ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 13 de decembro de 2005

Congreso da FSM
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  XV Congreso da Federación Sindical Mundial, clic para aumentar
A FSM, que fora a maior internacional sindical, foi perdendo organizacións afiliadas coa queda da Unión Soviética, o minguar dos movementos de liberación, e o avance da globalización neoliberal. Esta debilidade, negativa nun principio, pode que sexa cara o futuro unha das súas maiores virtudes se é capaz de superar esta etapa, xa que foi deixando polo camiño vellos prexuízos e actitudes sectarias.
XV Congreso da Federación Sindical Mundial, clic para aumentar
XV Congreso da Federación Sindical Mundial, clic para aumentar
O novo secretario xeral, o grego George Mavrikos, é dirixente do PAME. Esta organización é unha tendencia ao interior do único sindicato de Grecia, GSEE, que representa sobre un 40% da mesma. O presidente eleito é o sirio Mamad Azzouz. (Na foto, de esquerda a dereita, George Mavrikos Grecia, secretario xeral da FSM, Pedro Ross, secretario xeral da CTC de Cuba, e Mamad Azzouz Siria, presidente da FSM).
XV Congreso da Federación Sindical Mundial, clic para aumentar
A este Congreso acudiron centrais sindicais e sindicatos de sector de ámbito estatal, organizacións sindicais de nacións sen estado proprio, sindicatos locais, tendencias organizadas dentro de centrais sindicais dos estados soberanos... Non se fixo do ámbito territorial estatal un principio, senón que se lle deu máis importancia aos obxectivos sociais e a coordinación de acións en común. (Fotos: ©galizacig.com).
 
Entre os días 1 e 4 de decembro, realizouse na Habana, Cuba, o 15º Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM). Neste evento participaron uns 530 representantes de máis de 200 organizacións e 73 países. Pola CIG asistiu a secretaria confederal de Organización, Consuelo Martínez, o secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación, Manuel Mera, e o director do Departamento de Internacional, Xesús Ramón González Boán.

A FSM, que fora a maior internacional sindical, foi perdendo organizacións afiliadas coa queda da Unión Soviética, o minguar dos movementos de liberación, e o avance da globalización neoliberal. Esta debilidade, negativa nun principio, pode que sexa cara o futuro unha das súas maiores virtudes se é capaz de superar esta etapa, xa que foi deixando polo camiño vellos prexuízos e actitudes sectarias.

A este Congreso, no que se fixo unha convocatoria aberta, acudiron centrais sindicais e sindicatos de sector de ámbito estatal, organizacións sindicais de nacións sen estado proprio, sindicatos locais, tendencias organizadas dentro de centrais sindicais dos estados soberanos, etc. En poucas verbas: non se fixo do ámbito territorial estatal un principio, senón que se lle deu máis importancia (como debe ser) aos obxectivos sociais e a coordinación de acións en común.

O novo secretario xeral, o grego George Mavrikos, é dirixente do PAME. Esta organización é unha tendencia ao interior do único sindicato de Grecia, GSEE, que representa sobre un 40% da mesma. O presidente eleito é o sirio Mamad Azzouz. Tanto no secretariado como entre os vicepresidentes son maioría absoluta os dirixentes sindicais dos países do sul, o que indica cal e a orientación que seguirá esta internacional. Con seguridade o antiimperialismo será o eixo principal, polo que xustiza social e desenvolvemento soberano estarán unidos nun mesmo proxecto sindical.


Nova directiva da FSM

Mamad Azzouz Siria, presidente,
George Mavrikos Grecia, secretario xeral.

Secretariado

Osiris Oviedo, Cuba,
Adib Miro, Siria,
Valentin Pacho, Perú,
Abdulmalik El Naneen, Sudán.

Secretarios/as

Ramón Cardona Nuevo, América,
H. Mahadevan, Asia-Pacífico,
Naseeb Rizk, Medio Oriente.

Vicepresidentes/as

1. Walter Pritchard, Australia,
2. Antonio Neto, Brasil,
3. Norma Cano, Panamá,
4. Pambis Kyritsis, Chipre,
5. Pedro Ross, Cuba,
6. Keith Komrie, Xamaica,
7. Ryom Sun Gil RPD, Corea,
8. Anatoli Davidov, Rusia,
9. Cu Thi Hau, Vietnam,
10. Freddy Huck, Francia,
11. Ibrahim Sylla, Senegal,
12. Muhy Al-Dein, Líbano.



  XV Congreso da Federación Sindical Mundial
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 9'59'', espazo en disco: 26.603.302 bytes [25,3 Mb]). Realización: César Caramés.
 
Declaración final do XV Congreso da Federación Sindical Mundial
Consenso da Habana


1. Hai 60 anos o movemento sindical mundial adoptou a decisión histórica de fundar a Federación Sindical Mundial (FSM). Tras a vitoria sobre o fascismo, os seus obxectivos fundamentais foron a loita a favor da xustiza social e o progreso, a emancipación, o respecto pola dignidade dos traballadores e as súas familias e pola paz.

2. Naqueles momentos, a diverxencias entre as organizacións sindicais eran moitas, mais a urxente necesidade de lle dar resposta á colosal devastación económica, social e humana, fixo vital o imperativo de vencer os devanditos prexuízos e situarse por riba das diferenzas políticas e ideolóxicas. Era necesario poñer a un lado o ostracismo e o sectarismo de todo tipo e lograr a unidade.

3. Os participantes no XV Congreso Sindical Mundial, convocado pola Federación Sindical Mundial, celebrado na Cidade da Habana, entre os días 1 ao 4 de decembro de 2005, recoñecen que os retos de hoxe son aínda maiores e reafirman os obxectivos que inspiraron ao movemento sindical 60 anos atrás. É a nosa firme convición que a unidade do movemento obreiro e sindical se constitúe nunha necesidade que ningunha organización sindical, xa sexa local, nacional ou internacional pode negar ou evadir.

4. Quen podería argumentar que as consecuencias da globalización capitalista poden ser enfrontadas en solitario, sen a solidariedade internacional?

5. Non acreditamos en que as organizacións sindicais poidan xogar o seu papel de xeito efectivo se defenden só os dereitos dunha parte da clase obreira cando a inmensa maioría está privada ou excluída deses dereitos e das garantías colectivas.

6. Pensamos que resulta vital unir a todos os pobos explotados e oprimidos, os traballadores, indíxenas e campesiños, desempregados, os sen terra, os traballadores informais, así como a outros movementos sociais e comunitarios, de maneira que unha forza sólida e vitoriosa poida xurdir e facer posíbel ese mundo novo ao que todos aspiramos.

7. Non podemos ignorar nin aceptar as desigualdades e a discriminación contra as mulleres sometidas en moitas partes do mundo aos labores máis difíciles e que, mesmo en países industrializados, reciben salarios inferiores aos homes só porque son mulleres.
8. Non podemos tolerar violacións nin agresións contra a dignidade daqueles grupos máis vulnerábeis, tales como os xubilados, inmigrantes, os nenos, ou os discapacitados.

9. Mentres non hai emprego para centos de millóns de pais e nais no mundo, ducias de millóns de nenos son explotados brutalmente e sometidos ata as peores formas de traballo infantil, entre as cales a explotación sexual é unha vergoña para a humanidade. Hai que librar unha verdadeira batalla contra tales inxustizas.

10. A explotación a que son sometidos os inmigrantes e a poboación negra e pobre de Estados Unidos, posta á luz traxicamente tras con o paso do furacán Katrina polo sur dese país, demostra ata que punto o sistema imperante só favorece as clases dominantes e condena a pobreza a poboacións enteiras. Cheguemos coa nosa solidariedade a eses millóns de seres humanos excluídos de todos os dereitos.

11. A pandemia do VIH-SIDA, xunto á pobreza e exclusión a que as potencias occidentais condenaron a África, esa rexión tan próxima a todos nós, obríganos a accións urxentes para reclamar con toda a nosa forza o cesamento da explotación dos seus recursos, a supresión total da débeda de todos os países e un programa concreto que dea solución ao grave problema do VIH que ameaza co exterminio actual e futuro de grandes masas de poboación africana.

12. Nós, os participantes no XV Congreso Sindical Mundial, afirmamos que o movemento sindical ten a responsabilidade de identificar, de xeito claro, os atrancos que se interpoñen no camiño da unidade e a acción. Debemos combater a lóxica rapaz e depredadora do sistema capitalista e imperialista, xa que é ilusorio o concentrarnos soamente en enfrontar os seus excesos! As experiencias máis recentes demostraron que o sindicalismo nada ten que gañar negociando as demandas do capital, o que só conduce á regresión social e cara ao debilitamento do movemento sindical.

13. O agravamento da crise económica e financeira non lle oferece ningunha outra alternativa ao capital que o continuar exercendo a opresión sobre o traballo. De feito, a lóxica de maximización das ganancias, sustentando as estratexias e prácticas das corporacións transnacionais, dos programas de axustes estruturais do FMI/Banco Mundial, a OMC, as Áreas de Libre Comercio, o unilateralismo, as medidas coercitivas, as sancións e bloqueos e as guerras imperialistas impostas aos pobos e os seus estados, desestabilizaron as relacións internacionais e ao multilateralismo. Todo iso incrementou as desigualdades en detrimento dos dereitos soberanos dos pobos e nacións, o seu dereito á autodeterminación e o control sobre os seus recursos e riquezas naturais, o seu medio ambiente, as súas culturas, así como os dereitos fundamentais das minorías étnicas.

14. Como aconteceu hai 60 anos atrás, os actuais acontecementos estannos a levar cara a unha era de novo e maior barbarismo, o cal entraña un perigo extraordinario para o futuro da humanidade. Polo tanto, os participantes a este XV Congreso Sindical Mundial declaramos que o sindicalismo debe levantarse e estar á altura destes desafíos. Facemos un chamado urxente a todos os sindicalistas e organizacións sindicais a nivel local, nacional e internacional a unha loita masiva, unitaria e articulada a escala mundial.

15. Nós, os participantes no XV Congreso Sindical Mundial, proclamamos a necesidade de contribuír, traballar e loitar polo logro destes obxectivos xunto a todos aqueles que comparten esta visión, ou que escollan construír un mundo de xustiza, igualdade, humanismo e solidariedade. A historia do sindicalismo é inseparábel do progreso social e dos máis brillantes logros acadados pola humanidade. Renunciar a este papel e a esta responsabilidade, afectará de xeito definitivo a credibilidade do movemento sindical e conduciría á negación da razón de ser da súa existencia mesma.

16. Miramos con optimismo e confianza cara ao futuro. Todos e cada un de nós, sen exclusión ningunha e con gran modestia, debemos extraer as leccións das nosas vitorias e derrotas, de maneira que poidamos ser máis útiles e xogar o noso papel de xeito máis eficiente. Existen grandes expectativas en canto á renovación das prácticas sindicais. As nosas accións sindicais non poden quedar restrinxidas soamente ás declaracións, a retórica, e a representación de carácter institucional, o cal contribúe só a formas de burocratización que afastan as nosas accións das realidades económicas e sociais que deben ser transformadas. Ninguén queda excluído destas exixencias.

17. A propia globalización incrementou a necesidade dunha maior solidariedade entre os traballadores e os sindicatos a nivel mundial. Hoxe é máis necesaria que nunca a construción dunha rede de relacións sólidas entre as estruturas nacionais, rexionais, sectoriais, profesionais e internacionais. Isto é tamén válido no seo da OIT e no sistema de Nacións Unidas. Consideramos que é estratéxico compartir, colaborar e buscar formas de loita común en todos estes niveis.

18. Un movemento sindical internacional forte e con influencia non pode implantarse sen unha verdadeira democratización que teña en conta os dereitos e deberes de todos.

19. Queremos contribuír á necesaria resistencia para combater o proxecto do capital, así como á procura dunha alternativa para a transformación económica e social do mundo. Debemos unirnos na loita contra o desemprego e polo pleno emprego, a eliminación da explotación, a pobreza e a miseria, a favor da nacionalización e o desenvolvemento dos servizos públicos, contra a privatización e os traslados de empresas, polo incremento do salario real, por un maior nivel da protección social, polo respecto á negociación colectiva e a lexislación laboral e polo respecto aos dereitos laborais e sindicais.

20. Numerosas loitas que hoxe se desenvolven en todos os continentes teñen na súa esencia algunha ou todas estas aspiracións. Estas obtiveron algúns resultados concretos e influíron no contido de moitas decisións, demostrando que os éxitos poden ser soamente obtidos a través da loita. A batalla contra o ALCA en América é un bo exemplo. Estas loitas e os seus resultados deben ser divulgados xa que contribúen a xerar confianza para a as accións colectivas.

21. Os participantes no XV Congreso Sindical Mundial desexamos intensificar o noso compromiso co desenvolvemento destas accións. Expresamos a nosa solidariedade inclaudicábel con todos aqueles que loitan en calquera parte do mundo.

22. A política do capital é inseparábel da agresividade e brutalidade que caracterizan ao imperialismo a escala internacional. A chantaxe contra as ameazas terroristas non pode enmascarar os masacres e a pillaxe levados a cabo polo país terrorista número un no mundo. A Administración norteamericana é violadora da lei internacional con total impunidade, fai do unilateralismo a base das súas relacións e conduta internacionais; participa en guerras preventivas e publicamente ameaza a un número de estados coa intervención militar. Esta actitude intolerábel, a cal condenamos, é cada vez máis rexeitada, tal e como foi demostrado na votación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas ao condenarse o inhumano e bárbaro bloqueo contra Cuba.

23. Os participantes no XV Congreso Sindical Mundial, proclaman o dereito e o deber da resistencia pola soberanía nacional e o dereito dos pobos á súa autodeterminación. Exiximos a inmediata e incondicional retirada de Iraq das forzas comandadas polos Estados Unidos e a eliminación da pillaxe e o roubo das riquezas e os recursos naturais dese país.

24. Os participantes no XV Congreso Sindical Mundial, defendemos os principios fundacionais do sindicalismo internacional, os principios da solidariedade entre os traballadores e pobos do mundo. O Movemento Sindical Internacional non existe para si; está ao servizo da emancipación dos traballadores. Para iso foi creado e é por iso polo que continuará coa súa longa loita con determinación e confianza.

25. Os participantes no XV Congreso Sindical Mundial comprometémonos a difundir amplamente este Consenso co propósito de promover, con combatividade e convición, a contribución deste Congreso á construción dun movemento sindical internacional forte, o cal resulta crucial para a nosa época, para alcanzar a vitoria nas loitas dos traballadores e para a realización dos seus soños.


A Habana (Cuba), 4 de decembro do 2005.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/12/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta