|
Actualidade CIG-Comunicación-
As mobilizacións veñen provocadas polo incumprimento dos acordos acadados entre o Comité de Empresa e a empresa que naquel momento tiña a concesión da limpeza da Universidade, Maconsi. Ese acordo, ao que se chegaba no ano 2001, prevía a progresiva equiparación tanto económica como social -no decurso destes cinco anos- das traballadoras da limpeza co persoal laboral. Do ano 2001 até o de agora, ese acordo foise facendo efectivo até que en novembro de 2005, no momento de cuantificar a diferenza económica existente entre o persoal laboral e as traballadoras da limpeza se truncan as negociacións e a Universidade négase a asumir o custo que supón a equiparación do persoal.
O secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, explica que a principios do mes de novembro constátase esa negativa a asumir os compromisos adquiridos. “A Universidade saca a concurso público a limpeza tanto do Campus de Santiago como do de Lugo e no prego de condicións non fai referencia á existencia destes acordos, unicamente ao convenio colectivo de Limpeza da provincia de A Coruña, estabelecendo unha contía económica que, en absoluto e dabondo para facer fronte aos custos salariais que suporía esa equiparación económica”, indica. Os propios representantes da Universidade negan a existencia destes acordos. Un descoñecemento que sorprende, máis cando “no social se veñen cumprindo desde o ano 2001 en todos os seus termos e no económico foise incrementando a contía económica con asunción e absoluto coñecemento da Universidade de Santiago”, afirma Noceda. Para o secretario comarcal da CIG de Compostela resulta en todo caso sorprendente que no prego de condicións do concurso público para a concesión do servizo de limpeza do Campus de Compostela, a Universidade fale de 5,5 millóns de euros, o que significa “descontando todo tipo de custos, tanto laborais como de material, como de impostos... deixaría un beneficio empresarial próximo ao 30%”, explica e matiza que “estamos a falar dunha contrata pública onde o que se entende como asumíbel de media é un beneficio empresarial de entre un 6 e un 8%”. Ante isto a CIG de Compostela interpreta que a intención da Universidade é intentar forzar un acordo á baixa coa representación das traballadoras de limpeza. Algo que non se vai conseguir, tal e como advirte Noceda adiantando que a cambio as traballadoras xa acordaron mobilizacións, a primeira o pasado 18 de xaneiro, outra o 26 e de non mediar execución do acordado en 2001, folga a mediados de febreiro. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2006 |
||||
|