|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os criterios para o reparto por comunidades autónomas dos fondos de reactivación do plan mineiro 2006-2012 beneficiarán a Asturias, que podería recibir entre un 55 e un 60% dos 2.880 millóns de euros que o Goberno destinará nos próximos seis anos para novas infraestruturas, proxectos empresariais xeradores de emprego e axudas á formación. A maior porcentaxe de fondos a recibir por Asturias sairía dos que lles corresponderían a Galiza. Esta non é primeira vez que Galiza se ve discriminada no reparto de fondos mineiros. A Federación de Químicas e Enerxía da CIG xa denunciara no reparto dos fondos do Plan 1998-2005 que dos 200 millóns de euros que nos correspondían só se concederon finalmente 64, unha redución recoñecida polo propio Ministerio de Industria. A Federación de Químicas e Enerxía tamén indica que CCOO e UGT nunca permitiron á CIG participar na Mesa do Carbón e que as sucursais destes sindicatos en Galiza nunca demandaron que se tivera máis en conta ao país nas decisións que tomaban os seus homónimos de Madrid. Esta discriminación foi denunciada polo conselleiro de Industria, o nacionalista Fernando Blanco, quen demanda que se rectifiquen as cantidades destinadas a Galiza no reparto de fondos. A CIG saúda a súa determinación e propón que a esa cantidade se engadan os 140 millóns de euros pendentes do plan anterior, para que se restitúa a legalidade. Ademais, desde a Federación de Químicas e Enerxía considérase moi importante que as actuacións que se leven a cabo desde a Consellaría a respecto deste tema se fagan en común e que se poña a funcionar, de contado, a Mesa Galega do Carbón. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2006 |
||||
|