|
Actualidade CIG-Comunicación-
En concreto demándase que a Lei inclúa as melloras relacionadas coa Lei integral contra a violencia de xénero e aquelas xurdidas tras da aprobación do Plan Concilia na administración xeral do Estado. A CIG entende que o realmente necesario sería revisar a lei galega e elaborar unha de carácter integral, sen diferenciación relativa á clase traballadora, pero mentres iso non se concreta “cremos necesaria a inclusión desas melloras, tanto na Mesa Xeral e Mesas Sectoriais da función pública, como tamén a través da negociación do Convenio do persoal da Xunta de Galiza”, sinala Patiño. As melloras do plan Concilia son coincidentes coas reivindicacións da Secretaría da Muller da CIG. Elvira Patiño destaca, entre outras, a acumulación do tempo de lactación ao permiso de maternidade, a ampliación da idade dos menores a 12 anos para redución de xornada, o aumento a dous anos de reserva do posto de traballo na excedencia por coidado de fillo ou familiar, recibir e participar en cursos de formación durante os permisos de maternidade, horarios máis flexíbeis para conciliar horarios de escolas infantís, colexios...
Concilia é o plan integral de conciliación da vida persoal e laboral na Administración Xeral do Estado, un paquete de medidas que supón a normativa máis completa aprobada nunca no noso país nesta materia, pois recolle as iniciativas máis avanzadas do sector público e privado sobre a cuestión. Concilia introduce así importantes novidades en canto a flexibilización do horario e á conciliación da vida persoal e laboral dos empregados públicos da Administración Xeral do Estado, en liña coa normativa laboral máis destacada nos países do noso contorno.
Saír ás 18 horas como moi tarde. Mantense o número de horas semanais pero redúcese a parte fixa do horario, de 9:00 a 17:00 horas cunha interrupción mínima para o xantar para o horario de mañá e tarde. A parte flexíbel acada un terzo do total e nunca poderá exceder as 18:00 horas.
Dez días de permiso de paternidade. Concesión de dez días de permiso de paternidade por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo. Acumular vacacións, maternidade, lactación e paternidade. Dereito dos empregados públicos a acumularen o período de vacacións ao permiso de maternidade, lactación e paternidade, aínda tendo expirado xa o ano natural.
Ampliar a baixa por maternidade. Substitución, con carácter opcional, do permiso de lactación dos fillos menores de 12 meses por un permiso adicional de ata catro semanas.
Redución de xornada para pais con fillos menores de 12 anos. Ampliación da redución de xornada a quen teña ao seu coidado directo fillos menores de 12 anos. Actualmente a normativa afecta aos pais con menores de seis anos. Horarios máis flexíbeis. Dereito a flexibilizar nunha hora o horario fixo de xornada para quen teña ao seu cargo persoas maiores, fillos menores de 12 anos ou persoas con discapacidade. Ata o de agora esta medida tiña carácter excepcional, previa aprobación do responsábel da unidade. Modificación do horario fixo. Concesión, con carácter excepcional, persoal e temporal, e previa autorización do responsábel da unidade, da modificación do horario fixo en dúas horas por motivos relacionados coa conciliación da vida persoal e nos casos de familias monoparentais. Reducir a xornada un 50% durante un mes para atender a un familiar moi enfermo. Dereito a solicitar unha redución do 50% da xornada laboral durante un mes, con carácter retribuído, para atender o coidado dun familiar en primeiro grao, por razón de enfermidade moi grave. Excedencia de ata tres anos. Ampliación a tres anos do período máximo de excedencia ao que teñen dereito os empregados públicos para o coidado de cada fillo ou un familiar ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade. Durante os dous primeiros anos resérvase o mesmo posto de traballo. A partir do terceiro, garántese un posto na mesma localidade e de igual nivel e retribución.
Dúas horas diarias de permiso se o fillo nace antes de tempo. Dereito do empregado público a ausentarse dúas horas diarias retribuídas nos casos de nacemento de fillos prematuros ou que teñan que permanecer hospitalizados despois do parto. Nos devanditos supostos, o permiso de maternidade poderá computarse a partir da data da alta hospitalaria.
Tempo sufuciciente se se somete a un tratamento. Dereito a ausentarse do traballo para se someter a técnicas de fecundación asistida polo tempo necesario para a súa realización.
Permiso retribuído de dous meses. Dereito a un permiso de dous meses nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ao país de orixe do adoptado, mantendo as retribucións básicas do salario.
Dúas horas de flexibilidade diaria se ten fillos nestas circunstancias. Os empregados públicos que teñan fillos con discapacidade terán dúas horas de flexibilidade horaria diaria a fin de conciliar os horarios dos centros de educación especial e outros centros onde o fillo ou filla reciba atención, cos horarios dos propios postos de traballo. Igualmente, terán dereito a ausentarse do traballo para asistir a reunións de coordinación e apoio.
Durante os permisos de maternidade, paternidade e excedencias familiares. Os empregados públicos poderán recibir e participar en cursos de formación durante os permisos de maternidade, paternidade, así como durante as excedencias por motivos familiares.
Dereito a solicitar traslado a outra unidade ou a outra localidade. A empregada pública vítima de violencia de xénero que se vexa obrigada a abandonar o posto de traballo poderá solicitar un traslado en distinta unidade administrativa ou noutra localidade. Dereito a unha excedencia sen necesidade de prestar un tempo mínimo. Dereito a unha excedencia, para facer efectiva a súa protección ou a súa asistencia social integrada, sen necesidade de haber un tempo mínimo de servizos e sen prazo de permanencia nesta. Durante os dous primeiros meses desta excedencia percibiranse retribucións íntegras.
Conciliar para traballar e vivir mellor Na súa condición de maior empresa do país, a Administración Pública non pode quedar á marxe dos asuntos que máis preocupan e afectan aos traballadores. Entre estas teñen un lugar destacado as crecentes dificultades existentes para conciliar o traballo co desenvolvemento dunha vida persoal plena e satisfactoria. Neste sentido, o Plan Concilia, negociado e acordado con sindicatos, supón un paso máis na vocación da Administración Pública de ser unha auténtica fábrica de dereitos e oportunidades, e para se converter nun motor que impulse un cambio global no resto da sociedade. A Administración Xeral do Estado (AXE), no marco do seu proceso de modernización e busca dunha maior calidade do servizo público, está decidida a afrontar o reto de atraer e reter os mellores profesionais de cada área. Para conseguilo, resulta fundamental oferecer un abano de solucións que permitan unha mellor convivencia entre o compromiso laboral e as responsabilidades familiares ou privadas. Unhas solucións, ademais, que fagan máis cómodo para os traballadores o desempeño das súas responsabilidades laborais, o que, finalmente, redundará nunha maior calidade no servizo aos cidadáns. O Plan Concilia supón, para máis de 500.000 traballadores
e traballadoras da Administración Xeral do Estado, unha mellora concreta e perceptíbel das súas
condicións de vida e de traballo, con especial atención ás situacións máis complexas
e difíciles. Non se trata de traballar menos, senón de facelo mellor. Con isto, facilitamos o desenvolvemento, por parte dos empregados públicos, dunha vida persoal ou familiar máis plena e satisfactoria.
A xornada laboral, en todos os casos, non poderá prolongarse máis alá das 18:00 horas como límite máximo en todo o ámbito da AXE. Trátase dunha iniciativa inédita nas Administracións Públicas e que nace con vocación de ser un exemplo para outros ámbitos e institucións. Con esta medida, preténdese rematar co costume cada vez
máis estendido de prolongar as xornadas de traballo, case sempre de forma innecesaria e froito dunha errada
organización do traballo.
Mantense o número de horas semanais traballadas, tanto para as quendas de mañá como para as de xornada completa. Porén, os empregados públicos teñen unha maior marxe para decidir o seu propio horario laboral, dentro dunhas marxes fixas máis reducidas e unha maior flexibilidade. As horas fixas de obrigada presenza pasan de 32 horas semanais a 27,5. É dicir, de 9:00 da mañá ás 17:00 para os horarios de mañá e tarde, cunha interrupción mínima para o xantar. O horario flexíbel é o comprendido nestas marxes:
Conscientes de que o nacemento dos fillos é un momento especialmente complexo á hora de conciliar a familia e o traballo, o MAP puxo en marcha unha serie de novidades, algunhas delas inéditas neste ámbito, destinadas a aliviar as tensións propias desas circunstancias. Instáurase unha figura de nova creación, inédita tamén na AXE: a do permiso paterno de dez días por nacemento, acollida ou adopción. Con isto, queremos que os pais poidan tomar parte plenamente, e nas mesmas condicións, do coidado dos fillos. Para todos os empregados públicos permítese acumular o período de vacacións ao permiso de paternidade, lactación ou maternidade, incluso cando expirase xa o ano natural.
Outra das novidades introducidas, e que ata o de agora non existía no marco da AXE, consiste en que as nais poderán substituír, con carácter voluntario, o permiso de lactación habitual para os fillos menores de doce meses, por un permiso de catro semanas que se acumulan ao seu permiso de maternidade. Con isto, daranse máis opcións á hora de decidir como organizar os prazos e os tempos nas familias.
O Ministerio de Administracións Públicas quere ser tallante no terreo da defensa das mulleres vítimas da violencia de xénero. Para isto, créase unha nova situación de excedencia para mulleres nestas circunstancias. Desta forma, contribuirase a facer máis efectivas as medidas de protección e permitirá acollerse a a asistencia social integrada. Para acceder a esta modalidade de excedencia, que non ten límite de tempo, non será necesario nin traballar na Administración un tempo previo mínimo. Así mesmo, as empregadas públicas que se vexan obrigadas a abandonar o seu posto de traballo para trasladarse a outro lugar de residencia terán maior facilidade para solicitar o traslado noutra localidade.
As novas estruturas sociais cambiaron de forma profunda o concepto de familia, propiciando a aparición cada vez máis frecuente das familias monoparentais. Neses casos, a conciliación da vida laboral e familiar resulta especialmente difícil e complexa, polo que se impón idear medidas que axuden nestas situacións. O Plan Concilia introduce a posibilidade, con carácter excepcional e para un tempo limitado, de que o empregado público pida, previa autorización e por motivos relacionados coa atención á familia, unha modificación do horario fixo en dúas horas.
O coidado dos fillos é unha cuestión que afecta directamente a empregados públicos. Para eles, o Plan Concilia estabelece que a redución da xornada por atención de fillos menores de seis anos, actualmente vixente, se amplíe aos fillos menores de 12 anos. Da mesma forma, estabelécese a posibilidade de flexibilizar nunha hora o horario fixo de xornada laboral para a atención de fillos menores de 12 anos, o coidado de persoas maiores ou de persoas con discapacidade. Trátase dunha iniciativa que converte nun dereito recoñecido para todos os empregados públicos unha práctica que ata o de agora estaba supeditada ao criterio dos responsábeis de cada área. Unha enfermidade grave no entorno familiar supón, a miúdo, a aparición de importantes problemas á hora de afrontar os coidados que se requiren nesas circunstancias. As medidas acordadas cos sindicatos recoñecen o dereito, a partir de agora, a acollerse á posibilidade de reducir nun 50% a xornada laboral durante un mes, sen perda nin redución de salario nos casos de enfermidade moi graves de familiares en primeiro grao. Da mesma forma, amplíase a tres anos o período máximo de excedencia outorgado aos empregados públicos nos casos de coidado de fillos ou familiar dependente a cargo. Esta excedencia garantirá, nos dous primeiros anos, o mantemento do mesmo posto de traballo. No terceiro, garántese o mesmo soldo e nivel na mesma localidade.
En situacións excepcionais, como son as de fecundación asistida e adopcións internacionais, créanse tamén figuras novas na AXE. No primeiro destes casos, estabelécese o dereito – ata o de agora non recoñecido- a ausentarse do traballo co fin de someterse aos tratamentos pertinentes. Así mesmo, no caso de adopcións, outórgase o dereito a un permiso de dous meses nos supostos de adopcións internacionais, mantendo as retribuciones básicas do empregado.
Outro aspecto que afecta a numerosos empregados públicos é o de conciliar a formación profesional co traballo, sen renunciar por isto a ter unha vida persoal. Desta forma, os cursos de formación continúa poderán, a partir de agora, impartirse durante os permisos ou excedencias.
• O 50,3 por cento dos empregados públicos da AXE son mulleres. • Hai 15 anos, os homes supuñan o 64 por cento dos funcionarios. • Mais outras variábeis evolucionaron máis de vagar: menos do 10 por cento das mulleres que traballan na Administración pertencen ao Grupo A, o máis alto. E son maioría nos niveis máis baixos. • A metade dos empregados públicos teñen ao seu cargo un fillo menor de 16 anos ou un maior de 65 anos. • Cada ano, arredor do 1 por cento das empregadas públicas teñen un fillo. • O 98 por cento dos permisos de maternidade pídeno as nais. • Máis do 96 por cento das excedencias por coidado de fillos son tamén para as nais. • 2.500 homes empregados públicos poderán beneficiarse ao ano do novo permiso de paternidade. • Arredor de 13.000 empregados públicos solicitan na actualidade permisos relacionados con circunstancias familiares ou persoais.
Tempo libre • A un de cada tres españois gustaríalle ter máis tempo para estar coa súa familia ou a súa parella. • Case a metade dos cidadáns querería disfrutar de máis tempo para facer outras actividades (culturais, formación, deporte, etc.).
• 88 de cada 100 españois concede moita ou bastante importancia a ter un horario flexíbel de traballo, só superado polo desexo de ter un salario elevado ou un emprego estábel. • O horario de traballo é flexíbel para o 33,1 por cento dos traballadores e cerca da metade (48 por cento) teñen xornada partida.
• A metade dos cidadáns teñen dificultades para compaxinar a súa xornada laboral coa realización de tarefas domésticas. • Un terzo ten problemas para compaxinar o seu traballo co coidado dos seus fillos e un 13 por cento, ademais, para ocuparse doutras persoas da familia. • E cerca dun 60 por cento non logra compatibilizar sempre o seu emprego coa realización de trámites burocráticos ou coa atención a problemas domésticos.
• No 50 por cento dos casos, é a muller a que se ocupa habitualmente dos fillos, dez puntos máis dos fogares onde é unha tarefa compartida. • O 42,5 por cento das españolas pensan que se teñen menos fillos dos que se desexan por motivos laborais. • Unha cuarta parte das enquisadas asegura que non chegará a ter os fillos que desexa pola dificultade de compaxinar fillos e traballo.
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/01/2006 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|