ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 21 de decembro de 2005

O IV Congreso da CIG de Ourense reelixe a Etelvino Blanco como secretario comarcal
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
Etelvino Blanco foi reelixido secretario comarcal no IV Congreso da CIG de Ourense, celebrado o sábado 17 de novembro de 2005. (Foto: ©galizacig.com 17/12/2005).
 
Etelvino Blanco foi reelixido secretario comarcal no IV Congreso da CIG de Ourense, celebrado o pasado sábado 17 de novembro. Na súa intervención de clausura, Blanco incidía especialmente na necesidade dunha acción sindical dirixida a loitar polo emprego. Algo imprescindíbel para a que se ten convertido, malia a súa elevada renda percápita, na comarca cos máis altos índices de desemprego e de emigración de Galiza, segundo se recolle no propio informe de xestión.

Ourense é a provincia con maior número de saídas á emigración. Tal é así que por cada mil habitantes, emigraron 36 no ano 2003 para Europa, o resto do Estado e as zonas máis industrializadas de Galiza. Unha cifra que se incrementou no ano 2004, con máis de 12.000 ourensáns que marcharon “á procura dun posto de traballo e futuro que lles nega a nosa terra”.

Estes son algúns dos datos que recolle o informe de xestión presentado e aprobado polo IV Congreso da CIG de Ourense. Un informe no que se advirte que “os máis afectados por esta lacra social son os mozos e mozas con maior cualificación”.

E non é de estrañar que esta sexa a saída pola que acaba optando a mocidade. Máis se se ten en conta que Ourense, con 21.723 paradas/os inscritas/os no INEM no mes de novembro, se sitúa a 2,30 puntos porcentuais por riba da media estatal e 1 punto por riba da media galega.

  IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
A recén electa Executiva queda conformada por: Etelvino Blanco Rodríguez, Xosé Lois Freire Domínguez, Virxinia Cortiñas Bolaño, Manoel Anxo García Torres, Carlos Vázquez Castro, Antolín Fernández Álvarez e Xosé Manuel Marra Fernández.
IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
IV Asemblea Comarcal Ourense, clic para aumentar
“O que se precisa é un sindicalismo nacionalista forte”, afirmaba Etelvino Blanco na súa intervención de clausura. Para iso, engadía, “é necesario reforzar a organización e acadar máis representatividade nas empresas”. Blanco apostou ademais por unha acción sindical dirixida a “loitar polo emprego”, desde unha posición de “independencia sindical, estea quen estea no goberno”. Posición que para o secretario comarcal da CIG xa se recolle no propio lema deste IV Congreso: “As melloras e conquistas”. (Fotos: ©galizacig.com 17/12/2005).
Ourense reelixe a Etelvino Blanco
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 9'07'', espazo en disco: 24.398.018 bytes [23,2 Mb]). Realización: César Caramés.
 
Esta situación é, en grande parte, consecuencia do raquítico desenvolvemento do sector industrial, onde a ocupación é de só o 12%, converténdose construción e servizos nos sectores produtivos máis representativos e amortiguadores da falta de industria. O propio tamaño da pouca que hai evidencia esta situación: só dúas empresas superan os mil traballadores e cinco os cincocentos.

Porén, nestes últimos catro anos a deslocalización castigou aínda máis a esta provincia, co peche dunha das súas maiores empresas: Valeo, que mantivo durante anos máis de 600 empregos directos e outros moitos indirectos.

A precariedade é outro dos grandes problemas que afectan á clase traballadora ourensá. De feito, durante o ano 2004 fixéronse 55.273 contratos, dos que o 95% foron eventuais. Este tipo de contratación afecta maioritariamente á xente nova que accede ao seu primeiro posto de traballo agora en peores condicións que hai vinte anos seus pais.

As mulleres son as máis afectadas pola contratación en precario e a tempo parcial. Estes contratos, que ascenderon a 11.116, supoñen un 21% do total, e na maior parte dos casos son obrigadas a facer unha xornada laboral real que supera á máxima estabelecida en convenio, polo que as condicións de explotación aumentan.

A alta taxa de desemprego e precariedade son, segundo o informe de xestión, a principal causa da sinistralidade laboral, favorecida pola sobreextensión da xornada legal, a obriga de facer horas extra, a rotación dentro dun mesmo centro de traballo en empresas diferentes, o retroceso da negociación colectiva... “Só nos primeiros nove meses do ano, morreron en xornada de traballo por accidente laboral 5 traballadores e 52 sufriron feridas de gravidade, dun total de case 3.000 accidentes.


Contra a precariedade, acción sindical

Diante desta situación “o que se precisa é un sindicalismo nacionalista forte”, afirmaba Etelvino Blanco na súa intervención de clausura. Para iso, engadía, “é necesario reforzar a organización e acadar máis representatividade nas empresas”.

Blanco apostou ademais por unha acción sindical dirixida a “loitar polo emprego”, desde unha posición de “independencia sindical, estea quen estea no goberno”. Posición que para o secretario comarcal da CIG xa se recolle no propio lema deste IV Congreso: “As melloras e conquistas”. Un lema que trata de sintentizar a idea de que “é a clase traballadora quen ten que conquistar esas melloras e non é o poder quen as dá graciosamente. Son os traballadores quen as conseguen”.

Etelvino Blanco amosou tamén a súa satisfacción polo feito de que a candidatura á Secretaría Comarcal e á Executiva fora “única e de consenso. Unha candidatura feita en base ao pluralismo existente na CIG, onde as diferentes sensibilidades nos puxemos de acordo para que fóra unha asemblea de unidade”.

Diste xeito a recén electa Executiva queda conformada por:

Etelvino Blanco Rodríguez,
Xosé Lois Freire Domínguez,
Virxinia Cortiñas Bolaño,
Manoel Anxo García Torres,
Carlos Vázquez Castro,
Antolín Fernández Álvarez,
Xosé Manuel Marra Fernández.

Canto aos representantes no Consello Confederal, foron elixidos:

Carlos Vázquez Castro,
Manuel Anxo García Torres,
Xosé Lois Freire Domínguez.


Revitalizar a negociación colectiva

O informe de xestión asume que “non podemos sentirnos satisfeitos cos resultados da negociación colectiva nestes anos, porque non houbo unha mellora importante das condicións salariais e laborais nos convenios provinciais”. Unha situación que deriva, sobre todo, da “claudicación dos sindicatos estatais con pactos sociais en Madrid, que limitan os salarios e provocan a perda de poder adquisitivo e a desmobilización da clase traballadora”, provocando que a negociación colectiva quede reducida a “un ritual anual de aplicar eses topes salariais, negociados polas cúpulas sindicais e alleos á nosa realidade”.


Reforzar a organización, aumentar a afiliación e medrar en representación

Para facer fronte a unha conxuntura tan difícil para a clase traballadora “fai falla unha organización máis forte na súa estrutura organizativa e con máis presenza nos centros de traballo e, para iso, debemos aumentar moito máis o nivel de afiliación e de representantes sindicais nas empresas que son a garantía de resposta inmediata aos problemas diarios e ao éxito das campañas”.

Este compromiso, adquirido no informe de xestión é ademais resposta ao escaso medre en representación sindical obtido durante o proceso electoral 2002/2003. Un medre condicionado pola “intromisión dos empresarios no proceso, beneficiando candidaturas amarelas doutros sindicatos, para impedir o aumento de representación do sindicalismo nacionalista, que somos o obxectivo a combater”.

Malia todo, a CIG sitúase como segunda forza sindical, aumentando ao 24,22% na comarca e na cidade, exceptuando Valdeorras e un incremento de afiliación do 20% nos últimos catro anos.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/12/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta