismo e da solidariedade da clase traballadora. Hoxe, día 3 de Decembro, estamos a participar no Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM) que se celebra na illa de Cuba, na Habana. Dende o noso Congreso desexamos que as súas resolucións permitan dar respostas ás esixencias sindicais actuais, mesmo no plano político e sociolaboral, así coma no sectorial e organizativo. Non quero rematar sen prestarlle atención á Saúde Laboral e o Medio Ambiente no traballo. A data de hoxe continua sendo a precariedade laboral e a determinación das condicións de traballo os factores que están provocando accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Valoramos positivamente a cualificación, ao máis alto nivel técnico, en materia de prevención de riscos laborais a un bo número de sindicalistas que teñen responsabilidades directas na acción sindical e na negociación colectiva na Confederación e na nosa Federación. Dado que actualmente na CIG temos con nós un número importante de cadros sindicais con formación en prevención de riscos, debemos aproveitalos e crear estruturas estables de formadoras e formadores co fin de integrar a prevención na negociación colectiva e na acción sindical. En xeral, debemos actualizar estruturas, optimizar os recursos e facer fronte aos vellos e novos retos, sen esquecer a loita por un desenvolvemento sustentábel, toda vez que a seguridade e a saúde nas empresas fica cada vez máis asociada ás condicións ambientais e á protección do medio ambiente. Debemos esixir que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral cumpra cando menos cos obxectivos para os que está previsto. Temos que requirir dos poderes públicos que fagan cumprir a lexislación vixente en materia de prevención de riscos e medio ambiente no traballo. Impulsaremos reformas na lexislación para actualizar o cadro de enfermidades profesionais, para que os protocolos de vixilancia da saúde se fagan concretos a cada posto de traballo e en función dos riscos. Esixiremos da Consellería de Sanidade un centro para o diagnóstico, tratamento e rehabilitación das enfermidades derivadas do traballo, para atender inmediatamente os centos de traballadoras e traballadores con afeccións provocadas ca manipulación de amiantos, de canceríxenos, de mutáxenos, e milleiros de produtos que manexamos nos postos de traballo. Pularemos pola reforma das leis que regulan as indemnizacións compensatorias polas secuelas derivadas dos accidentes de traballo. Tamén hai que facelo para reformar as leis que regulan as baixas pensións que se pagan por incapacidades provocadas por accidentes laborais e por enfermidades profesionais. Polo dito, é moi importante, para que ninguén decida por nós, irmos construíndo un marco de relacións laborais e sociais propio, plenamente soberano, no que poidamos condicionar coas nosas decisións como traballadoras e traballadores galegos. O marco español de relacións laborais é un marco que nos marxina, un ámbito de actuación dominado polo sindicalismo españolista, un sindicalismo condicionado e mediatizado polo poder, un sindicalismo integrado no sistema e fiel defensor do actual modelo xurídico-político centralista do Estado e que continua sen asumir a Galiza como unha realidade nacional diferenciada. Fixádevos, diariamente en Galiza estamos perdendo capacidade produtiva, medios, emprego e calidade de vida. No ano 1986 en Galiza tiñamos unha capacidade de merca, respeito á media da Unión Europea, do 62% subindo ao 65% no ano 2000, (en 14 anos subimos 3 puntos). Mentres que para Irlanda esta evolución foi do 63,8% ao 115% (51 puntos máis) e en Madrid do 83,1% ao 110% (26,9 puntos). Faise evidente que os maiores avances déronlle maior potencial aos que manexaban o poder político e utilizárono no seu beneficio. Se cadra estes resultados trocarían se tivésemos un Estado propio, como Irlanda. O que fica claro é que as medidas tomadas desde Madrid e Bruxelas, a respeito daqueles sectores que teñen plenas competencias (o caso do agro, da pesca, do naval) foron pasos atrás para Galiza. Podemos dicir que para Galiza as consecuencias da integración na Unión Europea non foron positivas. A clase traballadora galega está dende hai anos sufrindo perda de capacidade económica, medrou a xornada laboral real, soportamos altas taxas de paro e precariedade, emigración e baixa natalidade que están a ser consecuencias da aplicación sen matizacións de plans que coma o famoso “PLAN GALICIA” foi de todos coñecido polos carteis que o anunciaron ao longo e ancho do país, pero invisíbel, ninguén soubo en que consistiu. Os avances nos camiños da mellora das nosas condicións de vida e traballo, van vir dados polo nivel de organización, mobilización e pola correlación de forzas. Desde posturas entreguistas ao poder do sistema non vai chegar solución nin cambio positivo, nin para a clase traballadora galega, nin para os traballadores e traballadoras globalmente. Dende a CIG temos a firme convicción de que a soberanía política para Galiza será unha ferramenta fundamental que nos permitirá como país estar en mellores condicións á hora de defender a nosa identidade e os nosos sectores produtivos fronte ás políticas definidas no marco do Estado español ou da Unión Europea. Ultimamente estamos asistindo a un debate político sobre o modelo de Estado. Nós posicionámonos claramente a favor dun modelo de Estado que recoñeza xuridicamente o seu carácter plurinacional que garanta o dereito a un Estatuto de Nación e que garanta o dereito á autodeterminación das nacións que o integran. Nesta encrucillada a clase traballadora galega necesitamos de organizacións sindicais de clase que ademais de loitaren coherentemente pola defensa dos intereses inmediatos, inflúan no eido das políticas sociais, económicas e culturais, desde unha perspectiva de clase, desde unha perspectiva nacional e desde unha perspectiva de troco do actual modelo socioeconómico. Moitas grazas, e remato co lema que nós puxemos para este 4ª Congreso da Federación de Químicas-Enerxía En Galiza: avanzar no desenvolvemento.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2005 |
|||||||
|