Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 20 de xaneiro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Euscadi: unha nova volta de parafuso

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Só a actitude obstrucionista do Partido Popular e de certos poderes do Estado pode facer desencarreirar o proceso de resolución do chamado “contencioso vasco”, proceso que, aínda que longo e complexo, parece que xa comezou a desenvolverse con pé firme.



  Cartaz asemblea Batasuna, clic para aumentar
O propio Goberno vasco e os partidos que o sustentan, encabezado polo PNV, viñan reclamando publicamente que esta asemblea de Batasuna puidese realizarse, pola transcendencia do momento político e a necesidade de que a esquerda abertzale cohesionase o seu propio posicionamento no escenario aberto de cara ao silencio das armas en Euscadi.
 
A prohibición polo xuíz da Audiencia Nacional española, Grande-Marlaska, da asemblea da esquerda abertzale prevista para este sábado 21, e de toda a actividade política deste amplo sector da cidadanía vasca (nucleado hoxe arredor da organización ‘Batasuna’), engade novas dificultades á resolución do chamado “contencioso vasco”, nun momento en que parece inexorábel que este conflito pode resolverse desde marxes democráticas.

Que o presidente do Goberno español Rodríguez Zapatero abrira no Congreso dos Deputados o debate do diálogo para lograr o cesamento da actividade armada da ETA (debate que rematou cunha resolución favorábel a este diálogo por parte dunha ampla maioría da devandita cámara) era un xesto evidente da vontade de abordar politicamente desdes as estruturas do Estado a cuestión vasca. Xesto que se viña a sumar ao da propia esquerda abertzale, que na coñecida como “Declaración de Anoeta” (en novembro de 2004) viña a facer explícita a súa aposta por afondar na vía política non armada.

Así as cousas, só a actitude obstrucionista do Partido Popular e de certos poderes do Estado pode facer desencarreirar un proceso, que, aínda que longo e complexo, parece que xa comezou a desenvolverse. Por iso, son moi malas novas as que cheguen do ámbito xudicial, prohibindo a asemblea de Batasuna, organización que, iso si, levaba meses realizando este debate nas súas bases, en máis de duascentas asembleas por toda Eukal Herria.

O propio Goberno vasco e os partidos que o sustentan, encabezado polo PNV, viñan reclamando publicamente que esta asemblea de Batasuna puidese realizarse, pola transcendencia do momento político e a necesidade de que a esquerda abertzale cohesionase o seu propio posicionamento no escenario aberto de cara ao silencio das armas en Euscadi. E mesmo o PSOE e o Goberno español, nun primeiro momento, semellaban desexar que esta asemblea tivese lugar sen maiores atrancos, aínda que a presión política, mediática e xudicial do PP fixo mudar isto, é obvio que para mal.

Se cadra, este é un bo momento para proceder á derrogación da escasamente democrática “Lei de Partidos”, criticada desde ámbitos moi diversos e dispares polo seu carácter de lei ‘ad hoc’, que conculcaba dereitos e liberdades mesmo recollidos no actual marco constitucional español. Sen esa lei, o famoso auto do non menos famoso xuíz Garzón (nun papel que hoxe desempeña o seu avantaxado alumno, Grande-Marlaska), que ilegalizaba as actividades de Batasuna e a súa propia existencia como organización, ou a recente resolución do devandito Grande-Marlaska, non serían posíbeis, e o futuro dunha Euscadi en paz e democracia (e tamén con soberanía) estaría máis próximo.

Con todo, haberá que ver como se desenvolven os acontecementos, os máis inmediatos e os futuros, os cales nesta cuestión adoitan sucederse imprevisibelmente e con non pouca rapidez. É posíbel que, malia os obstáculos que van aparecendo, en non demasiados meses se poida enxergar algo de luz do longuísimo túnel que leva a unha Euscadi diferente, na que se extinga o conflito armado e na que o dereito a decidir o seu destino recaia nos propios cidadáns e cidadás vascos.


Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta