Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 23 de decembro de 2005

Ramiro Oubiña: “A Caixa de Resistencia vai reforzar a nosa acción sindical e a solidariedade de clase”
 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Ramiro Oubiña, clic para aumentar
Ramiro Oubiña: “O que vai facer realmente é reforzar a nosa actuación sindical. Somos unha organización sindical que practica o anti pacto social, que basea a súa acción sindical na loita dos traballadores e que favorece a súa activa participación na toma de decisións. Estes elementos xa supoñen unha diferenza de partida con CCOO e UGT. A posta en marcha da Caixa de Resistencia vai reforzar aínda máis a nosa acción sindical e neste sentido incrementará tamén as diferenzas que xa existen entre o noso sindicalismo e o dos sindicatos estatais máis representativos”. (Foto: ©galizacig.com).
 
O Consello Confederal da CIG aprobou, o pasado martes 20 de decembro, o Regulamento polo que se rexerá a Caixa de Resistencia, logo de terse aprobado a súa creación no IV Congreso Confederal, celebrado o pasado mes de maio. A CIG concibe a Caixa de Resistencia como un instrumento para reforzar a acción sindical e a solidariedade de clase. Para coñecer as razóns polas que se crea e o seu funcionamento, entrevistamos a Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas.


Paula Castro:
Por que a CIG considerou oportuno crear unha Caixa de Resistencia?

Ramiro Oubiña: Os propios datos oficiais constatan que as familias teñen cada vez máis dificultades económicas para chegar a fin de mes e que esas dificultades afectan, sobre todo, á maioría social, que son os traballadores e traballadoras. Isto témolo moi claro nós pero tamén a patronal. Tal é así que se facemos un repaso dos últimos conflitos laborais que teñan derivado nunha folga, ben sexa un conflito de carácter empresarial, ben sexa un conflito provocado pola negociación colectiva ou calquera outro, vemos que se dá unha guerra de resistencia económica por parte da patronal. Son moi conscientes de que, polo marco no que se move, o traballador está xogando co seu pan, coa súa vivenda, co futuro dos seus fillos e sabe perfectamente que non pode resistir unha folga prolongada no tempo. De aí que se queremos fortalecer a acción sindical e a loita dos traballadores para enfrontarse a esa gran capacidade económica que ten a patronal para resistir en calquera conflito, sexa necesario facer algún tipo de achega económica. Nós sabemos de antemán que van ser folgas de resistencia e ese tipo de folgas nolas vai gañar a patronal. Por iso facemos a aposta de crear a Caixa de Resistencia, que non é máis que un instrumento para fortalecer a loita dos traballadores na súa defensa dunha condicións dignas.

Paula Castro: Como se vai pór en marcha?

Ramiro Oubiña: Acordamos poñela en marcha a partir do 1 de xaneiro de 2006, tendo en conta que somos conscientes de que para que funcione só se pode facer, primeiro: cunha central sindical tremendamente uniformada en base aos principios políticos e sindicais e ao que nós representamos; segundo: cunha central sindical moi fortalecida no mundo do traballo e que represente un importante número de traballadoras e traballadores e nós hoxe somos a primeira central sindical en afiliación en Galiza. É evidente que unha Caixa de Resistencia precisa recursos e nos podémolos sacar da cota dos afiliados. Así é que na medida en que somos capaces de seguir mantendo os niveis de crecemento de afiliación que estamos tendo nos últimos anos, poderemos dotar cun fondo importante á Caixa de Resistencia. Acordamos un incremento da cota que irá destinado exclusivamente para acumular fondos desde o 1 de xaneiro de 2006 e durante todo o ano para pór en marcha a prestación a partir do 1 de xaneiro de 2007. Eses recursos estarán completamente separados da xestión ordinaria da central sindical, para non misturar ambas contabilidades, e non se destinarán a ningún outro fin que non sexa apoiar economicamente os conflitos derivados da acción sindical.

Paula Castro: O Regulamento, prevé como se vai aplicar este fondo?

Ramiro Oubiña: Aplicarase para axudar economicamente en aqueles conflitos que se dean nas diferentes empresas e sectores ou en calquera folga de carácter profesional que teña unha duración superior aos cinco días, polo menos durante o primeiro ano de vixencia. Será, polo tanto, a partir do quinto día cando comecemos a efectivizar ese aporte económico aos traballadores afiliados á central sindical que necesiten eses recursos. A contía que se lles faría chegar a partir do quinto día, e mentres dure o conflito, será do 90% do Salario Mínimo Interprofesional. Para iso requírese ser afiliado, ter as cotas ao día, e unha antigüidade mínima de doce meses. Cunha antigüidade menor, de entre tres e doce meses, o afiliado ou afiliada percibirá o 50% do SMI. Débese ter en conta que a Caixa de Resistencia se vai dotar unicamente cos recursos procedentes das cotas dos traballadores e non se pode dar o mesmo tratamento ao traballador que leva aportando de forma solidaria para a Caixa de Resistencia durante tempo que outro que se acaba de afiliar, porque neste caso a súa aportación é mínima. Por iso é conveniente facer esa diferenciación. Somos conscientes de que nun conflito no que hai afiliados con distinta antigüidade pode haber unha falta de entendemento a causa desa diferenciación, pero tamén está este ano de carencia para facer unha forte campaña no marco das empresas para explicarlles aos traballadores as causas desta diferenciación e o funcionamento da Caixa para que os que non son aínda afiliados da CIG se podan enganchar a esta experiencia que estamos poñendo en marcha.

Paula Castro: A CIG, na súa acción sindical, xa se diferenza claramente dos sindicatos estatais máis representativos. Incrementará a Caixa de Resistencia estas diferenzas?

Ramiro Oubiña: O que vai facer realmente é reforzar a nosa actuación sindical. Somos unha organización sindical que practica o anti pacto social, que basea a súa acción sindical na loita dos traballadores e que favorece a súa activa participación na toma de decisións. Estes elementos xa supoñen unha diferenza de partida con CCOO e UGT. A posta en marcha da Caixa de Resistencia vai reforzar aínda máis a nosa acción sindical e neste sentido incrementará tamén as diferenzas que xa existen entre o noso sindicalismo e o dos sindicatos estatais máis representativos.

Paula Castro: Existe algunha experiencia semellante a nivel estatal?

Ramiro Oubiña: A única experiencia real, que xa leva funcionando desde hai anos, é a de ELA. Unha experiencia que nós coñecemos, porque para pór en marcha a nosa Caixa contamos coa súa colaboración, algo que nos facilitou aquilatar o regulamento, o tempo de carencia e o funcionamento.

Paula Castro: Antes de crearse a Caixa de Resistencia xa funcionaba un Fondo de Solidariedade.

Ramiro Oubiña: Efectivamente esta non é unha experiencia nova, senón continuidade e perfeccionamento dunha ferramenta que xa existía, o Fondo de Resistencia. Nós xa levamos desde hai anos cun Fondo polo que contamos xa con algunha experiencia. Ese fondo sempre foi dotado con recursos obtidos directamente das cotas de afiliados. Demostrouse a súa validez en diversos conflitos como o da Unión, o da limpeza da comarca da Limia ou o conflito de Arriva. Coa Caixa de Resistencia disporemos de máis medios e reforzaremos ademais a solidariedade de clase.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta