ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 22 de decembro de 2005

Propostas da CIG para un avance no autogoberno
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Consello Confederal CIG, clic para aumentar
Consello Confederal CIG, clic para aumentar
O debate sobre a reforma autonómica debe levarse ao conxunto da poboación galega, resida onde resida, e contar coa participación e mobilización de todas aquelas organizacións e persoas que apoian estes obxectivos fundamentais para garantir a identidade nacional, a xustiza social e a solidariedade, así como para acadar unha postura o máis forte posíbel no Parlamento galego e igualmente cando se debata nas Cortes do Estado español. (Fotos: Consello Confederal da CIG. ©galizacig.com 20/12/2005).
 
O Consello Confederal da CIG celebrado o pasado martes 20 de decembro aprobou o documento que recolle as “Propostas da CIG para un avance no autogoberno”. Recollemos aquí as razóns polas que a Confederación Intersindical Galega considera necesario presentar este documento e os dez puntos considerados básicos para afrontar o debate sobre a reforma do Estatuto de Galiza.


Propostas da CIG para un avance no autogoberno

Limiar

Neste intre estase a debater na sociedade e nas institucións no Estado español a reforma dos estatutos de autonomía. Non é un tema secundario para Galiza, e a clase obreira galega, xa que un aumento das competencias, da capacidade lexislativa e de xestión, implica un maior grao de autogoberno. Con todo, dependerá de cales sexan as forzas que exercen o poder político, e do nivel de apoio social, para que esta afirmación se poida facer realidade ou ficar só nunha oportunidade potencial aínda que perdida, como aconteceu nas últimas décadas.

Hai, porén, exixencias que pola súa significación, polo seu carácter estratéxico ao seren alicerces do noso ideario político sindical (como o recoñecemento do dereito de autodeterminación e do carácter nacional de Galiza e a loita pola xustiza social), non poden ficar ausentes de ningunha proposta de negociación por principio. Por máis que a correlación de forzas non sexa nestes momentos favorábel para acadar totalmente estes obxectivos, xa que afondar na súa necesidade e no debate xera consciencia social, acumula forzas e mesmo clarifica na xente as distintas alternativas, para no futuro poder facer realidade estes obxectivos.

Desde a CIG coidamos que o debate sobre a reforma autonómica debe levarse ao conxunto da poboación galega, resida onde resida, e contar coa participación e mobilización de todas aquelas organizacións e persoas que apoian estes obxectivos fundamentais para garantir a nosa identidade nacional, a xustiza social e a solidariedade, así como para acadar unha postura o máis forte posíbel no Parlamento galego e igualmente cando se debata nas Cortes do Estado español.


Dez obxectivos para a reforma estatutaria

1. Recoñecemento do dereito de autodeterminación e de Galiza como nación: os poderes públicos de Galiza emanan da soberanía do pobo galego.

2. Impulsar o Marco Galego de Relacións Laborais, a protección social e unhas condicións laborais dignas.

3. Inclusión dunha Carta de dereitos e deberes da cidadanía, e dar pulo á participación da xente nos asuntos públicos. Loitar contra todo tipo de discriminación por razóns de xénero, ideoloxía, crenzas, orientación sexual ou calquera outra significación persoal ou social.

4. Promoción da nosa cultura e historia. Definición do galego como lingua nacional de Galiza; recoñecemento do dereito e o deber de coñecer o galego; promoción da comunicación e cooperación cos países de lingua portuguesa.

5. Impulsar un modelo económico autocentrado, sustentábel e solidario.

6. Novo sistema de financiamento, que tenda ao concerto económico solidario; creación dunha Axencia Tributaria propia.

7. Adaptación do Poder Xudicial ao autogoberno de Galiza.

8. Relación bilateral co Estado, sen excluír a participación en mecanismos multilaterais.

9. Participación de Galiza nas institucións da Unión Europea; recoñecemento do dereito de acción exterior.

10. Recoñecemento de novas competencias e blindaxe das existentes.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/2005
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta