|
Actualidade
Santiago, 27 de xaneiro de 2006
Conseguido o seu obxectivo, poñen fin
ao peche na Delegación Provincial
Os afectados polas obras do Porto Exterior de A Coruña serán recibidos pola conselleira de Pesca
| |
 |
| Os afectados polas obras do Porto Exterior de
A Coruña continuarán levando a cabo toda unha serie de accións para que as súas demandas
sexan atendidas. (Foto: Percebeiro colgado
fronte á fachada da Casa do Mar de A Coruña. ©Víctor Echave/La Opinión). |
| |
Ás 14:15 horas do 26 de xaneiro, o colectivo
de afectados polas obras do Porto Exterior de A Coruña acordaban rematar co peche que mantiñan na
Delegación Provincial da Consellaría de Pesca unha vez conseguido que se fixara a data de varias
reunións cos responsábeis da Consellaría. Aínda así os afectados manterán
o calendario previsto en demanda de que se recoñezan as súas reclamacións.
O primeiro peche na Casa do Mar de A Coruña,
onde está a Delegación Provincial da Consellaría de Pesca, tivo lugar o pasado luns día
23 de xaneiro. O colectivo de afectados adoptaba esta medida ao non recibir resposta desde a Consellaría
de Pesca para celebrar a xuntanza acordada con anterioridade.
Nesa xuntanza, a conselleira tiña que dar
conta aos afectados do cumprimento dos compromisos adquiridos, nomeadamente comunicar as reclamacións económicas,
dar cobertura e apoio ao colectivo e presionar para que se atenderan ás súas demandas, que non son
outras que recibir unha compensación polas perdas provocadas polas obras do Porto Exterior.
O colectivo de afectados mantivo os peches até
que o 26 de xaneiro conseguiron que se fixaran as datas para a celebración das reunións. A primeira
terá lugar o próximo 8 de febreiro, ás 11:00 horas, co presidente da Autoridade Portuaria
de A Coruña, co director xeral de Recursos Mariños e coa Delegación do Goberno. A seguinte
celebrarase o 22 de febreiro coa conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos.
Aínda así, continuarán levando
a cabo toda unha serie de accións para que as súas demandas sexan atendidas. En principio xa teñen
solicitadas reunións cos tres grupos municipais do Concello de A Coruña, cos tres grupos municipais
do Concello de Arteixo, cos representantes parlamentarios do Parlamento galego e do Congreso dos Deputados, BNG,
PSOE e PP.
Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A
Coruña e portavoz do colectivo, indica que o obxectivo destas xuntanzas é conseguir que “estes representantes
políticos se comprometan a instar a que os plenos municipais, o Parlamento galego e o Congreso dos Deputados
aproben resolucións encamiñadas a atender as nosas xustas reclamacións”.
O colectivo de afectados, representado pola CIG, vén mobilizándose desde o inicio das obras do Porto
Exterior de A Coruña en demanda de compensacións económicas e de alternativas no sector. No
estudo realizado polo Grupo de Investigación da Universidade de Santiago -do que forman parte os economistas
María do Carme García Negro e Xan Doldán, entre outros- xa se cifran as perdas nuns 27,6 millóns
de euros.
|