|
Actualidade / Artigo Eleccións venezolanas: Chávez
gaña, os Estados Unidos perden (outra volta)! James Petras-
Un dos aspectos máis rechamantes das eleccións foi a altamente polarizada participación do electorado: nos barrios da elite e a clase media alta a participación estivo por baixo do 10%, mentres que nos numerosos barrios populares, a BBC informou de ringleiras que esperaban para emitir as súas papeletas de voto. Con preto da maioría dos pobres como votantes e máis do 90% dos votos a favor do partido de Chávez e dunha lexislatura totalmente chavista, queda aberta a vía para unha nova e máis progresista lexislación, sen as tácticas de obstruccionismo dunha oposición virulenta. Isto debe levar a medidas que aceleren a expropiación dos latifundios e das fábricas en creba e pechadas, así como a novos e importantes investimentos sociais e en infraestruturas. Tamén é posíbel que unha nova enmenda constitucional permita un terceiro mandato ao presidente Chávez. A administración Bush (co apoio do Congreso demócrata) lanzouse a unha desesperada política de “casino”, cunha estratexia do “todo ou nada”, en lugar de incrementar gradualmente a súa oposición. Washington empuxou á súa confederación sindical clientelista (CTV) (con apoio financeiro e “asesoramento” da AFL-CIO) a unha folga xeral en 2001 que fracasou e que, eventualmente, levou á formación dunha nova confederación que reduciu a CTV a un aparello impotente. En abril de 2002, os EEUU protexeron un golpe militar que foi derrotado en 47 horas por un levantamento popular masivo, apoiado polos oficiais militares constitucionalistas, que tivo como consecuencia a retirada forzosa do exército de centenares de oficiais favorábeis aos EEUU. De decembro de 2002 a febreiro de 2003, funcionarios protexidos polos EEUU e a súa contorna na compañía estatal de petróleo, PDVS, organizaron un peche patronal e paralizaron a economía de forma temporal. Traballadores e enxeñeiros leais, apoiados polo goberno, romperon o peche patronal e todos os principais funcionarios e empregados que se implicaron no mesmo foron despedidos, o cal tivo como consecuencia un redireccionamento das rendas do petróleo desde a clase alta aos pobres. Ademais, os EE.UU. canalizaron millóns a eito a través do National Endowment for Democracy cara a unha ONG, “Súmate”, para financiar un referendo que revogara a Chávez no 2004. O referendo caeu derrotado por 16 puntos de marxe (o 58% contra o 42%), o cal levou á desmoralización, apatía e despolitización dos votantes da dereita. Na recente campaña ao congreso, dado que as enquisas predecían outra derrota electoral masiva, Washington presionou as súas ONG e á súa clientela política para que se retirase das urnas e pedise a abstención, co resultado referido: a perda completa de calquera esfera institucional de influencia, a marxinación do seu electorado político e a viraxe inevitábel da clase empresarial a negociar directamente cos congresistas de Chávez en lugar de facelo a través da oposición. En cada confrontación, Washington queimou un grupo clientelista estratéxico no seu afán por facerse co poder estatal no prazo máis curto... Washington negouse a ir acumulando poder mediante unha estratexia política gradualista desde o interior, a modificar lexislacións por medio da negociación, a explorar agravios reais ou imaxinarios e a suavizar a retórica demagóxica que caracteriza a súa política exterior. A cuestión básica é ¿por que persistiu Washington nas súas fracasadas políticas do todo ou nada malia unha sucesión de derrotas? Malia que existe unha continuidade nas políticas do todo ou nada, os determinantes da devandita política foron variando en cada momento. Entre 2001 e 2002, os ideólogos das guerras múltiples, coa astucia da loita contra o terrorismo e o eslogan “Ou estáse connosco ou cos terroristas?” (Bush, 23 de setembro de 2001), estaban determinados a quitar do medio o réxime de Chávez. A razón era que o presidente Chávez foi un dos pouquísimos réximes non comunistas que se opuxo á guerra estadounidense contra Afganistán e condenou o terror estadounidense (Chávez declarou: “Non se pode loitar contra ningún terror con terror”). Dado que os extremistas controlaban o poder en Washington, xa en outubro do 2001, un funcionario do Departamento de Estado Estadounidense (Grossman) ameazou a Chávez dicindo que “el e as xeracións futuras (de venezolanos) pagarían” por se teren oposto á agresión estadounidense. Xunto co embaixador estadounidense Charles Shapiro, os neoconservadores, sobre todo os cubanoestadounidenses no Departamento de Estado que deseñaron as políticas para Latinoamérica, sobreestimaron a súa influencia no exército venezolano e exaxeraron o poder dos medios e da elite empresarial en canto á viabilidade dun golpe militar. A precipitada acción debeuse á daquela próxima invasión de Iraq e a necesidade obsesiva de impoñer silencio á oposición gobernamental estranxeira, dada a masiva oposición nos EE.UU. e en Europa a unha guerra contra Iraq. O segundo factor que influíu na persistencia de Washington nas súas políticas de todo ou nada, no momento do peche patronal, foi a futura crise do petróleo coa invasión de Iraq e os lazos de Chávez con Iraq e Irán a través da súa dirección da OPEP. Tras xogar as súas “cartas” militares e perder, Washington xogou a do petróleo para debilitar ou romper a OPEP e deter así calquera suba do prezo e asegurar un incremento do fluxo de petróleo de Venezuela. Unha das medidas inmediatas impostas polos golpistas de 47 horas sería a de retirarse da OPEP. Os executivos do peche patronal petrolero teríano feito efectivo se lograran derrocar o goberno de Chávez. A política do “todo ou nada” de Washington tamén continuou por mor das crecentes relacións de Chávez con Cuba. O virulento grupo de presión anticubano e os seus representantes no Departamento de Estado, Otto Reich e Roger Noriega, intentaron destruír a alianza estratéxica de Cuba con Venezuela, sen que lles importase o risco que puidesen correr os clientes estadounidenses en Venezuela, do mesmo xeito que os defensores de Israel no Pentágono empuxaron á guerra con Iraq e están preparados para ofrecer apoio ianqui a un ataque israelí contra Irán sexa cal for o custo para os clientes árabes de Oriente Próximo apoiados polos EEUU. O terceiro factor que formou a política do todo ou nada foi a oposición de Chávez á Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) e o crecente apoio que suscita en Latinoamérica a súa proposta Alternativa Bolivariana para a América (ALBA). Os extremistas de Washington consideraron que a hexemonía estadounidense diminuíra en Latinoamérica debido á infección por unha serie de réximes de centro esquerda “comprados” ou influídos pola oferta venezolana de cru e financiamento petroleiro. En realidade ningún dos réximes en cuestión (Lula en Brasil, Kirchner en Arxentina, Vázquez en Uruguai, etc.) estaba seguindo de ningún xeito as políticas de benestar de Chávez ou a súa posición crítica fronte ao imperialismo estadounidense. Os fracasos estadounidenses en consolidar os gobernos en Iraq ou Afganistán e as súas derrotas na ONU e na OEA á hora de illar a Cuba fixeron que os extremistas, desesperados por unha vitoria política, adoptasen a estratexia do todo ou nada en Venezuela, cada vez con menos apoio institucional e político, nun xogo perdedor que buscaba compensar as derrotas anteriores. Canto máis débil era a forza da súa clientela, máis berrona era a retórica e menor o alcance en Venezuela, en Latinoamérica e mesmo no Congreso estadounidense, grazas á política de Chávez de ofertar petróleo subvencionado para consumidores de baixos ingresos nos EEUU. Que farán os vellos partidos que boicotearon as eleccións, agora que se autoexcluíron do Congreso? Os dous maiores partidos, Acción Democrática (AD) e Social Cristián (COPEI), baseaban a súa forza na influencia do partido e nos postos gobernamentais para aseguraren activistas e votantes. Sen eles, o posíbel aparello do partido podería sobrevivir da esmola das falsas ONG estadounidenses (The Democratic and Republican Institutes), pero sen traballos e beneficios extras os seus partidarios buscarán noutro lado e se cadra enganchen nalgúns dos grupos políticos máis conservadores favorábeis a Chávez ou se retiren da política ou formen un novo partido. Chávez tiña razón cando dixo que estas eleccións significaban o enterro dos partidos tradicionais como contendentes viábeis para o poder electoral. Algúns, pero non a maioría dos partidarios políticos dos partidos tradicionais, non están preparados nin lles apetece botaren bombas ou a loita na rúa. Con todo, algúns dos outros grupos, como o pseudopopulista partido ‘Primero Justicia’ e os extremistas da contorna da ONG ‘Súmate’ apoiada por Bush e financiada pola National Endowment for Democracy poderían iniciar algunha clase de violencia na rúa. Non cabe ningunha dúbida de que a dereita venezolana é incapaz de reproducir as “revolucións laranxa” da CIA-Soros no Cáucaso, e iso por varias razóns. Primeiro, porque o réxime de Chávez ten unha masiva base popular, activa e comprometida, que domina a acción na rúa. Segundo, porque non existe ningún problema en torno ao cal a dereita poida mobilizarse e unificarse nun movemento popular. Os vastos programas de benestar son populares, a economía está crecendo, os niveis de vida están subindo, a corrupción non está fóra de control e hai liberdade absoluta de reunión, prensa e discurso. As asociacións empresariais conservadoras están prosperando cada vez máis cos contratos do goberno e dependen dos seus contactos co partido victorioso no poder para consumaren acordos. Non é probábel que fagan unha aposta arriscada con ONG derrotadas e partidos cunha historia de política aventureira fracasada, pois agora resúltalles máis doado gañar diñeiro, e iso malia os seus prexuízos contra o “negro” nos cócteles das súas festas privadas. Iso deixa dúas opcións á oposición. Os pragmáticos, sobre todo entre a elite empresarial, probabelmente tentarán abrir un diálogo a través do conservador arcebispo de Caracas coa á máis moderada do goberno de Chávez (os ministerios de economía e finanzas) e co Congreso para gañar influencia e limitar os cambios desde “dentro”. A segunda opción é unha viraxe cara á acción violenta extraparlamentaria e o recrutamento dalgúns militares ou funcionarios de intelixencia con lealdades ambiguas. Podemos esperar uns poucos atentados, como os que tiveron lugar o día das eleccións, a voadura dun oleoduto e un cartucho de dinamita botado preto dunha base militar en Caracas. Ningún deles tivo maiores repercusións. Unha mellora dos comités de vixilancia comunitarios e das operacións contraterroristas controlarán a estes extremistas, a pesar do obvio apoio que reciben da CIA. Claramente, a estratexia do “todo ou nada” levou á desaparición, desintegración, rexeitamento e illamento das pancas máis significantes do poder que Washington posuía na sociedade venezolana. O que queda son os medios privados de comunicación que aínda poden montar unha formidábel campaña de propaganda antigobernamental a favor de EEUU. Os Estados Unidos poden fortalecer e se cadra radicalizar a súa mensaxe, xogando a carta do “todo ou nada” unha vez máis, coa esperanza de provocar medidas represivas, baixo a estraña premisa do “canto peor, mellor”. Xa Thomas Shannon, o Subsecretario Estadounidense de Estado para Asuntos Hemisféricos Occidentais, respondeu á esmagadora vitoria electoral de Chávez cualificándoa de “paso cara ao totalitarismo”, un ditame rexeitado por cada país do Norte ou do Sur de América, polas Nacións Unidas e por un exército de observadores da Unión Europea. Os propagandistas estadounidenses, claramente, non recoñeceron o feito de que é o extremismo o que os levou ao virtual illamento total, ata entre a maioría da clientela fiel a EEUU. na rexión. Washington pode intentar presionar a Colombia e ao seu presidente Uribe para crear conflitos fronterizos, pero iso non vai funcionar. O comercio venezolano-colombiano está crecendo rapidamente e cantidades de 3.000 millóns dólares son moi superiores ás do comercio de Colombia con EEUU. É máis, Venezuela é o mercado máis importante de Colombia para produtos manufacturados (o 25% do total). Cuns importantes mil millóns de dólares, os gaseodutos e oleodutos venezolanos que atravesan Colombia, apenas hai rancheiros, industriais ou banqueiros que apoien unha incursión colombiana en Venezuela protexida por EEUU. Washington ten outras dúas pancas: as ONG e os terroristas clandestinos, que poden intentar sementar o caos e a destrución para provocar un golpe ou, polo menos, manifestacións na rúa. Hai dous problemas que socavan a efectividade de ONGs, como ‘Súmate’. A dependencia económica de EE.UU. e a falta dunha posición independente reduciu a súa lexitimidade entre a clase media baixa, comerciantes, profesionais e sectores conservadores de empregados públicos. É máis, as súas numerosas campañas fracasadas e a perda de poder institucional desmoralizaron a aqueles que acudían ás manifestacións. Iso deixa a Washington cos seus colegas do todo ou nada, os terroristas armados clandestinos que teñen algo de apoio entre un sector reducido da elite en forma de casas seguras, acceso a armas e diñeiro. Sen menosprezar totalmente a súa capacidade de colocar bombas, o terrorismo é como un búmeran que, ao fortalecer as demandas populares de maiores medidas de seguridade, favorece a “man dura”. Iso deixa unha posíbel intervención directa de EE.UU. Malia que os extremistas de Washington son teoricamente capaces, na práctica fáltanlles aliados rexionais, os seus recursos políticos están no seu punto máis débil e a debilidade na política interior da administración Bush e a opinión pública estadounidense cada vez máis contraria á guerra (e mesmo algúns sectores de Congreso) evitan unha nova invasión e implican unha guerra prolongada contra un goberno apoiado por millóns dos seus cidadáns, con e sen armas. Con todo, dadas as perspectivas combinadas do “todo ou nada” e do extremismo en Washington, nada pode excluírse do todo. Coa desaparición dos partidos, o pluralismo, o debate e a competencia política expresaranse noutra parte. Hai numerosos partidos políticos e tendencias que son “pro Chávez”, ata unha ducia deles que poden ser clasificados como liberal-democráticos, social-liberais, nacionalistas e unha variedade de grupos marxistas. Igualmente, nos sectores agrarios e industriais e dentro dos movementos sociais e sindicatos hai divisións e competencia entre os reformadores, centristas e revolucionarios. Dentro do Congreso e nos ministerios estas tendencias defenden, debaten, propoñen e modifican políticas. E o propio Chávez ten un lado pragmático “reformista” e un lado revolucionario no seu discurso e na súa praxe. Noutras palabras, a democracia pluralista está viva e goza de boa saúde. As grandes cuestións entre mercado e estado, propiedade privada e pública, facendados e campesiños, fábricas autoxestionadas e monopolios privados e capital estranxeiro e nacional discutiranse e resolveranse dentro do manto chavista de tendencias múltiples. A á moderada ou conservadora do chavismo preocúpase pola lexitimidade malia as eleccións limpas e certificadas. Probabelmente buscarán estender a man ás personalidades menos extremas, a personaxes notábeis da igrexa e líderes dos negocios para que anime a unha nova e “razoábel” oposición política a neutralizar o guión estadounidense amplificado polos medios locais sobre a deriva cara ao totalitarismo. Os pragmáticos tentarán manter a disciplina fiscal e limitarán o gasto social e promoverán a asociación público-privada. Os grupos e partidos centristas tratarán de consolidar o poder político dentro das institucións e o seu electorado, promovendo reformas graduais e aumentarán o gasto social e distribuirán contratos da gran infraestructura á burguesía progresista. Os grupos de esquerda, organizados principalmente nos novos sindicatos con orientación de clase, en cooperativas baseadas en barrios e comunidades, movementos sociais campesiños e, sobre todo, en empresas autoxestionadas por traballadores e movementos, están presionando para unha profundación da estatificación e un investimento maior en empresas produtivas locais, con vistas a reducir o 50% da poboación activa que permanece desempleada ou subempleada. Ao mesmo tempo, atacan selección verticalista dos candidatos electorais. É probable que xurdan conflitos entre os activistas de masas nos barrios e sindicatos e certos oportunistas e funcionarios municipais e provinciales corruptos, sobre todo na asignación de fondos e no estilo de liderado. Chávez está coa esquerda e os movementos de masas pero non descarta aos pragmáticos que deciden a política macroeconómica nin aos centristas que están intentando institucionalizar o poder político. Aínda é Chávez quen sintetiza as diferentes posicións, educa ao público e proporciona un liderado carismático que unifica e move todo o movemento. É Chávez quen denuncia o imperialismo norteamericano e reúnese cos líderes iraníes e é Chávez quen asina acordos económicos co neoliberal Uribe de Colombia e loa ao Lula dá Silva de Brasil, o raparigo do póster de Wall Strett, manchado de corrupción. Chávez quere un amplo debate na súa visión do socialismo do século XXI, vendas subvencionadas de petróleo a países e pobos pobres (ata nos EEUU.) e aproba novos contratos de explotación do petróleo coas xigantes multinacionais. O apoio de Washington á autoinmolación da oposición venezolana no congreso venezolano abre a porta a maiores avances na lexislación que favorece traballos, propiedade pública, reforma agraria, lexislación laboral progresista e lazos cara a unha maior integración latinoamericana. A perda estadounidense de pancas de poder presenta a maior oportunidade para reformistas e revolucionarios de aproveitar o momento histórico e non só demostrar a súa capacidade de derrotar ao imperio, senón de construír unha sociedade socialista incorruptíbel, democrática, única e igualitaria na que a masa da poboación estea involucrada na lexislación, non simplemente en votar a políticos que poden ou non defender os seus mellores intereses. O problema da lexitimidad das eleccións non é unha cuestión seria. Os observadores latinoamericanos das comisións electorais de numerosos países conservadores declararon que as eleccións e os seus resultados foron democráticos, transparentes e un reflexo fiel da vontade dos electores. Os observadores da Unión Europea certificaron que as eleccións foron transparentes. Con respecto á participación do 25% do censo e a campaña de abstención promovida pola oposición protexida por EEUU: en primeiro lugar, moitos dos que non votaron eran partidarios do presidente Chávez e non o fixeron por varias razóns: a. Non viron ningunha razón para votar, posto que se supoñía a vitoria; unhas eleccións competitivas moverían a votar a moitos deles. b. Chávez non concorría. A base da masa popular é máis pro Chávez que partidaria dos partidos chavistas, ata do seu propio Movemento pola Quinta República (MVR). c. Moitas redes partidarias de Chávez abstivéronse porque non lles gustou o xeito na que os seus candidatos foron elixidos (de xeito vertical) ou non lles gustaban as súas políticas ou o seu estilo político (corrupción, nepotismo, falta de iniciativa para emprender reformas). d. Moitos dos beneficiarios das reformas de benestar público son pasivos porque están afeitos a recibir axuda desde arriba, en lugar de loitar por beneficios desde abaixo. O benestar distribuído dun xeito paternalista non anima á actividade política. En segundo lugar, moitos dos votantes da oposición non se molestaron en votar debido á apatía e á desmoralización tras os recentes fracasos electorais (referendo, eleccións municipais) e as custosas campañas autodestrutivas que os levaron a perdas de traballo e de soldos (peche patronal e golpe). Este grupo dos que se abstiveron de votar inclúe a moitos que, aínda que non simpatizan cos partidos de Chávez, se benefician dos programas económicos e rexeitan a retórica extremista e a violencia perpetrada por sectores da oposición. Moitos, senón a maioría dos que non votaron non eran partidarios da campaña de abstención da oposición. Non cabe dúbida de que a participación electoral polo menos se duplicará nas eleccións presidenciais cando Chávez se presente á reelección, aínda que a oposición se absteña ou presente un candidato ou candidatos.
|
|||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | |||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/12/2005 |