|
Actualidade / Artigo O banquete de Conxo, a unidade de obreiros
e estudantes Manuel Mera-
A Galiza daquel intre estaba padecendo os últimos anos dunha etapa depresiva, que encetara en 1817, tiña unha povoación de 1.800.000 habitantes que representaba o 12% do total do Estado español. Dende finais do século XVIII, o millo, as patacas e as fabas permitiron unha millor base alimenticia. Había só dúas grandes empresas, a fábrica de Tabacos da Coruña e os estaleiros de Ferrol. Hai protestas obreiras anteriores, especialmente pola introdución polos cataláns de novos xeitos de pesca que lles dan o monopolio. Os motíns de 1757 en Corcubión e Cee, repítense no ano 1763 en Redondela e bisbarra de Vigo, e en 1782 na Coruña, ate chegar aos gravísimos acontecementos da Ría de Muros e Noia en 1812. O banquete viña precedido pola insurreción liberal de 1846, ou sexa, polo provincialismo anticentralista que denunciaba a colonización de Galiza pola Corte española; pola dura represión e a fuxida de moitos dirixentes a Portugal, entre eles Antolín Faraldo. Sería o segundo gran exilio, en palabras do historiador Emilio González López, só comparábel ao que provocou Enrique de Trastamara no século XIV, cando a maioría da nobreza galega exiliouse no veciño país irmán. Tiña como finalidade o xantar facer un encontro fraternal entre estudantes e obreiros. O acto foi censurado polas autoridades desde o seu anuncio, e enriba dos organizadores caeron excomunións da xerarquía relixiosa, nunha época na que esto era unha condena pública. Seica as “damas composteláns poñían velas aos santos” temendo unha repetición do que pasou en París en 1848, onde a insurreción comezou cun banquete semellante. A carballeira estivo arrodeada por soldados mentres durou o xantar. As verbas máis fortes foron as de Pondal, tan clerical posteriormente. Denunciados por sediciosos, Pondal e Aguirre foron ameazados con ser deportados ás illas Marianas no océano Pacifico. O banquete de Conxo foi escollido polo galeguismo como unha das súas datas senlleiras, hai motivos abondo pra que sexa deste xeito, porque reflicte que dende o primeiro xermolar o nacionalismo galego estivo unido aos sectores máis populares, neste caso á clase operaria que daba os seus primeiros pasos. Aquela unidade entre estudantes e obreiros é un símbolo e unha guía, especialmente nun mundo como o actual no que os asalariados-as representan a maioría social, e sobre todo unha necesidade imperiosa pra avanzar nunha sociedade máis xusta, soberana e solidaria. Ademais dun antecedente próximo, xa que se fixo de novo realidade práctica nos últimos anos do franquismo e primeiros da transición... Sería bo non esquecer e reflexionar sobre os resultados desa unidade de acción. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2006 |
||||
|