ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 25 de xaneiro de 2006

Contra a Directiva Bolkestein, manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas na Praza da Palloza de A Coruña
A Unión Europea quere aplicar duras medidas contra os dereitos dos traballadores
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Non á Europa da precariedade, clic para aumentar
Non á Europa da precariedade, non á Europa da desigualdade. Mobilicémonos contra a Directiva Bolkestein. Manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas na Praza da Palloza de A Coruña.
 
A Unión Europea quere aplicar medidas de flexibilidade e ampliación da xornada laboral, consideración do tempo de traballo inactivo como xornada non laboral, medidas de desregulación para abaratar a man de obra como se fose mercadoría, e liberalización de sectores básicos de prestación pública que poderían ser privatizados.

Dúas Directivas cruciais para os dereitos no traballo están a ser preparadas actualmente pola Comisión Europea (Consello de ministros europeos): a Directiva europea de servizos (coñecida como Directiva Bolkestein) e a Directiva para a ordenación do tempo de traballo. As propostas finais estan xa moi avanzadas por esta Comisión e a primeira delas será debatida o 14 de febreiro polo Parlamento europeo, que lembremos non ten capacidade lexislativa para modificalas, unicamente para propoñer.

A Directiva Bolkestein, negociada en secreto polos ministros dos países membros, regula a posibilidade de que calquera empresa de servizos dun país da Unión Europea poida instalarse noutro país membro, aplicando as condicións laborais, fiscais, medioambientais e de saúde laboral do país de orixe. Polo tanto, unha empresa de Grecia, Portugal, Lituania ou Polonia, con condicións laborais e salarios inferiores aos nosos podería instalarse en Galiza co persoal do seu país nunha competencia tremenda e esmagadora para os nosos dereitos. A trampa é que calquera gran empresa das nosas pode rexistrar unha filial con domicilio social nalgún destes países e logo instalarse aquí. A deslocalización dende dentro.

Noutra orde, para finais deste 2006 está previsto a conclusión final da Directiva 2003/88/CE sobre ordenación do tempo de traballo, que, segundo o comisario europeo de Emprego e Asuntos Sociais, fornece maior flexibilidade e manteñe a competitividade. Máxicas palabras coma sempre para xusificar as reformas laborais e endurecer as condicións de traballo.

Nesta Directiva, propoñen a ampliación a 48 horas de xornada semanal con carácter flexíbel, sen modificar a xornada anual, podendo traballar unhas semanas 48 horas e outras menos. A maiores, fíxase unha nova consideración do tempo de traballo, estabelecendo que o período inactivo no posto de traballo non se entenderá como tempo efectivo de traballo. Imaxinemos as consecuencias desta medida.

Estaba previsto que coa aprobación da Constitución europea estas medidas tivesen unha aplicación sen reservas en cada Estado, mais o rexeitamento de Francia e Holanda a este Tratado, fundamentalmente polo modelo antisocial e de desprotección ao mundo do traballo que se recollía na Constitución, obrigou a introducir certas reformas nos proxectos iniciais que había destas dúas Directivas, pero o resultado logo das modificacións é practicamente o mesmo. Que teñen que dicir agora aqueles que apoiaron descaradamente a Constitución europea?, por estas e outras razóns a CIG pediu o voto NON.

Resulta tamén curioso que na transferencia de poder que fixeron todos os Estados á Unión Europea, entre outras as de lexislación laboral, ninguén saia dicindo que isto é anticonstitucional. Pola contra, se nós pedimos para Galiza dereitos de soberanía para defender os nosos dereitos no traballo, defender os nosos sectores ou a nosa economía, rapidamente nos din que é anticonstitucional. Como podemos ver, se o poder é para que o administre o capital contra a clase traballadora iso é legal; contrariamente a isto, se o queremos administrar nós como pobo, iso é anticonstitucional.


Paremos estas directivas europeas!

Mobilicémonos!

Contra a Directiva Bolkestein,
manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas
na Praza da Palloza de A Coruña
.

 
 Descarga, imprime e difunde
 
pdfPanfleto.
pdfCartaz.

 
 
Informacións relacionadas
30/12/2005 A directiva Bolkestein, a Unión Europea ao servizo exclusivo do capital
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta