|
Actualidade Antolín Alcántara-
Estes son os principios asertivos e os enunciados centrais que se recollen na Declaración Institucional asinada polo Goberno galego, sindicatos e empresarios. A partir de aquí, do diagnóstico común, mais que unha simple proposición de intencións, a cada unha das partes que intervimos neste diálogo asístenos fundamentos identitarios, ánimo e razóns conceptuais distintas. Certamente non agardamos nin perseguimos toda as partes os mesmos resultados, e tampouco cremos que este diálogo social persiga obxectivos revolucionarios que modifiquen a relación de clases; pero para a CIG, este novo instrumento de encontro cara a cara coa Administración e coas restantes organizacións, debe dar a medida deste Goberno galego na súa aposta para o mundo do traballo e o ámbito social, e tamén deberá desvelar o compromiso obxectivo de CCOO e UGT coa clase traballadora galega máis alá da súa dependencia orgánica e submisa á cúpula españolista. A realidade do país e a súa situación social e laboral non están para piruetas nin acrobacias abraiantes que marabillen e seduzan ao momento, nin para instantáneas mediáticas nunha sorte de concurso político, que busca máis insinuar e amagar tomando a dianteira ao contrario, que en propoñer un avance real e profundo nos grandes temas que son centrais na vida do noso pobo. Todos os indicadores que auscultemos comparativamente sobre a nosa situación son teimudos e crónicos: o desemprego, os salarios e diferidamente as pensións, a precariedade, a sinistralidade laboral e os niveis de cohesión social, están asociados á nosa marxinalidade política e falla de soberanía, e reproduce este metabolismo decadente na nosa relación con Europa e o resto do mundo. A razón desta observación ten moito que ver coas palabras recentes do presidente do Goberno español, Rodríguez Zapatero, que nunha audiencia con grandes empresarios e á calor do debate estatutario, manifestou que garantirán para o futuro que o Estado español siga a ser un mercado único. Na prevalencia deste mercado as potencialidades económicas de Galiza, foron sacrificadas en interese das transnacionais españolas e europeas e a lóxica neoliberal do momento. O noso agro, a nosa pesca, as nosas industrias e sectores propios (lácteo, naval, conserva) foron cualificados de maduros e entregados á reconversión, o sector público reducido e expropiado para sectores privados. Os 21 anos de incorporación á Europa multiplicaron por tres a nosa relación desfavorábel de intercambios comercias entre a exportación dos nosos produtos e a importación dos alleos. Para isto están servindo os grandes investimentos en infraestruturas de conexión coa meseta, necesarias pero que responden á arquitectura deste mercado. Alén diso, no pasado mes de decembro o Instituto Galego de Estatística (IGE) achegaba uns datos para a reflexión e a consecuencia; amplifícase a fenda social e o reparto das rendas en Galiza, a riqueza concéntrase en menos mans e a pobreza xa non é residual, un 10% das familias galegas vive baixo a liña da pobreza, un 15% destas ingresa menos de 600€ ao mes e un 33% do total menos de 1.000€ mes. Entrementres, moita da nosa mocidade segue emigrando. Esta realidade que se describe, tantas veces denunciada polo sindicalismo nacionalista, non está inflamada de parcialidade ou falta de rigor. É unha realidade empírica aceptada e indiscutida por todos, pero a orixe do mal está no modelo económico, nas regras do seu mercado e na nosa falla de poder político. Mentras Zapatero defende un ámbito e uns valores únicos de mercado, está dicindo que en ningún territorio se poden alterar as condicións de competencia dese mercado. Por tanto non podemos ter en Galiza un marco de relacións laborais propio con capacidade lexislativa para modificar o réxime de contratación e diminuír a precariedade exponencial no noso país, xa que isto sería rapidamente contestado pola inquisición política como anticonstitucional. Pero non lles parece anticonstitucional transferir o 70% das normas e procedementos regulamentarios de comercio e competencia, nin a potestade de auxilio, promoción ou incentivación de sectores industriais, nin tanto e tanto máis capital lexislativo que antes era soberanía do Estado a Unión Europea nestes 21 anos de unificación. Dificilmente podemos protexernos, defender a nosa economía e a clase traballadora, senón somos interlocutores directos nese mercado. Non podemos arbitrar nin organizar instrumentos de valor social con garantías, se ao mesmo tempo en Europa están a piques de aprobar a famosa Directiva Bolkestein, na que se inaugura o estado máis superlativo do neoliberalismo. O chamado principio do país de orixe, no que calquera empresa de calquera país da Unión Europea pode instalarse noutro país da UE, co seu réxime, fiscalidade, norma medioambiental ou lexislación laboral do seu propio país, ofrécenos unha idea de cales son os valores reais do mercado e do capital. Na mesma Directiva preténdese estabelecer a liberalización dos sectores de comercio e servizos, sen apenas contención de rexistros para aqueles sectores públicos que son básicos na garantía dos dereitos fundamentais colectivos, como son o ensino ou a sanidade. Por tanto este Diálogo social nace condicionado polos límites do propio Estatuto de Autonomía, polos límites financeiros e normativos, e pola propia indisposición das partes que teñen comprometida a súa decisión en ámbitos alleos ao noso país. CCOO e UGT levan meses negociando en Madrid coa cúpula dos empresarios unha nova reforma laboral que pode afectar a todo mundo do traballo, en canto a contratación, despedimentos ou coberturas da Seguridade Social; polo que parece obvio que non pretenderán contradicir os acordos e iniciativas que alí adopten. Nunha situación parecida está o PSOE, agardando as liñas mestras e os contidos do diálogo madrileño para reproducilos en Galiza con toda fidelidade. Neste contexto, dende a CIG, coñecendo os límites e os adversarios, e sen desprezarmos as posibilidades de acordo en certas materias, pretendemos recrear as nosas demandas máis importantes nun espazo visíbel de soberanía, xa que sabemos que ese é o marco potencial de crecemento e mellora da nosa calidade de vida. A clase traballadora galega representa o 70% da poboación ocupada no noso país; polo tanto é central no futuro de Galiza. As principais propostas e medidas que constitúen este diálogo deben estar orientadas para a clase traballadora, ocupados ou non, mulleres, mozos e mozas, porque todos e todas son os verdadeiros emprendedores deste pobo. Para a clase traballadora son as nosas propostas en creación de emprego, en medidas contra a precariedade, en cohesión e salario social, na defensa dos sectores produtivos, no cooperativismo, na recuperación do rural e do medio ambiente, e sobre todo na creación dun Marco galego de relacións laborais que teña todas as competencias lexislativas e de Seguridade Social para a nosa propia defensa. Sabemos que nesta reclamación imos estar sós e enfrontaremos a taimada reserva de dominio do centralismo de Estado e a alianza incondicional de todos os contrincantes, pero para nós é importante seguirmos crendo nas grandes cousas, en todo aquilo que nos transmite ilusión e as razóns de vivir con dignidade, xa que, como dicía Neruda, morre cada día aquel que non ten unha ilusión. A autodeterminación e a nosa clase son esta ilusión. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/01/2006 |
||||
|