ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 28 de xaneiro de 2006

CIG-Ensino agarda solucións para os interinos nas negociacións coa Consellaría de Educación
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xepe Torres e Anxo Louzao, clic para aumentar
Para Anxo Louzao é necesario acadar un acordo de estabilidade para todo o profesorado que teña prestados servizos á Administración educativa durante un ano, diminuír o número de profesorado interino facilitando o seu acceso á función pública docente, conseguir mellores condicións laborais, administrativas e retributivas que conleven o cobro de sexenios e trienios ou cantidade equivalente, dereito á formación continua, dereito a cobrar os meses de verán con 5 meses traballados e mellora na elaboración e xestión das listas de interinos e substitutos. (Na foto, Anxo Louzao (á dereita) e Xepe Torres. ©galizacig.com 23/01/2006).
Rolda de prensa de CIG-Ensino
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 2'31'', espazo en disco: 17.958.408 bytes [17,1 Mb]). Realización: César Caramés.
 
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, e Xepe Torres, membro da súa Executiva, expoñían a precaria situación na que se atopan máis de 5.000 profesores (2.685 interinos e 2.375 substitutos) de Ensino non universitario, na rolda de prensa convocada o pasado luns 23 de xaneiro. Louzao aproveitaba para demandar da Consellaría de Educación medidas dirixidas a solucionar a situación na que se atopa este colectivo, que representa un 16% do total.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, destacou a precariedade deste colectivo concretada na inestabilidade laboral permanente. Así o amosa que curso tras curso haxa profesorado que queda sen traballar. Subliñou que a situación actual deste colectivo caracterízase tamén pola discriminación laboral, administrativa e retributiva con relación ao profesorado funcionario de carreira.

A súa situación laboral inclúe profesorado que traballa con contratos a tempo parcial; hai 533 profesores/as que teñen que impartir unha materia afín (materia da que non son especialistas) e 80 profesores que teñen que impartir dúas materias afíns; 34 que imparten docencia en centros de diferentes localidades; cada curso escolar teñen que cambiar de destino; son os últimos en elixir horarios; os contratos non duran toda a baixa do/a titular da praza; prohibición nuns casos e noutros restrición de acceso ás actividades de formación; imposibilidade de acceder a cargos directivos; non se lles recoñecen os servizos prestados como interinos a todos os efectos; non poden acceder ás axudas do Fondo de Acción Social para adquisición de vivenda; non perciben os sexenios nin os trienios, etc.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou a actitude do anterior goberno por negarse a abrir calquera vía de negociación, o que conlevou que a CIG-Ensino tivera que xudicializar con resultados positivos determinados aspectos como o dereito a cobrar a parte proporcional ao tempo traballado das vacacións e o cobro do complemento específico que o posto de traballo tiña asignado.

Destacou Anxo Louzao que a CIG-Ensino agarda que esta situación se resolva satisfactoriamente nas inmediatas negociacións que a Consellaría se comprometeu a iniciar a finais de xaneiro ou a comezos de febreiro. Para iso é necesario acadar un acordo de estabilidade para todo o profesorado que teña prestados servizos á Administración educativa durante un ano, diminuír o número de profesorado interino facilitando o seu acceso á función pública docente, conseguir mellores condicións laborais, administrativas e retributivas que conleven o cobro de sexenios e trienios ou cantidade equivalente, dereito á formación continua, dereito a cobrar os meses de verán con 5 meses traballados e mellora na elaboración e xestión das listas de interinos e substitutos.

Alén diso, sinalou Louzao a necesidade de vincular a oferta de emprego público para este ano coa negociación pola estabilidade dos interinos.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta