|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
En Galiza é basicamente o sindicalismo nacionalista, tanto agrario como de clase (o SLG-CCLL e a CIG), o que está a impulsar o debate social arredor da Sexta Conferencia Ministerial da OMC, que comezou na cidade chinesa de Hong Kong o pasado día 13 e pechará as portas o vindeiro 18 de decembro. Cumio da OMC que pretende afondar nas ancoraxes do neoliberalismo, a escala global, e seguir perpetrando un modelo económico-social excluínte para as amplas capas sociais e para os países e nacións que ocupan un lugar periférico a respecto dos centros económicos e políticos de decisión. Á parte das importantes ameazas que as directrices da OMC significan para os nosos sectores produtivos do agro (sector lácteo, vacún...), coas duras repercusións que están a ter e que terían para un apartado tan importante da economía e vida social galegas, tamén hai que salientar o impulso que o devandito organismo internacional pretende facer de medidas que afonden na privatización dos sectores públicos, coa sanidade e o ensino como albos preferentes desta ofensiva neoliberal. Pero non estamos sós. Son moitas as organizacións, colectivos e persoas de diversa índole, e en todos os recunchos do planeta, que están a amosar o seu rexeitamento as políticas desenvolvidas desde a OMC, que estrangulan as capacidades produtivas de países enteiros, o que xera un empeoramento das condicións de vida das xentes máis desprotexidas social e economicamente. Baixo o obxectivo común de facer descarrilar este sexto cumio da OMC (como o anterior en Cancún) globalízase unha loita entre amplos sectores populares das máis diversas nacións, que deberá ter -como así vai ser- continuidade, desde as realidades sociais e nacionais propias, para que o peso do neoliberalismo sexa cada vez menor nas nosas vidas e se constrúa un outro modelo económico e produtivo, onde a xustiza social e a solidariedade se convertan nos seus máis firmes esteos. Haberá que ir acumulando forzas nesa dirección. Non queda outra. Ou si, mais ese vieiro xa está a ser transitado e conduce á barbarie.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2005 |
||||
|