Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 30 de decembro de 2005

A directiva Bolkestein, a Unión Europea ao servizo exclusivo do capital
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Directiva Bolkestein, clic para aumentar
As consecuencias da directiva Bolkestein son esmagadoras sobre os dereitos laborais e as propias organizacións sindicais. Primeiro, porque resultará moito máis barato contratar empregados nos países de nova incorporación no leste, e as mesmas empresas galegas terminarán creando empresas neses países para contratar alí man de obra, que mesmo pode ser galega. Segundo, porque se racha co mercado único laboral, xa que nun mesmo sector, realizando o mesmo traballo, haberá operarios con condicións laborais distintas.
 
O pasado día 28 de novembro a Comisión Europea aprobou a directiva Bolkestein con modificacións mínimas sobre o texto anterior. O vindeiro 14 de febreiro será debatida no Parlamento Europeo.

Este directiva pretende desregular moito máis o mercado laboral, tratando os asalariados e asalariadas como se fosen unha mercadoría. Concretamente, a empresa dun país da Unión poderá realizar traballos noutro empregando persoal e condicións laborais do estado de orixe. Así, un empregado contratado en Lituania ou Polonia, por poñer algún exemplo, con salarios moi inferiores aos de Galiza poderá facer unha obra ou servizo calquera no noso país, sen que a lexislación laboral e os convenios colectivos en vigor lle afecten. O único sector que ficaría fóra da directiva sería seica o da saúde, o que constituiría a única modificación importante inserida a respecto do texto anterior.

Dende a maioría das centrais sindicais da UE exíxese que se modifique o texto cando menos en tres aspectos esenciais: que a directiva respecte a lexislación laboral e os convenios colectivos en cada país; que non se aplique a cláusula de país de orixe, polo que se deben respectar necesariamente as normas que rexen no estado no que se faga a obra o servizo; que se deixe fóra da directiva os servizos públicos esenciais (saúde, ensino). Neste último caso están algúns sindicatos mais á esquerda, que inclúen como servizos esenciais, auga, enerxía, electricidade, servizos audiovisuais e medioambientais, empresas de traballo temporal. Entre as primeiras centrais está a CES, que ten convocado para o vindeiro 14 de febreiro unha manifestación en Estrasburgo.

As consecuencias desta directiva son esmagadoras sobre os dereitos laborais e as propias organizacións sindicais. Primeiro, porque resultará moito máis barato contratar empregados nos países de nova incorporación no leste, e as mesmas empresas galegas terminarán creando empresas neses países para contratar alí man de obra, que mesmo pode ser galega. Segundo, porque se racha co mercado único laboral, xa que nun mesmo sector, realizando o mesmo traballo, haberá operarios con condicións laborais distintas.

Evidentemente, isto afectará primeiro aos países que están máis preto do leste europeo, malia que non tardará moito en chegar a Galiza. A contratación hoxe de empresas de Portugal é un anticipo do que pode ser en poucos anos unha enxurrada. As consecuencias: desemprego para a xente residente en Galiza e perda en poucos anos dos dereitos adquiridos.

Mesmo as excepcións que se fan polas centrais sindicais europeas non son suficientes. Teñamos en conta que aínda conseguindo que se eliminen das obras e servizos os sectores públicos e esenciais, e que se aplique a lexislación do país en que se fai a obra, mesmo deste xeito aos empresarios págalles a pena contratar no exterior porque rachan a unidade sindical con operarios afastados da súa realidade social e alleos ao entorno, e, en moitos casos, descoñecedores da lingua do estado no que van residir. A oposición frontal a esta directiva semella o máis lóxico e, sindicalmente, o correcto.

 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG.

  Manuel Mera
 
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/12/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta